“É unha pena que non nolo falasen antes, nin en Infantil nin en Primaria, que non nolo aprendesen desde pequenos na casa”. Con esta e outras reflexións semellantes reaccionaron rapaces do instituto María Casares de Oleiros a unha novidosa iniciativa no seu centro. Levaban xa varias horas falando en galego. O nunca visto. Non é tan sequera unha situación estraña, senón inaudita. Incrible se ollamos distancia a realidade sociolingüística nas zonas urbanas do país, pero tristemente habitual e nada sorprendente de meternos na maioría dos institutos de cidades e as súas áreas metropolitanas.
200 rapaces dun instituto sen ningún galegofalante entre 600 alumnos aceptaron o reto de falar galego 48 horas: "É unha pena que non nolo falasen antes, que non nolo aprendesen"
“O panorama é complicado e a situación é esta, non a podemos ocultar; temos que traballar, pero non podemos pechar os ollos ante o que ocorre”, di Nel Vidal, profesor de galego neste instituto oleirense. El foi un dos impulsores da idea que partiu do equipo de Normalización Lingüística do centro: conseguir o compromiso da rapazada para falar en galego durante 48 horas. Así de fácil e así de complicado. E así de revelador.
Nel Vidal, un dos docentes impulsores, sabía que o contexto para o galego era "malo", pero non tanto: "Non é que os datos fosen malísimos, é que son cero; ningún rapaz o fala"
Vidal, que traballou ata este curso en Carballo, chegou ao instituto sabedor de que a situación do galego non era boa. Os peores datos sociolingüísticos dalgúns centros en Galicia falan dun escaso 10% de galegofalantes entre a mocidade. “Sabía que o contexto era malo; podes pensar mesmo en menor porcentaxe, en que sexan moi poucos... Pero non é que os datos sexan malísimos, é que son cero. Ningún rapaz, nin dous, nin tres nin dez... Nada”, reflexiona.
Dos 600 alumnos que ten o IES María Casares, non había nin un só que falase en galego. En Oleiros. En Galicia. Nun centro escolar da Xunta. Agora, polo menos ata que rematou este xoves, houbo 200. Algo é algo. Moito para o contexto no que se desenvolven. Grazas a unha iniciativa que segue o ronsel doutras como 21 días co galego.
“Mesmo nos contextos máis negativos hai que conseguir algo, por pouco que sexa”, engade Nel, sorprendido gratamente e moi satisfeito coa reacción. Os rapaces implicados fixeron primeiro unha campaña de expectación, colgando centos de notas con mensaxes como --“Atréveste?”, “Aceptas o cambio?”-- ou lanzando avións de papel no recreo sobre este Desafío 48 horas que aínda poucos sabían do que se trataba.
A resposta foi mellor do agardada tras unha campaña de expectación: 200 rapaces asinaron un contrato co que se comprometían a falar galego durante dous días
Foi o mesmo alumnado que colabora co equipo de Normalización quen explicou o reto polas aulas. Pensando en que poderían convencer 30 ou 50 compañeiros como moito, argallaron un Contrato de compromiso lingüístico con dous posibles modelos para asinar: ProGalego, consistente en falar galego todo o tempo no instituto, e ProGalegoPlus, para usalo en todas as situacións, orais e escritas, dentro e fóra do centro.
Formáronse ringleiras, acabaron asinando 200 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos (canto menor idade, máis apoio) e a maioría optou polo contrato ProGalegoPlus. “Sorprendeume moito, pola acollida que tivo a iniciativa, pola cantidade de xente anotada e pola implicación... Temíamos que moitos se anotasen por anotar, pero a maioría estano tomando en seri”, explica Vidal. Ao día seguinte, centos de mozos chegaron ao centro dando os “bos días” e coa chapa do desafío na solapa.
Era algo novo para a maioría. “En moitos casos, non é que sexan nenos de familias galegofalantes que non o falan, senón que nas súas familias non existe o galego nin nos pais nin nos avós, xa non é unha cuestión xeracional, senón que se perdeu hai moito”, explica Vidal, gratamente sorprendido pola reacción maioritaria: “Eles mesmos fan a reflexión, pregúntanse porque non lles falaron en galego en Infantil ou Primaria, porque non llelo aprenderon... Senten pena por non telo falado antes”.
“Eles mesmos fan a reflexión, pregúntanse porque non lles falaron en galego en Infantil ou Primaria, porque non llelo aprenderon... Senten pena por non telo falado antes”
“Miña nai comprendeuno no momento e agora recórdamo cada vez que non o fago, meu pai adoita falar en galego comigo... E o resto pregúntame por que falo galego e que estou a facer; explícolles isto e non me miran con cara rara despois”, explica Roi, un dos alumnos, nun dos vídeos difundidos polo propio Vidal.
“Hai máis xente no reto da que eu imaxinaba”; “non nos é complicado”... Nerea, Irene, Arantxa, Nico ou Belén tamén valoran a iniciativa. "Sorprendeume que ninguén se estrañase porque falase galego, nin sequera na miña casa, onde nunca o falo, e meu pai simplemente me respondeu en galego... Polo demais, normal", di Luís. “Algunha broma si que nos fixeron, dicíndonos que non lles gustaba o galego, pero como moita xente está facendo o reto...”, reflexionan Ana e Elena sobre os atrancos a falar na lingua propia.
A realidade agocha aínda outra máis fonda. En Galicia, como lembra Nel Vidal, ha casos “moi dispares” en canto á situación do galego entre a mocidade. “Non é o mesmo o rural que outras zonas, pero nos ámbitos máis urbanos a situación é mala”, lembra. Moito peor desde a aplicación do polémico decreto do plurilingüismo. “De seguir así, será peor, porque a repartición en tres terzos das linguas pode ser mentira, se nas seccións bilingües as materias que se elixen dar noutra lingua son as de galego”, conta
A maioría do alumnado só ten en galego a materia de Lingua Galega: “Se no ámbito familiar e de ocio non teñen contacto coa lingua e tamén llela quitamos do ensino, é imposible que algún día escollan falalo"
Así, en moitos centros pode chegar a haber rapaces que só teñen en galego a materia de Lingua Galega. O resto, en inglés e en castelán. “Se no ámbito familiar e de ocio tampouco teñen contacto coa lingua e tamén llela quitamos do ensino, é imposible que algún día escollan falar en galego porque xa llelo arrebataches do único ambiente onde poderían usalo”, engade.
A iniciativa acabou sendo “un éxito”, difundido por diferentes medios, entre ela a TVG. Puntual, pero beneficiosa e con posibilidade de afondar nela no futuro. “A maneira de xestionalo despois está en intentar conseguir crear, polo menos no instituto, un ambiente dun mínimo de comodidade para quen queira seguir intentándoo”, explica Vidal. “Para que a quen queira seguir falándoo, ninguén o vexa como un estraño, que non lles poñan mala cara ou que eles mesmos saiban xestionar os comentarios negativos”, insiste. Revelador. “Pois si, estamos nun mínimo tal, que iso xa é relevante”, conclúe.