As Letras en confinamento: das lecturas dixitais ás bibliotecas e librarías que virán

Carvalho Calero apenas ten presenza na plataforma de préstamo dixital da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia - Praza Pública

Os espazos físicos da literatura adáptanse ás restricións polo coronavirus que escurecen o día de Carvalho Calero, con só tres libros sobre el e ningún da súa autoría na plataforma de préstamo dixital da Xunta

Cinco veces máis préstamos de libros dixitais a cambio de ningún préstamo de libro físico. Así mudaron nestes dous meses de restricións polo coronavirus algúns dos hábitos de lectura en Galicia, que chega a este Día das Letras 2020 dedicado a Ricardo Carvalho Calero pensando xa en como adaptar á reapertura os espazos físicos da literatura, as bibliotecas e librarías.

O confinamento nos dous meses previos a este Día das Letras, e o gradual desconfinamento que se comeza a producir, deixou a Carvalho Calero sen os recoñecementos habituais no mundo educativo, cos actos oficiais trasladados a outubro, con peticións desde diversos eidos de que o seu ano se estenda ata 2021 e co acceso á súa obra limitado. Coas bibliotecas e librarías pechadas, internet é a principal canle para achegarse ao autor, con espazos dedicados a el nas páxinas da Real Academia Galega, da CRTVG, o portal da lingua da Xunta e especialmente da Associaçom Galega da Língua (Agal), que creou unha completa web arredor da súa figura.

Libros sobre Carvalho Calero na plataforma GaliciaLe de préstamo de libros dixitais da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Porén, malia que as bibliotecas están a desenvolver a través da rede diversas iniciativas de divulgación de Carvalho Calero, o acceso directo á súa obra é limitado. A plataforma de préstamo de libros dixitais das bibliotecas da Xunta, GaliciaLe, non inclúe ningún libro da súa propia autoría e só tres sobre a súa figura: Ricardo Carvalho Calero: A ciencia ao servizo da nación (Laiovento), Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético (Xerais), e Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso (tamén de Xerais para o público infantil e xuvenil). 

A outra plataforma de préstamo existente en Galicia, a habilitada pola Deputación da Coruña para as persoas socias das bibliotecas municipais da provincia, inclúe os mesmos tres libros sobre o autor e engade un da súa autoría, El grupo Nós: Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas y Antonio Losada Diéguez (Antonio Machado Libros), traducido ao castelán por Pilar García Negro.

Pedro Feijóo, Domingo Villar, Ledicia Costas ou Agustín Fernández Paz son algúns dos autores das obras máis prestadas na plataforma GaliciaLe, con máis de 4.500 títulos que a Xunta di que vai ampliar

Á marxe de Carvalho Calero, a plataforma GaliciaLe permite o acceso, segundo salienta a Xunta, a máis de 4.500 títulos, 31 revistas ou 300 audiovisuais feitos en Galicia, e neste tempo de confinamento coas bibliotecas pechadas facilitou o procedemento para darse de alta sen que sexa necesario, como antes, ser previamente socio dunha biblioteca. A Consellería de Cultura di que a raíz do confinamento está a aumentar as licenzas coas que pode prestar os libros máis demandados e que prevé incluir “preto de 90 novos títulos”.

Canto ao uso da plataforma, se o número de usuarios activos ata o 13 de marzo era de 5.933, dous meses despois, a comezos desta semana, ascendía a 14.319. E se nos dous meses e medio do ano ata o comezo do estado de alarma se realizaran un total de 14.921 préstamos, entre o 14 de marzo e o 10 de maio rexistráronse 41.500.

Durante este tempo os libros máis prestados, segundo informa Cultura, foron o infantil Loboferoz, de Patacrúa; Un lume azul, de Pedro Feijoo; Infamia, de Ledicia Costas; Cartas de Inverno, de Agustín Fernández Paz; e Ollos de auga, de Domingo Villar. Máis alá desas cinco primeiras obras, a propia plataforma identifica outras especialmente prestadas entre as que hai máis novela negra de Villar ou Feijoo.

Algúns dos libros máis emprestados da plataforma GaliciaLe CC-BY-SA Praza Pública

Para os libros en papel, as librarías abriron xa o 4 de maio con cita previa e desde o día 11, como as bibliotecas, poden facelo co aforo limitado, pero as administracións están a adiar os protocolos destas últimas

A Xunta asegura que no seu plan de reactivación da cultura prevé un aumento das obras dixitais dispoñibles na plataforma GaliciaLe, un plan no que tamén anuncia compras de libros e axudas ás editoriais. Porén, está por verse como vai ser o futuro das librarías e bibliotecas físicas.

De momento, algunhas librarías xa abriron o pasado 4 de maio, aínda na fase 0 do desconfinamento, con citas previas e prohibición de tocar os libros. Na actual fase 1 desde o dia 11, a súa apertura é con restricións similares ás do resto de comercios, co aforo reducido ao 30% e con distancias mínimas de dous metros entre as persoas.

Canto ás bibliotecas, o Goberno central anunciou a finais de abril que na fase 1 reabrirían con restricións, como os museos, e a pasada semana a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad) reclamou ás administracións que planificasen os protocolos de apertura. Porén, igual que outras institucións galegas que optaron por demorar as aperturas das bibliotecas -algúns concellos comezaron a facelo ao longo desta pasada semana-, a Xunta decidiu darse unha semana pedindo a cada centro que propuxese as súas propias medidas de seguridade en función das súas características, o que provocou críticas da oposición polo que considera unha deixadez de funcións, para acabar aprobando este sábado un protocolo para abrilas a partir deste luns, ao igual que o martes o farán os museos de titularidade autonómica.

As bibliotecas deberán deixar 14 días apartados en corentena os libros consultados ou prestados

O que en todo caso fixou o pasado sábado o BOE a respecto da reapertura das bibliotecas nesta primeira fase é que nelas non se poderán realizar actividades culturais, de estudo en sala nin usar os medios informáticos que hai nelas. Malia que se permite a lectura en sala, o seu aforo reducirase ao 30% e o contacto cos libros, tanto nelas como para os préstamos, estará sometido a corentena: As coleccións de acceso libre permanecerán pechadas ao público e “as obras serán solicitadas polos usuarios e proporcionadas polo persoal da biblioteca. Unha vez consultadas, depositaranse nun lugar apartado e separadas entre si durante polo menos catorce días”, xa que non se poderán desinfectar os libros nin outras publicacións en papel.

Mentres se concreta a reapertura das bibliotecas, o que si se decidiu é que na rede de bibliotecas de Galicia todos os préstamos que fosen vencer desde o establecemento do estado de alarma queden prorrogados ata o 11 de xuño, cando xa se podería estar en fases seguintes do desconfinamento, para que así as devolucións sexan graduais. Despois, está por ver ata que punto impulsa o libro dixital unha pandemia que condicionou por completo o ano Carvalho Calero.

Unha biblioteca galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.