"¡Paletos, aldeanos! ¡Libertad, libertad, libertad!". O 8 de febreiro de 2009 era domingo e Santiago amenceu chuvioso. Nas rúas do centro da capital galega a blindaxe policial era evidente. Dende os lugares onde habitualmente estacionan os autobuses de turistas avanzaban grupos de persoas con ricto a medio camiño entre a excursión dominical e o anoxo. Algunhas chegaban dende outros puntos de Galicia, outras moitas de fóra do país. Unhas e outras dicían estar dispostas a manifestarse pola "liberdade" que disque a Xunta estaba a poñer en perigo coa impartición dun "mínimo" do 50% das materias escolares en galego en Galicia. O PP asumiu o argumentario e difundiu como certo que o galego era maioritario nas aulas. Non admitiría ata tres anos despois que realmente era minoritario. Que o afirmado era mentira.
O 8 de febreiro de 2009, a tres semanas das eleccións, destacados dirixentes do PP con Rosa Díez e Albert Rivera como actores secundarios foron á manifestación pola "liberdade" que disque a Xunta puña en perigo por impartir en galego a metade das materias escolares
Os excursionistas de tal reivindicación respondían á convocatoria dunha asociación denominada Galicia Bilingüe, colectivo presidido por unha profesora dun instituto vigués. Tras o correspondente traballo de mercadotecnia, esa asociación substituíra no labor outras pretendidas organizacións e manifestos pantasmas con nomes máis proclives á chanza, como Tan gallego como el gallego.
Cando, contra o mediodía, manifestantes propios e foráneos comezaron a concentrarse na contorna da Alameda, entre os grupos de indignados por unha suposta "imposición" do galego destacaba unha das estrelas das novas canles da TDT, Rosa Díez, líder de UPyD. Achegárase a Santiago porque "la política es más que votar cada cuatro años", explicaba. Moito máis desapercibido pasaba un político que tres anos antes saltara aos medios fóra de Catalunya por aparecer espido nun cartel electoral: Albert Rivera, líder de Ciudadanos, cuxa presenza anunciara a "Federación Norte" do partido.
A delegación dos populares encabezábaa o seu secretario xeral e xefe de campaña, Alfonso Rueda. A Feijóo cadráralle estar a dar mitins en Bos Aires
Pero tanto Rivera como Díez eran actores secundarios da marcha, estratexicamente situada no calendario a escasas tres semanas das eleccións ao Parlamento de Galicia. O verdadeiro desembarco protagonizouno a cúpula do PPdeG cunha rechamante ausencia, a do seu líder e candidato, Alberto Núñez Feijóo, a quen lle cadraba estar dando mitins en Bos Aires -na altura o voto exterior aínda podía mover escanos-. A delegación dos populares encabezábaa o seu secretario xeral e xefe de campaña, Alfonso Rueda. Xunto a el, cargos de primeira liña como Ana Pastor e Carlos Negreira. Tamén Corina Porro ou Ignacio López-Chaves.
Aquela manifestación, secundada por entre 3.000 e 5.000 persoas, segundo sinalara a Delegación do Goberno en Galicia -a organización falou de "decenas de miles"- estivera salferida de incidentes derivados de contraconvocatorias para boicoteala. Algunhas das persoas que apostaran polo boicot guindaran pedras e botellas de cristal. Outras moitas, no entanto, optaran por ridiculizar os organizadores con diferentes parodias a modo de espello. Unhas e outras foran obxecto dunha férrea marcaxe policial, o mesmo que parte da prensa que informaba sobre o evento. Os manifestantes máis exaltados alentaban os antidisturbios na contención dos rebeldes. Era ben guindalos "al mar, como en Chile", berrou un deles.
Contra o consenso logrado en tempos de Fraga
Os argumentos do apoio do PP a esta mobilización viñeran sendo desenvolvidos polo propio Feijóo nos meses anteriores. O actual presidente da Xunta aseguraba daquela "poder dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes, creado dende o propio Goberno". Por iso, clamaba, cumpría "desideoloxizar" e "despolitizar". Para facelo, prometía, ía derrogar o decreto que dende 2007 regulaba o uso das linguas no ensino. Promovía, afirmaba, a "imposición". Un modelo "monolingüe" (en galego).
Tras chegar a anunciar un acordo sobre o novo decreto, o PP desmarcouse da norma que aplicaba literalmente o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no ano 2004
En realidade o PP non sempre estivera en contra daquela norma. Apenas un ano antes da manifestación, en febreiro de 2007, os populares sentaran ante a prensa na mesma mesa que a daquela conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, para anunciar xunto a PSdeG e BNG que viñan de acordar por unanimidade o novo decreto do galego no ensino.
Ou, o que era o mesmo, para desenvolver no eido escolar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un "instrumento esencial para avanzar na promoción da lingua galega", en verbas da representante popular nas negociacións, Manuela López Besteiro, que o Parlamento aprobara por unanimidade en 2004. Efectivamente, o texto definitivo do decreto aplicaba o fixado no plan -"que, como mínimo, o alumnado reciba do 50% da súa docencia en galego"- e, adicionalmente, incluía como anexo a transcrición do apartado do PXNL sobre educación. O aprobado por unanimidade en tempos de Fraga aplicábase coa coalición de PSdeG e BNG.
Pero aquel consenso durou só uns meses. Onde o PP vía desenvolvemento do PXNL dixo pasar a ver "a porta aberta a un modelo monolingüístico" e á devandita "imposición". Feijóo deu por instaurado o "conflito" e lanzouse ao espallamento de promesas como "una casilla en el sobre de matrícula" do ensino obrigatorio para que as familias do alumnado elixisen o idioma das materias escolares. E, de aí, á manifestación de hai agora dez anos.
No mesmo Consello en que Feijóo anunciou a primeira versión do que sería o novo decreto a Xunta aprobou un millón de euros para un informe sobre a fusión das caixas, pero non o fixo público. Todo o mundo ollaba cara á suposta "imposición" do galego
Unha vez pasadas as eleccións, que o PP gañou por maioría absoluta, o presidente e o novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, anunciaron unha rápida derrogación do decreto. Tras organizaren controvertidas enquisas para as que acabaron precisando axuda dunha empresa externa, o 30 de decembro de 2009 anunciaron un primeiro bosquexo de novo decreto que non aprobarían ata cinco meses despois.
Na súa presentación ante os medios Feijóo debullara o que, dixera, era a fin do "modelo monolingüe" e o inicio da era do "plurilingüismo" nas escolas galegas. Naquel mesmo Consello o que a Xunta si aprobara fora destinar un millón de euros a pagar un informe sobre a despois fracasada fusión das caixas, pero non o fixera público. Todo o mundo ollaba cara á suposta fin da presunta "imposición do galego".
Dez anos despois a autodenominada Galicia Bilingüe di estar integrada nunha plataforma co pouco sorprendente nome de Hablamos español. Mentres, estudos recentes acreditan que o impacto da mentira lingüística aínda permanece en Galicia.