O vindeiro 17 de maio Antonio Fraguas será o protagonista do Día das Letras Galegas. Ese venres a Real Academia Galega celebrará o seu tradicional pleno extraordinario en Cotobade, escollendo ademais un espazo moi importante para o homenaxeado: a carballeira de Famelga, na parroquia de Augasantas, ao pé da escola á que asistiu Fraguas. Na sesión participarán o académico correspondente Clodio González Pérez, a académica de número Fina Casalderrey e o académico de número Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
Nesa escola un mestre chamado Antonio, coma el, puido ver que aquel rapaz tiña aptitudes e debía seguir estudando. Os seus pais pensaran nun futuro para o neno como maquinista de tren, pero o ensinante convenceunos de que pagaba a pena facer o esforzo de darlle unha carreira.
A Academia vén de dixitalizar e publicar nunha edición especial o discurso de ingreso de Fraguas na institución
Antes, esta mesma semana, a Academia vén de dixitalizar e publicar nunha edición especial o discurso de ingreso de Fraguas na institución. O acto tivo lugar o 8 de maio de 1956 e na sesión de recepción o etnógrafo, xeógrafo, historiador e docente leu un discurso titulado As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán, un texto fiado con versos populares da súa terra. na web da RAG pódese descargar o orixinal, mecanoscrito, e mais o manuscrito da resposta que lle deu Otero Pedrayo. Ademais, pódese ler a edición de ambos os textos adaptados á normativa actual do galego.
Fraguas pasou a ocupar a cadeira que deixara baleira Castelao, finado seis anos atrás
Aquel día Fraguas pasou a ocupar a cadeira que deixara baleira Castelao, finado seis anos atrás, de quen fora alumno no Instituto de Pontevedra e despois compañeiro no Seminario de Estudos Galegos. No seu discurso Fraguas analizou un feixe de coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro, a parroquia de Cotobade onde naceu e creceu.
"Quen me dera ser a rula a ruliña do sertón para facer o meu niño dentro do teu corazón" ou "De Loureiro a Rebordelo / todo é camiño chan, / todas son rosas e flores /postas pola miña man" foron algúns dos versos lidos naquela sesión, que Fraguas despediu con outros versos tradicionais: "Viva, viva quen me axuda, /viva quen me está axudando, /vivan os señores todos /que me están acompañando!".