A carballeira de Famelga, en Cerdedo-Cotobade, acolleu os actos centrais do Día das Letras Galegas. Foi ao pé da escola na que estudou Antonio Fraguas e alí a Real Academia Galega celebrou un pleno extraordinario e público no que interviron Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros, ademais do presidente da institución, Víctor Freixanes.
"O noso idioma é froito da lealdade durante séculos da xente do común das aldeas e das vilas mariñeiras, que o mantivo vivo", destacou Freixanes
"Estamos na carballeira de Famelga, que é como dicir que estamos no corazón primeiro das cousas, porque aquí, nesa casiña baixo os carballos, estaba a escola onde o neno Fraguas, guiado por un mestre que se chamaba coma el, descubriu as primeiras razóns do mundo, as primeiras chispas da curiosidade polo coñecemento, que habían de marcar toda a súa vida", destacou Freixanes no comezo do acto, no que salientou que "o noso idioma é froito da lealdade durante séculos da xente do común das aldeas e das vilas mariñeiras, que o mantivo vivo mentres permanecía afastado da chamada alta cultura".
Clodio González Pérez trazou un percorrido pola biografía de Antonio Fraguas e Francisco Díaz-Fierros analizou o papel e o valor da paisaxe na súa obra. E Fina Casalderrey afondou no seu labor docente e no traballo de base que realizou, de forma calada e constante.
Fraguas foi un "explorador do mundo rural", un "Indiana Jones das corredoiras que loitou contra o esquecemento", dixo Casalderrey
O Fraguas etnógrafo "fuxiu das teorías e centrou os esforzos no traballo de campo, na urxencia da recollida dun patrimonio inmaterial que se esvaía", salientou Casalderrey, que destacou que foi un "explorador do mundo rural", un "Indiana Jones das corredoiras que loitou contra o esquecemento" e foi quen de recompoñer a historia "cos pequenos tesouros que foi atopando, coma quen explora a cara oculta da Lúa, convencido de que tamén nela hai luz: a luz da memoria colectiva".
A sesión concluíu coa interpretación do Himno por parte de integrantes da banda de gaitas e percusión Foula de Cerdedo-Cotobade. Todas as intervencións fixeron fincapé no compromiso de Fraguas co país e coa cultura galega, que se pode resumir -como lembrou Clodio González- nas propias palabras do homenaxeado: "Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nada a cambio".