As caixas ían pagar o informe de KPMG pero a Xunta puxo o millón de euros polas "discrepancias" entre elas

Fragmentos da memoria na que a Xunta admite como decidiu pagar o informe de KPMG CC-BY-SA Praza Pública

O 30 de decembro de 2009 o Goberno de Alberto Núñez Feijóo arrodeou a súa xuntanza semanal dunha nube de misterio. Convocou o Consello da Xunta en mércores no canto de facelo en xoves, como é habitual. Fíxoo pola tarde e non en sesión de mañá, como adoito. E celebrouno por primeira vez na nova sala do Consello do complexo de San Caetano, creada durante as reformas ordenadas polo Goberno de PSdeG e BNG e que, segundo o PP de Feijóo, eran mostra evidente do gusto da esquerda en Galicia polo "desbalde" e o "luxo asiático".

A Xunta autorizou o pago dun millón de euros a KPMG no mesmo Consello no que anunciou o novo decreto do galego no ensino, o 30 de decembro de 2009, pero non o fixo público

Toda aquela escenificación era o pano de fondo para que Feijóo concretase o que fora un dos seus cabalos de batalla electoral: a derrogación do decreto co que o bipartito desenvolvera o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega dos tempos de Fraga, fixando un "mínimo" do 50% de materias en galego. Na rolda de prensa posterior a aquel Consello Feijóo e o seu daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, anunciaran que o Consello "avaliara" as "bases" do futuro "decreto do plurilingüismo". Non aprobara nada ao respecto. Só tratara un informe sen valor xurídico sobre o tema, primeiro paso simbólico dun proceso que non culminaría ata cinco meses despois, cando o novo decreto si foi aprobado.

Mentres dende San Caetano xurdían titulares sobre a rebaixa da presenza do galego no ensino e Feijóo proclamaba a fin dunha suposta "imposición" e dun "modelo monolingüe", o presidente obviaba un acordo que o seu Goberno si aprobara. A referencia pública daquel Consello da Xunta do penúltimo día de 2009, composta por unha vintena de asuntos, tamén ocultou un acordo que o Executivo galego si adoptara: viña de autorizar o pagamento de 1,03 millóns de euros á consultora KPMG para elaborar un "diagnóstico preliminar sobre a viabilidade da fusión das caixas de aforros galegas". O informe que inicialmente ían pagar as caixas, pero que acabou pagando a Xunta.

Certificado do acordo do Consello da Xunta do 30/12/2009 para pagar o informe de KPMG CC-BY-SA Praza Pública

O certificado asinado por Rueda e Feijóo acredita a autorización do gasto o 30 de decembro de 2009 para pagar o informe de KPMG, contratado o día 22 do mesmo mes no que a consultora xa estaba a traballar dende o día 3

A constatación de que a Xunta aprobou aquel 30 de decembro destinar 1 millón de euros ao informe das caixas pero evitou facelo público é un certificado asinado aquel mesmo día polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda -na súa calidade de secretario do Consello- e o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo. Trátase dun documento necesario para tramitar o gasto que a Consellería de Facenda comprometera con KPMG o día 22 do mesmo mes, xornada na que o departamento daquela dirixido por Marta Fernández Currás asinou coa consultora o contrato para uns traballos que, non obstante, a empresa estaba a realizar dende vinte días antes.

Ese certificado asinado por Rueda e Feijóo, ao que tivo acceso Praza.gal, é parte da documentación que Antón Sánchez, deputado de En Marea, viña reclamando sen éxito á Xunta dende o ano 2013 no marco da comisión de investigación sobre a fusión e quebra das antigas grandes caixas galegas. Tras recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o Goberno accedeu a lle remitir parte dos papeis que pedía. Entre eles, a xustificación do pagamento a KPMG e as facturas emitidas pola consultora.

