Feijóo admite agora que o que presentara como unha “auditoría” que “avalou” a fusión das caixas non era tal

Comunicado da Xunta sobre a presentación da suposta auditoría en xaneiro de 2010 CC-BY-SA Praza Pública
Publicidade
Publicidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admite agora que o que en 2010 o seu Goberno presentara como unha “auditoría” que “avalaba” a fusión das dúas caixas galegas non era tal. Feijóo matizouse a si mesmo este mércores despois de que este martes un directivo de KPMG, a consultora á que a Xunta lle encargara aquel traballo, negase esas dúas afirmacións nas que o Goberno galego sustentara daquela a súa postura favorable a unha fusión que rematou co rescate estatal da entidade resultante.

O presidente, impulsor da unión das dúas entidades malia as recomendacións doutro tipo de operacións, pon agora o foco no feito de que siga a existir un banco con sede en Galicia, Abanca

En xaneiro de 2010, como se pode comprobar na nota de prensa da Xunta que acompaña esta información, o Goberno galego anunciou que a “auditoría” que el mesmo encargara á consultora KPMG para avaliar a súa postura política favorable a unha fusión das dúas caixas de aforros galegas “avalaba” esa operación. Este martes un responsable da consultora dixo no Congreso dos Deputados, na comisión de investigación sobre o rescate bancario, que aquel traballo “en ningún caso era unha auditoría de contas” e que “o noso informe non recomendaba a fusión”, como xa contara hai anos este diario.

Tras esas declaracións, este mércores ao presidente Feijóo preguntóuselle, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, que valoración fai dese desmentido realizado por KPMG. A resposta do presidente foi a de matizar a postura da Xunta tentando non caer en aberta contradición co defendido hai oito anos. Segundo Feijóo, a declaración do responsable da consultora “confirma” que “efectivamente nós o que pedimos foi unha due dilligence, que foi o que fixo KPMG”, obviando así que hai oito anos o Goberno galego se referise a ese traballo como “auditoría”. Pola contra, o responsable da consultora rebaixou aínda máis o alcance do seu traballo e limitouno a un “informe preliminar” ou un “diagnóstico acelerado” no que “non se nos pedía que analizásemos outras alternativas” á fusión que estaba a impulsar a Xunta.

Feijóo di agora que “KPMG con esa due dilligence e cos plantexamentos que por aquel momento estaban vixentes por parte do Banco de España posibilitaba o feito de ter unha entidade financeira radicada en Galicia”

Sobre o segundo dos elementos, o do suposto aval á fusión das caixas, Feijóo di agora que “KPMG con esa due dilligence e cos plantexamentos que por aquel momento estaban vixentes por parte do Banco de España posibilitaba o feito de ter unha entidade financeira radicada en Galicia”. Fronte ao “aval á solvencia da fusión” que esgrimía hai oito anos o Goberno galego, agora o presidente di que aquel informe de KPMG “posibilitaba” a supervivencia dunha entidade financeira en Galicia.

Esa entidade con sede en Galicia que hoxe defende Feijóo é a privada Abanca, froito do rescate e posterior venda por parte do Estado do que quedou da fracasada fusión das caixas. Porén, este martes o directivo de KPMG lembrou que a única recomendación que facía o seu informe era “a absorción de Caixa Galicia por parte de Caixanova”. No que si coinciden agora tanto o presidente Feijóo como o directivo de KPMG é en que as modificacións legais posteriores a aquela análise da consultora invalidaron as conclusións dunha análise que, segundo o consultor, non era máis que a parte inicial dun traballo que debera ser moito máis longo e complexo.

Feijóo, na súa rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste mércores Dominio Público Xunta de Galicia
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Despece

Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.