Hai xa moitos anos que o galego vive (e en ocasións, revive) en internet en todo tipo de linguaxes e formatos, dende os medios de comunicación á música pasado pola economía, a cultura e tamén a reivindicación. Neste Día das Letras do 2020, inevitablemente condicionado pola pandemia do coronavirus, multiplícanse as accións en internet para celebrar as letras e tamén para percorrer a vida e obra do autor homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero, durante este 17 de maio e tamén moito maís alá. Velaquí algúns dos vieiros dixitais -hai, abofé, moitos máis- que podemos percorrer aproveitando este Día das Letras.
Carvalho Calero 2020 (e 2021?)
A Associaçom Galega da Língua (AGAL) vén de publicar un completo sitio web sobre Ricardo Carvalho Calero en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. A páxina é unha “ferramenta atractiva e útil para achegarse a unha figura de tantas faces como é o propio Carvalho”, en palabras do seu coordinador e irá completándose con novos contidos ao longo dos vindeiro meses. Textos, imaxes, unidades didácticas e un concurso xúntanse a contidos que por mor do coronavirus viraron dixitais, pero que tamén terán percorrido no mundo físico, como é o caso da exposición A voz presente. O proxecto trae tamén consigo a recompilación de abondoso material audiovisual no que don Ricardo "se explica a si mesmo":
Unha palabra para don Ricardo
Dende a sección das Letras Galegas do seu sitio web, a Real Academia Galega elaborou diversos contidos dixitais para este Día das Letras tanto para o público adulto como para a infancia e a mocidade. Dende propostas didácticas e de lecer a percorridos históricos e literarios sobre Carvalho Calero.
Entre as iniciativas dixitais da RAG neste 2020 destaca o proxecto Unha palabra para don Ricardo. Nel, a través de micropezas audiovisuais, membros da Academia e persoas que traballaron e estudaron co autor elixen "unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado ou que retrata un trazo persoal, unha faceta ou unha obra do autor que valora especialmente".
A través do sitio web Primavera das Letras, a RAG tamén ofrece recursos para a rapazada no marco deste 17 de maio. Materiais para colorear ou contidos descargables e pezas interactivas percorren varias facetas do autor, dende a paixón polo teatro e a ópera ata a súa poesía ou os que foron os seus espazos vitais en Ferrol e Lugo.
Unha decena de propostas escénicas e musicais para vivir en liña
De Lugo, precisamente, chega unha das programacións en liña máis amplas neste Día das Letras. A través da súa área de Cultura a Deputación lucense desenvolve, en colaboración co Concello de Lugo, dende este 17 de maio e ata o día 27 a iniciativa As letras en rede cunha decena de propostas escénicas e musicais. "Pretendemos -explican- trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras Galegas, dedicada este ano ao, mais tamén apoiar aos profesionais da cultura, un dos sectores que está a sufrir o impacto da crise da Covid 19 pola suspensión dos espectáculos ao vivo".
Davide Salvado, Raiceira, Ugia Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra, Micromina Títeres, Ana Carreira, Lóis López, Olga Novo e Marina Oural son os artistas cuxo traballo poderá seguirse a través do YouTube da área de Cultura da Deputación lucense. "É unha experiencia nova para case todas as persoas que participan tanto artistas como persoal técnico. Agardamos que guste, e que esta fórmula se manteña como alternativa para soster a actividade cultural mentres non se recuperen os espectáculos ao vivo", sinala a responsable de Cultura de ambas institucións, Maite Ferreiro.