A Real Academia Galega (RAG) acordou pospoñer o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero ante a situación provocada pola pandemia da Covid-19. Segundo explica nun comunicado a institución, o acto mantense no lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol, pero trasladarase do domingo 17 de maio ao sábado 31 de outubro, xusto o día despois do 110º aniversario do nacemento do homenaxeado. De igual xeito, os demais actos presenciais que a institución tiña previsto celebrar nas vésperas e nas datas posteriores ao Día das Letras Galegas terán lugar á volta do verán.
O acto mantense en Ferrol pero trasládase do 17 de maio ao sábado 31 de outubro, un día despois do 110º aniversario do nacemento de Carvalho Calero
A RAG tomou esta decisión "ante a evidencia crecente de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais aínda posible, celebrar actos públicos concorridos". A medida, inédita nos 57 anos de historia do Día das Letras Galegas, adóptase "dende a responsabilidade ineludible, que esixe priorizar a seguridade do público asistente e de todas as persoas implicadas na organización dun acto destas características".
O cambio de data desta e doutras iniciativas, segundo explica a RAG, pretende tamén prolongar a celebración do Ano Carvalho Calero ao longo do último cuadrimestre deste 2020, "procurando minimizar o impacto desta situación de emerxencia na celebración da gran festa da cultura galega".
A RAG aclara que reforzará nas vindeiras semanas na Rede as iniciativas de divulgación da figura e da obra do filólogo, escritor e profesor, tanto a través da súa páxina web principal, academia.gal, e do proxecto para o público infantil Primavera das Letras (primaveradasletras.gal) como do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal).
A entrada en vigor do estado de alarma o pasado 15 de marzo xa obrigara a RAG a adiar o acto centrado no labor como dramaturgo que estaba a organizar da man de Santiago Fernández, que xunto con Manuel Lorenzo dirixe o estudio teatral Casa Hamlet. O programa ía desenvolverse na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, o pasado 25 de marzo, cadrando co trixésimo cabodano do autor e nas vésperas do Día Mundial do Teatro.
Outro acto que terá que ser reprogramado á volta do verán é a homenaxe ao labor de Carvalho Calero como docente, e como parte da resistencia galeguista na posguerra, que a RAG ía celebrar o 7 de maio en colaboración co Colexio Fingoi, o centro educativo lugués que o autor dirixiu dende 1950 ata o seu regreso en 1965 a Santiago de Compostela.