O Día das Letras máis anómalo celébrase dende as casas e con todas as opcións abertas sobre a homenaxe a Carvalho Calero

Unha das ilustracións publicadas nos contidos especiais do sitio web Primavera das Letras © RAG

Este domingo celebrarase, como todos os 17 de maio, o Día das Letras Galegas. Pero será, de seguro, o Día das Letras máis anómalo nas últimas décadas, sen celebracións nas rúas, sen os tradicionais actos oficiais a cargo da Real Academia Galega e, ademais, carentes da programación que todos os anos organizan entidades sociais, culturais e centros de ensino nas semanas previas. A epidemia de coronavirus pasa por riba de todo e deixa calquera celebración nun segundo plano.

"Nunca se viu un Día das Letras nun contexto tan estraño e tan extraordinario"

O pasado 8 de abril a Academia comunicou o traslado ao 31 de outubro do pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, atendendo á imposibilidade de celebralo no 17 de maio. 

Con todo, nas semanas seguintes un gran número de entidades (AELG, Galiza Cultura, A Mesa, AGAL ou AEG) fixeron un chamamento a estender ao 2021 o Ano das Letras dedicado a Carvalho Calero. Argumentaban as grandes incertezas que aínda pesan sobre os actos previstos para os vindeiros meses e polos grandes obstáculos que editoriais, entidades culturais e escolas están atopando para desenvolver a programación prevista ao redor de Carvalho Calero. "Non ten sentido celebrar unhas Letras ao 10% podendo facelo ao 100%", dicía por exemplo AGAL, engadindo que "Don Ricardo, un dos autores máis completos do século XX galego non merece ficar sometido a tantas incertezas nin ao risco de ficar descoñecido pola maioría dos nosos escolares".

"Temos a esperanza de que, se as cousas se normalizan minimamente, se poida trasladar ao último cuadrimestre do ano toda a actividade que estaba prevista"

A Real Academia Galega aínda non se pronunciou de forma definitiva sobre unha decisión de gran transcendencia que debe ser debatida e adoptada polo seu pleno, que aínda non se puido reunir por mor das medidas adoptada ao abeiro do estado de alarma. A decisión, polo tanto, segue aberta e á expectativa da evolución da situación sanitaria e das recomendacións das autoridades. 

"Nunca se viu un Día das Letras nun contexto tan estraño e tan extraordinario", destaca Henrique Monteagudo, secretario da RAG. "Esta situación afecta sobre todo ás distintas iniciativas que fan os axentes sociais. Dende hai xa moitos anos, máis que o Día das Letras  celebramos o Ano das Letras, e as actividades repártense ao longo de varios meses. Pero é certo que a época máis forte coincide coa primavera, a partir do mes de marzo, comezando polas actividades que se levan a cabo nos centros de ensino", di.

Henrique Monteagudo CC-BY-SA Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

A Academia deixa a porta aberta a adoptar unha medida extraordinaria "se non hai posibilidade ningunha de resarcir no segundo semestre do ano a parálise que supuxo isto"

Poderase celebrar con "nova normalidade" o Ano das Letras? Monteagudo explica que "nós temos a esperanza de que, se as cousas se normalizan minimamente, se poida trasladar ao último cuadrimestre do ano toda a actividade que estaba prevista". "Ese é o escenario co que estamos traballando neste momento, tal e como están as expectativas actuais. Pero sempre coa cautela de que isto é moi imprevisible, nestas circunstancias", engade.

Valora a Academia atender a petición das entidades que piden estender ao 2021 as celebracións ao redor de Carvalho Calero? Monteagudo afirma que "a inquedanza amosada por estes colectivos é lóxica e comprensible", pero sinala que "tomar agora unha decisión creo que sería precipitado" e que "haberá que ir vendo como vai evolucionando a situación". Iso si, deixa a porta aberta a adoptar unha medida extraordinaria "se non hai posibilidade ningunha de resarcir no segundo semestre do ano a parálise que supuxo isto".

"Imos intentar facer un pleno na segunda quincena de xuño, pero non sei se vai ser posible. Se non, celebraríase nos primeiros días de xullo"

Con todo, o secretario da institución indica que "o problema que temos agora mesmo é que o pleno da Academia non se pode reunir". "Esta é unha decisión extraordinaria, que non está prevista nos estatutos da institución, que non prevén a posibilidade dunha pandemia", di. Monteagudo lembra que "a decisión que tomamos en abril adoptámola a través dunha consulta virtual, que é válida para unha situación de emerxencia", pero "para tomar decisións de máis alcance é necesario que nos xuntemos. A ver se pode ser canto antes". O secretario da RAG avanza que "imos intentar facer un pleno na segunda quincena de xuño, pero non sei se vai ser posible. Imos intentalo", engadindo que "se non, celebraríase nos primeiros días de xullo".

