Antonio Fraguas, o traballador calado da cultura galega

Antonio Fraguas, homenaxeado no Día das Letras do 2019 Dominio Público Museo do Pobo Galego / Consello da Cultura Galega

"Eu traballei sempre por e para Galicia (...) A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron (...) sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia. Por amor á nosa Terra". Como mestre, etnógrafo ou historiador Antonio Fraguas pertenceu a ese grupo de traballadores silandeiros pola cultura galega que tanto na súa época como na actualidade van construíndo o día a día de estruturas modestas, locais, case heroicas.

Máis importante que os postos ocupados por Fraguas foi o traballo de base realizado durante anos, nomeadamente no que atinxe á protección do patrimonio inmaterial

Este 17 de maio o traballador calado -como esta semana titulou unha conferencia o antropólogo Manuel Vilar- será o protagonista duns actos de homenaxe que, ademais, terán lugar ao pé da escola na que estudou: na carballeira de Famelga, na parroquia de Augasantas do concello de Cerdedo-Cotobade. Alí terá lugar o pleno extraordinario da Real Academia Galega, acto central do Día das Letras Galegas, unha sesión na que intervirán Clodio González Pérez,  Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

Foi nesa escola de Loureiro onde un mestre (chamado tamén Antonio) convenceu os pais de Fraguas de que o rapaz tiña futuro nos estudos. Da escola de Loureiro pasou a estudar o Bacharelato en Pontevedra, onde tivo de mestres a Castelao ou Antón Losada Diéguez. Alí, da man doutros compañeiros, fundou en 1923 a da Sociedade de Lingua, creada co obxectivo de defender o galego e de elaborar un dicionario. Xa na etapa universitaria en Santiago de Compostela ingresou en 1924 nas Irmandades da Fala e comezou a colaborar co Seminario de Estudos Galegos en traballos históricos, xeográficos e etnográficos, que nas décadas seguintes marcarían toda a súa traxectoria.

A Guerra Civil supuxo un bloqueo á súa carreira como mestre e investigador, por mor da súa militancia no Partido Galeguista (destacada nesta entrevista por Justo Beramendi) e só a partir de 1950 puido obter a súa cátedra de instituto, sendo destinado ao Instituto Masculino de Lugo, onde antigos alumnos levaron a cabo nas últimas semanas actos de homenaxe e de posta en valor do seu legado. De igual xeito, foi fundamental o seu papel na posta en marcha do Museo do Pobo Galego en 1976, que presidiu anos despois. Porén, máis importante que os postos ocupados foi o traballo de base realizado durante anos, nomeadamente no que atinxe á recuperación e protección do patrimonio inmaterial

Carballeira en Cotobade © Terras de Pontevedra

María Xesús Nogueira define a Fraguas como un "intelectual, investigador e docente vocacional e xeneroso"

"Fraguas teceu unha rede de persoas para recoller patrimonio inmaterial de distintos puntos de Galicia", destaca Malores Villanueva, que publicou este ano Antonio Fraguas. Mestre da memoria (Galaxia, 2019), unha obra que afonda na correspondencia do homenaxeado, que durante anos mantivo contactos con informantes de todo o país para ampliar a recollida de exemplos da cultura popular inmaterial, desde cantos de Nadal a xeitos de celebrar o Entroido. Ou a súa vocación como mestre. A propia Malores Villanueva sinala que o ano 1950, cando por fin puido volver dar clase nun instituto, "foi o momento máis feliz da súa vida". 

A profesora María Xesús Nogueira, autora de Antonio Fraguas: a cultura como forma de vida, define o homenaxeado como un "intelectual, investigador e docente vocacional e xeneroso". Unha xenerosidade que amosou dende o comezo ata o final. En 1994, aos 89 anos de idade, doou a súa biblioteca de case 13.000 libros ao Museo do Pobo Galego, asinando no libro de ouro da institución: "Deixamos o noso 'tesouro', a sinxela biblioteca co pensamento na nosa terra e na nosa cultura".

Pioneiro da radio en galego

O 15 de xaneiro de 1933 tiña lugar a primeira emisión radiofónica da historia de Galicia. Foi cos versos de Bouza Brey "¡Quen dera ser nao senlleira / Naquel mar non presentido / Das xa mergulladas terras!" , lidos por Antonio Fraguas. Unión Radio Galicia foi a primeira radio galega, emitindo dende o convento de San Domingos de Bonaval, en Compostela.

Fraguas foi a voz da primeira emisión radiofónica da historia de Galicia, en xaneiro de 1933

Fraguas era un dos promotores da Liga Santiaguesa Pro-Estatuto, impulsora do acordo con Unión Radio para a posta en marcha do novo medio de comunicación, que en boa medida naceu para impulsar a campaña autonomista. Colaborou coa emisora durante os seus primeiros meses con achegas de tipo literario e político.

Esta emisora, segundo explica Xosé Ramón Pousa, estudoso da historia da radio en Galicia e decano da Facultade de Xornalismo da USC, non tiña moita potencia, "pero como en Galicia non estaba emitindo ningunha outra emisora escoitábase en practicamente todos os lados, tiña un alcance moi superior ao que tería hoxe porque non había saturación electromagnética", sinala. Entre os fitos de Radio Galicia, que a partir de 1940 pasou a formar parte da Cadena Ser, está o de ter feito conexións coa emigración en Buenos Aires a través da vía telefónica "algo naquel momento moi complicado tecnicamente", destaca Pousa.

Da man de Fraguas comezou tamén a colaborar en Unión Radio Galicia Xosé Mosquera, o vello dos contos, quen se fixo cargo dunha serie de programas de divulgación da cultura popular. Os dous, xunto con Conchita Frade e Elena e Dolores Sanluis, gravarían ademais Vaites... vaites!, unha peza cómica que fora premiada no certame de obras de teatro que convocaran as Irmandades da Fala de Betanzos.

Fraguas, primeiro pola esquerda, co elenco de 'Vaites... vaites', en 1933 © MPG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.