A correspondencia con Seoane, Álvarez Blázquez e Paz Andrade amosa o lado máis íntimo de Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero nun congreso sobre Rosalía de Castro en 1985 © CCG

O Consello da Cultura Galega vén de incorporar á súa web especial dedicada a Ricardo Carvalho Calero un conxunto de 23 cartas que o autor homenaxeado no Día das Letras deste anos cruzou con Valentín Paz-Andrade, con Luís Seoane e con Xosé María Álvarez Blázquez ao longo da súa vida. Este epistolario abrangue dende os anos 30 ata finais da década dos 70 e nas misivas revélase a amizade que uniu ao ferrolán cos restantes persoeiros. O CCG xa publicara as 167 cartas cruzadas con Otero Pedrayo, ademais doutros materiais.

Nunha carta a Seoane descríbese a si mesmo como un “un home envellecido e malencólico, pantasma de sí mesmo, supervivinte doutros tempos i estrano nístes”

Estas cartas amosan o lafo máis íntimo de Carvalho Calero. Por exemplo, nunha delas, remitida a Luís Seoane, confésase “sentimental como eu son segredamente” e descríbese a si mesmo como un “un home envellecido e malencólico, pantasma de sí mesmo, supervivinte doutros tempos i estrano nístes”. De igual xeito, afirma que "a miña soedade interior non é pra cultivar en mín unha sociabilidade que nunca poseín en grao sobresaliente. O certo é que a túa muller e ti deixáchedes na miña lembranza o mellor dos recordos; e María comparte enteiramente istes sentimentos. Sempre vos consideraremos dous irmáns, e onde queira que voltemos a nos ver, será pra nós un grande contento vervos".

Ricardo Carvalho Calero, con Ramón Piñeiro © CCG

Carvallo Calero revela a represión sufrida durante o franquismo e trasládalle a Seoane que “só a resurreición do pasado, na persoa dos vellos amigos apertados dempóis de longa ausencia, torna a infundir algún quentor na miña friaxe”

Nas misivas Carvallo Calero revela a represión sufrida durante o franquismo e trasládalle a Seoane, despois de pasaren unha fin de semana xuntos, que “só a resurreición do pasado, na persoa dos vellos amigos apertados dempóis de longa ausencia, torna a infundir algún quentor na miña friaxe”. 

Nas cartas percíbese a fonda amizade que os une e falan, entre outros temas, da oposición como catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago que gañou Carvalho Calero e da que Seoane soubo por Ramón Piñeiro. Tamén do esvaemento da colectividade galega de Bos Aires, e, por suposto, de literatura, do último libro de Ramón Cabanillas e do gran proxecto de Carvalho Calero, a súa “Historia da literatura galega contemporánea”.

Carta de Carvalho Calero a Paz Andrade © CCG

Con Xosé María Álvarez Blázquez intercambia poemas e referencias bibliográficas

No epistolario con Valentín Paz-Andrade podemos ver os pormenores da preparación dun mitin en Ferrol, pero tamén de aspectos máis persoais, como a preocupación de Carvalho Calero polo seu amigo, que acababa de ter un accidente.

Máis numeroso é o epistolario que se conserva con Xosé María Álvarez Blázquez, no que intercambian poemas, referencias bibliográficas e información no gran proxecto de Carvalho Calero, a quen Álvarez Blázquez lle agradece que o propuxera para ingresar na Real Academia Galega. No marco dese arquivo tamén aparece unha carta con Xosé Luís Lomba Alonso.

Carta de Carvalho Calero a Seoane © CCG

Epistolario con Otero Pedrayo

As 167 cartas con Otero Pedrayo corresponden a un período que vai de abril de 1949 a outubro de 1974 e permitíronnos coñecer a amizade entre as dúas figuras

Hai unhas semanas o Consello da Cultura Galega botou a andar un sitio web que ofrece información biográfica, fotografías e audios do homenaxeado e 167 cartas cruzadas con Ramón Otero Pedrayo. É un dos epistolarios máis completos que se conservan e as cartas son case a partes iguais dos dous correspondentes (85 de Otero a Carballo, que están nos fondos do Parlamento de Galicia, por depósito familiar, e 82 de Carvalho a Otero, que están na Fundación Penzol, por disposición testamentaria). Corresponden a un período que vai de abril de 1949 a outubro de 1974 e permitíronnos coñecer a amizade entre as dúas figuras, o seu sentido de país e os proxectos comúns.

Carta de Carvalho Calero a Álvarez Blázquez © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.