Lingua e identidade: un consenso escachado no nome do "equilibrio"

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

13. “Identidade e liberdade. Recuperar os consensos arredor dos nosos símbolos identitarios, moi especialmente no idioma: o galego ten que ser un instrumento de unión, nunca de imposición e debe garantirse a liberdade para escoller lingua en todos os ámbitos”.

Oito de febreiro de 2009. Faltan tres días para que Alberto Núñez Feijóo asine solemnemente o seu Contrato con Galicia e en Santiago xúntanse unhas dúas mil persoas convocadas pola asociación Galicia Bilingüe e vidas tanto dende Galicia como de fóra. Por tras das pancartas, en primeira fila, é posible distinguir á líder de UPyD, Rosa Díez, que daquela aínda tenta explorar o caladoiro do voto nas eleccións autonómicas axitando a bandeira dunha presunta "imposición". Un chisco máis lonxe está boa parte da plana maior do PPdeG. Non está Feijóo, pero si o seu secretario xeral e actual conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda e con el Corina Porro, hoxe presidenta do CES, Carlos Negreira alcalde da Coruña desde 2011 ou Ana Pastor, agora ministra de Fomento. Uns e outros maniféstanse contra o decreto 124/2007 "polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo" e no que se establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares impartidas na lingua propia de Galicia.

En plena precampaña o apoio aberto do PP aos pequenos grupos que sempre criticaran a Manuel Fraga pola súa posición a respecto do galego non era casual, tratábase de aglutinar o voto e evitar que un lixeiro derrame de papeletas cara a UPyD puxese en risco a maioría absoluta. Nesta liña, parte da propaganda electoral de Feijóo redactouse só en castelán e o propio aspirante á Xunta asegura "poder dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes, creado dende o propio Goberno".

Novo decreto e protestas masivas

Conseguida a maioría absoluta tocou gobernar e, nos primeiros meses, tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, baixo cuxa responsabilidade se situara a Secretaría Xeral de Política Lingüística, reiteraban que chegara o tempo da "liberdade", á que se lle incorporara outro termo: "o plurilingüismo". O propio Vázquez e Anxo Lorenzo, filólogo que colaborara co bipartito e defendera en público o decreto do 50%, comandaron xunto ao xefe do Executivo o accidentado proceso de elaboración do decreto, nuns meses ateigados de especulacións nos despachos e de manifestacións nas rúas. Ata en cinco ocasións se encheron as rúas de Santiago, en convocatorias primeiro d'A Mesa pola Normalización e despois da plataforma Queremos Galego, para rexeitar os múltiples avances do decreto, que coqueteaba coa segregación dos alumnos en función da lingua ou coa redución do galego ao 30% das materias. 

O galego quedou vetado nas materias de ciencias

Previo gasto de 109.800 euros en realizar e publicitar unha enquisa entre as familias do alumnado, finalmente o 30 de decembro de 2009, nun inédito Consello da Xunta celebrado contra a tardiña, saían á luz as "bases" do xa chamado "decreto do plurilingüismo". O proceso comezaba nas vacacións de Nadal e remataba nas de Semana Santa. Nunha presentación da que Jesús Vázquez ficou excluído, Feijóo explicaba as liñas mestras dun decreto que, a grandes trazos, deixaba as dúas linguas oficiais nunha aparente igualdade, se ben irían perdendo terreo en favor do inglés. Ademais, malia ao suposto "equilibrio" o galego quedaba vetado nas materias de ciencias e a entrada do criterio das familias en infantil abriu a porta a que parte do alumnado non escoite unha palabra en lingua galega na escola ata os 6 anos.

Despois dun primeiro momento no que mesmo se chegou a amagar con posibles sancións ao profesorado que non aceptase o novo decreto, na comunidade educativa cunde na actualidade a percepción de que a Xunta relaxou moi notablemente o control do cumprimento da normativa lingüística, ao xeito dos gobernos de Fraga. Así as cousas, o punto lingüístico do Contrato queda na gaveta de asuntos por cumprir, dado que, fronte á intención de "recuperar os consensos", tan só o PP defendeu as novas regras de xogo durante estes tres anos despois de rachar, en 2007, o acordo acadado con PSdeG e BNG sobre o galego no ensino unhas poucas horas antes de ser oficialmente pechado. Enfrente estiveron non só os grupos da oposición, senón tamén os sindicatos educativos e de clase e institucións como o Consello da Cultura ou a Real Academia Galega.

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas
Jesús Vázquez, co presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.