O Museo do Pobo acolleu este venres a presentación dos actos programados arredor do Día das Letras Galegas, que neste 2019 homenaxea a Antonio Fraguas, que foi precisamente fundador e presidente desta institución. A programación buscará recoñecer a importancia da "cultura popular" e tender pontes entre "as raíces da cultura galega" e as novas xeracións. “A nosa cultura ten unhas raíces profundas e nelas é onde está a forza do futuro”, afirmou Víctor F. Freixanes, presidente da RAG.
Os actos centrais da Real Academia terán lugar o 17 de maio no concello de Cerdedo-Cotobade, onde naceu Fraguas. Alí celebrarase o pleno extraordinario a institución.Aantes, o 28 de febreiro, presentarase tamén en Cerdedo-Cotobade o proxecto web Primavera das Letras. Será nun acto no colexio de Carballedo, da man da súa comunidade educativa e da do colexio de Tenorio, as dúas escolas de Cotobade.
Freixanes chama a enlazar as xeracións "que viven no mundo globalizado e das tecnoloxías da comunicación" coas "raíces dos avós, da memoria dunha cultura que non naceu onte”
Primavera das Letras fornecerá o alumnado de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos arredor da vida e da obra de Antonio Fraguas e premiará traballos sobre el desenvolvidos nos centros educativos no marco do concurso Contádenos o voso Día das Letras. A RAG tamén lle dedicará contidos especiais no Portal das Palabras, o espazo de divulgación do léxico galego promovido coa Fundación Barrié.
O Ano Antonio Fraguas será "unha boa oportunidade para reivindicar as raíces populares do idioma e da cultura popular que o etnógrafo tanto estudou e contribuíu a dignificar, seguindo o ronsel da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos ao que el mesmo pertenceu", destacou Freixanes, que salienta a necesidade de enlazar ás xeracións "que viven no mundo globalizado e das tecnoloxías da comunicación" coas "raíces dos avós, da memoria dunha cultura que non naceu onte”.
Os actos centrais da Real Academia terán lugar o 17 de maio no concello de Cerdedo-Cotobade, onde naceu Fraguas
En novembro será o momento de profundar no seu legado da man dos especialistas que participarán no simposio organizado pola Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura. O encontro terá lugar os días 26, 27 e 28 no Museo e mais na Academia. No apartado das exposicións, a Xunta de Galicia promoverá a mostra itinerante Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, que será presentada no mes de abril. Haberá tamén mostras bibliográficas en bibliotecas de todo o país, relatorios sobre o homenaxeado ou concertos, como o organizado polo Consello da Cultura Galega e que protagonizará a orquestra folk Sondeseu o 16 de maio.
O Concello de Cerdedo-Cotobade tamén ten previsto a celebración dun concerto o propio 17 de maio e un espectáculo sobre a historia da cultura galega previsto para o mes de abril. Entre outras iniciativas, reeditará o Cancioneiro de Cotobade e organizará roteiros polos espazos do municipio relacionados coa vida de Antonio Fraguas.