"Unha persoa central na cultura galega do século XX" con múltiples facetas

Monteagudo destaca a antoloxía poética do autor ferrolán realizada por Pilar Pallarés, "un libro magnífico, que nos descobre esa faceta del"

A pandemia de coronavirus non só obrigou a suspender ou aprazar actividades ao redor da figura de Carvalho Calero, senón que tamén adiou a presentación de varias das publicacións que estaban preparando editoriais e institucións. Entre as obras que si puideron ver a luz, o secretario da Academia destaca a antoloxía poética do autor ferrolán realizada por Pilar Pallarés e editada por Chan da Pólvora, "un libro magnífico, que nos descobre esa faceta del".

Tamén a reedición de A Xente da Barreira realizada por Galaxia ou o libro da propia RAG que recolle a correspondencia entre Carvalho Calero e Otero Pedrayo "e que sacaremos cando poidamos". "Hai moita correspondencia publicada, pero é moi interesante afondar neses materiais, no epistolario que mantivo con Paco del Riego ou Ramón Piñeiro", explica Monteagudo, que engade que "aí temos un material moi interesante para coñecelo a el e para coñecer a súa obra e aí ves tamén cal era o grupo relacional de Carvalho".

Unha das ilustracións publicadas nos contidos especiais de Primavera das Letras © RAG

"Era un intelectual moi polifacético e eu tiña a esperanza de que o Día das Letras servise para afondar en moitas cuestións da súa traxectoria e do seu pensamento, máis aló do tema normativo"

Con todo, Montegudo sinala que aínda bota en falta que se afonde máis en todas as dimensións do autor e en toda a súa traxectoria. "Carvalho era un intelectual moi polifacético e eu tiña a esperanza de que o Día das Letras Galegas servise para afondar en moitas cuestións da súa traxectoria e do seu pensamento, máis aló do tema normativo, que sempre dominou a visión xeral que se ten sobre el", di. "Por iso sería interesante que houbese máis actividade, para poder coñecer o personaxe nas súas diversas facetas, para ter unha imaxe completa", engade. 

Carvalho é, ademais, "unha persoa central na cultura galega do século XX, pois forma parte dese grupo de persoas que ten xa unha traxectoria antes da guerra e que despois son os que salvaron a cultura galega durante o Franquismo e participaron na construción despois da Ditadura", conclúe.

A RAG celebra o Día das Letras cun gran número de contidos na rede

Aínda que a Academia tivo que adiar ata o mes do outubro os actos centrais do Día das Letras, previstos para este 17 de maio, mantén unha actividade moi importante na rede, onde se poden atopar moitos materiais sobre o autor homenaxeado.

A Academia mantén unha actividade moi importante na rede, onde se poden atopar moitos materiais sobre o autor homenaxeado

Os pequenos e pequenas da casa dispoñen de propostas lúdicas e didácticas na web primaveradasletras.gal. Alí pódense atopar materiais para colorear para os nenos e nenas de menor idade, contidos descargables –tamén con ilustracións orixinais– sobre a vida, a obra de creación literaria de Carvalho Calero ou o seu labor como filólogo. A oferta complétase con propostas interactivas centradas na súa paixón polo teatro e a ópera, a súa poesía ou nos espazos vitais do autor como Ferrol e Lugo.

A RAG está, ademais, a debuxar cada día un retrato colectivo do autor a través da serie de microespazos audiovisuais Unha palabra para don Ricardo. Cada participante –membros da RAG e personalidades que trataron e estudaron a Carvalho Calero como Araceli Herrero, Pilar García Negro ou José Luís Rodríguez– elixe unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado. Compromiso, galego cabal, poeta, filólogo, galeguista, soñador, lingua, gramática, orador ou independente son algúns dos termos a través dos cales van debuxando un retrato colectivo que inclúe nalgúns casos a lectura de poemas ou textos de referencia do autor.

Ricardo Carvalho Calero © RAG

Esta sección, feita dende o confinamento, súmase a outros contidos, como a serie de entrevistas dixitais que a institución está a publicar na sección que lle dedica a Carvalho Calero na súa web. Entre elas, destacan as de Pilar Pallarés, Carmen Blanco, Dolores Vilavedra, Laura Tato ou Asunción Fernández, filla do fundador do Colexio Fingoi.

Finalmente, o Portal das Palabras, a web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ofrece outro xeito de se achegar á figura de Carvalho Calero. Esta semana dedícalle as sete entradas da sección A Palabra do Día e pechará a miniserie de setestrelos sobre a súa obra de ficción cun contido centrado na narrativa que se suma aos xa publicados sobre a poesía e a produción teatral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.