0 Gardados para despois

Feijóo admite agora que o que presentara como unha “auditoría” que “avalou” a fusión das caixas non era tal

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admite agora que o que en 2010 o seu Goberno presentara como unha “auditoría” que “avalaba” a fusión das dúas caixas galegas non era tal. Feijóo matizouse a si mesmo este mércores despois de que este martes un directivo de KPMG, a consultora á que a Xunta lle encargara aquel traballo, negase esas dúas afirmacións nas que o Goberno galego sustentara daquela a súa postura favorable a unha fusión que rematou co rescate estatal da entidade resultante.

O presidente, impulsor da unión das dúas entidades malia as recomendacións doutro tipo de operacións, pon agora o foco no feito de que siga a existir un banco con sede en Galicia, Abanca

En xaneiro de 2010, como se pode comprobar na nota de prensa da Xunta que acompaña esta información, o Goberno galego anunciou que a “auditoría” que el mesmo encargara á consultora KPMG para avaliar a súa postura política favorable a unha fusión das dúas caixas de aforros galegas “avalaba” esa operación. Este martes un responsable da consultora dixo no Congreso dos Deputados, na comisión de investigación sobre o rescate bancario, que aquel traballo “en ningún caso era unha auditoría de contas” e que “o noso informe non recomendaba a fusión”, como xa contara hai anos este diario.

Tras esas declaracións, este mércores ao presidente Feijóo preguntóuselle, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, que valoración fai dese desmentido realizado por KPMG. A resposta do presidente foi a de matizar a postura da Xunta tentando non caer en aberta contradición co defendido hai oito anos. Segundo Feijóo, a declaración do responsable da consultora “confirma” que “efectivamente nós o que pedimos foi unha due dilligence, que foi o que fixo KPMG”, obviando así que hai oito anos o Goberno galego se referise a ese traballo como “auditoría”. Pola contra, o responsable da consultora rebaixou aínda máis o alcance do seu traballo e limitouno a un “informe preliminar” ou un “diagnóstico acelerado” no que “non se nos pedía que analizásemos outras alternativas” á fusión que estaba a impulsar a Xunta.

Feijóo di agora que “KPMG con esa due dilligence e cos plantexamentos que por aquel momento estaban vixentes por parte do Banco de España posibilitaba o feito de ter unha entidade financeira radicada en Galicia”

Sobre o segundo dos elementos, o do suposto aval á fusión das caixas, Feijóo di agora que “KPMG con esa due dilligence e cos plantexamentos que por aquel momento estaban vixentes por parte do Banco de España posibilitaba o feito de ter unha entidade financeira radicada en Galicia”. Fronte ao “aval á solvencia da fusión” que esgrimía hai oito anos o Goberno galego, agora o presidente di que aquel informe de KPMG “posibilitaba” a supervivencia dunha entidade financeira en Galicia.

Esa entidade con sede en Galicia que hoxe defende Feijóo é a privada Abanca, froito do rescate e posterior venda por parte do Estado do que quedou da fracasada fusión das caixas. Porén, este martes o directivo de KPMG lembrou que a única recomendación que facía o seu informe era “a absorción de Caixa Galicia por parte de Caixanova”. No que si coinciden agora tanto o presidente Feijóo como o directivo de KPMG é en que as modificacións legais posteriores a aquela análise da consultora invalidaron as conclusións dunha análise que, segundo o consultor, non era máis que a parte inicial dun traballo que debera ser moito máis longo e complexo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Caballero sobre a “auditoría” das caixas que non era tal: “Foi a mentira cósmica de Feijóo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pronunciouse tamén este mércores sobre as declaracións do directivo de KPMG negando no Congreso que o estudo que lle encargou a Xunta hai oito anos fose unha “auditoría” e avalase a fusión das caixas, como o presentou no seu momento o Goberno galego. Caballero cualificou os feitos como “a Mentira cósmica de Feijóo, da conselleira daquela [de Facenda] Fernández Curras, e da interventora da Xunta daquela, a señora [Elena] Muñoz, actualmente candidata ou precandidata, non sei moi ben, do PP á alcaldía de Vigo”.

“Lembran cando nos quitaron unha caixa de aforros? Pois era todo unha mentira”, dixo Caballero, quen engadiu que “as mentiras tarde ou cedo sábense”. Ante esta situación, e referíndose tamén ao seu enfrontamento por diversas obras e servizos compartidos con eses concellos limítrofes, Caballero ironizou con que os futuros candidatos do PP á alcaldía de Vigo vanse presentar “por Redondela ou por Mos”.

09/05/2018 Caballero carga contra a "mentira cósmica de Feijóo" sobre a suposta auditoría para a fusión das caixas

CC BY-SA Praza Pública