Ían pagar as caixas, pero houbo "discrepancias"

Entre os papeis da fusión aos que tivo acceso Praza.gal figura tamén unha memoria datada por Facenda na véspera daquel Consello, o 29 de decembro, na que xustifica a "necesidade" do contrato asinado o día 22 para os traballos iniciados o día 3. Nela explica que o plan inicial era que fosen Caixanova e Caixa Galicia as que pagasen o informe finalmente sufragado con cartos públicos e xustifica por que o millóns de euros acabou saíndo das arcas públicas. Esas discrepancias xa foran aludidas pola Xunta naqueles días, pero sen evidenciar que implicaran un cambio no pagamento do informe.

"Inicialmente estaba previsto" que as caixas "asumisen a contratación e o pago" de KPMG, pero "as discrepancias " entre cadanseus datos fixeron "aconsellable" que a operación fose pagada pola Xunta, xustifica 

Ambas entidades encargaran, "a nivel individual, estudos a consultoras independentes" sobre a eventual fusión que chegaran a "conclusións contrapostas"; o de Caixa Galicia era "favorable a unha fusión galega" e o de Caixanova, contrario á operación. A Consellería de Facenda, revela a memoria, tamén realizara "o seu propio estudo, concluíndo que aínda que o contexto é complexo e o proxecto resultante presenta uns primeiros anos complicados, a operación pode saír" e "non é peor que outras que se están a desenvolver".

Este foi o escenario no que se celebraron "múltiples contactos" con ambas caixas, nos que que quedaron claras "discrepancias importantes" tanto "nas proxeccións, como nos datos de partida", ata o punto de tornar en "imposible" lograr "un achegamento" entre os datos de cada unha. Foi neste punto no que xurdiu o plan de contratar a KPMG. 

No mesmo día en que o Consello aprobou o gasto sen facelo público KPMG pasou a primeira factura, de 827.000 euros

"Inicialmente estaba previsto, logo de falar coas caixas de aforros, que fosen estas as que asumisen a contratación e o pago da auditora", admite a Consellería no documento datado no 29 de decembro de 2009. Pero "as discrepancias xurdidas" fixeron "aconsellable" que a operación fose presentada como "unha inspección da Xunta" ao abeiro da lei de caixas vixente naquel momento. Unha situación de "emerxencia" que levou aquel Consello do 30 de decembro a aprobar o gasto dun millón de euros no informe, pero non a facelo público. Naquel mesmo penúltimo día de 2009 a consultora pasou a primeira factura a San Caetano por importe de 827.666,96 euros. O 14 de xaneiro chegaría a segunda, de 206.916,16 euros.

Facturas de KPMG á Xunta pola elaboración do informe das caixas, a primeira datada no 30 de decembro de 2009 CC-BY-SA Praza Pública

En xaneiro de 2010 a Xunta afirmou contar cunha "auditoría" elaborada por KPMG que "avalaba" a fusión; a consultora reiterou despois que non fixera unha auditoría nin avalara a unión das caixas

Neste contexto de "emerxencia", precisamente, é no que se apoia o Goberno galego para xustificar que KPMG fose contratada formalmente cando xa levaba 20 días a traballar no informe e no feito de que a contratación fose realizada sen un concurso público. KPMG, agrega, era a única gran consultora con "experiencia neste tipo de actuacións" que non tivera relación directa con Caixanova ou Caixa Galicia.

Cando a Xunta aprobou e fixo efectivo o pagamento a KPMG o presidente e a conselleira xa levaban semanas a falar do informe asegurando que se trataba dunha "auditoría" -inicialmente referíanse a "auditorías", en plural- "pactada pola Xunta" coas caixas para "despexar calquera dúbida sobre a solvencia" da fusión. Nesta liña, o 20 de xaneiro de 2010 Fernández Currás presentou ante a prensa no nome da Xunta un resumo do que, afirmou, era a "auditoría externa encargada pola Xunta" a KPMG, a cal "avala a solvencia da fusión"

Na última media década a propia KPMG reiterou en varias ocasións que o elaborado non foi unha auditoría e que o resultado do seu informe non foi un "aval" á fusión. O resultado da unión foi Novacaixagalicia, unha entidade fusionada que poucos despois, xa como Novagalicia Banco, tivo que ser rescatada con 9.000 millóns de euros públicos dos que apenas foron recuperados 1.000.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.