Artistas e xestores culturais sinalan eivas no plan de reactivación do sector presentado pola Xunta

Varias entidades do sector cultural critican a "falta de concreción" do plan © Terractiva

O pasado martes a Xunta deu a coñecer un Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico cun conxunto de 50 medidas "para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo". O Goberno galego recibira duras críticas das principais entidades profesionais do sector cultural, por non responder á súa demanda de accións para facer fronte á grave crise que atravesa este ámbito.

A Xunta espera que "a convocatoria do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo para impulsar así ás industrias cultural e turística"

O Plan presentado polo Goberno galego facía fincapé, especialmente, na importancia da celebración do Xacobeo no ano 2021, esperando que "a convocatoria do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo para impulsar así ás industrias cultural e turística". “Será un Xacobeo distinto do que tiñamos previsto; será un Xacobeo moito máis imaxinativo, moito máis complexo, probablemente, pero o noso obxectivo é acertar” afirmou Núñez Feijóo. No seu conxunto o plan recollía un investimento de 27 millóns de euros; 11 dedicados á actividade turística, 10,6 millóns ao sector cultural e 5,1 millóns a medidas transversais enmarcadas no Xacobeo 2021.

Obras expostas nun stand do Culturgal © A Colectiva

A AGPXC critica a "predominancia do Xacobeo 21 como eixo transversal do feito cultural galego"

Porén, varias entidades profesionais do sector da cultura recibiron con críticas o plan, sinalando distintas eivas e demandando á Xunta modificacións nesta iniciativa. É o caso da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), que difundiu un comunicado no que denuncia a "falta de concreción" do plan, sinalando que a proposta "non especifica en que prazos ou de que modo será aplicada, nin de que xeito se van a atender ás necesidades urxentes provocadas pola Covid-19". A AGPXC critica, así mesmo, a "falta dunha maior participación da CRTVG como fonte de apoio e investimento no sector cultural galego" e a "predominancia do Xacobeo 21 como eixo transversal do feito cultural galego". 

De igual xeito, alerta da "falta de información sobre a adaptación do orzamento de 2020 da Cidade da Cultura á nova realidade para que as súas actividades teñan tamén unha repercusión directa na economía do sector profesional da cultura galega". E, finalmente, atopa unha "falta de protección aos sectores non exclusivamente dirixidos á produción e o consumo e, en xeral, ao sector profesional tan fondamente precarizado, na súa maioría pequenas PEMES e autónomas".

"Estas medidas protexen fundamentalmente á industria cultural e á turística deixando de lado a materia prima do ámbito artístico, as e os artistas", sinala A Colectiva

Pola súa banda, tamén a Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva) criticou as medidas dirixidas ao ámbito das artes plásticas. "Estas medidas protexen fundamentalmente á industria cultural e á turística deixando de lado a materia prima do ámbito artístico, as e os artistas", sinala a entidade, que acusa ao plan de ser "pouco preciso".

A asociación denuncia que "non aparece ningún tipo de apoio para cooperativas formadas por artistas, artistas autónomos ou asociacións de artistas". E, así mesmo, subliña que "o requisito de rango de idade para poder competir ou optar a unha axuda para produción de proxectos ou compra de obra é, nestes momentos, un despropósito e roza a falta de respecto cara o traballo das e dos artistas visuais residentes en Galicia". "As e os artistas, de todas as idades, estanse vendo afectados polas circunstancias derivadas do COVID-19", engade.

Un momento da rodaxe dun filme CC-BY Cris Flava / FICBUEU

Guionistas e realizadores/as afirman que o plan de reactivación que propón a Xunta "pode estar cargado de boas intencións pero non dá respostas concretas a necesidades concretas"

Tamén chegaron críticas por parte de guionistas e realizadores e realizadoras. AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e CREA (Asociación Galega de profesionais da Dirección e Realización) difundiron un comunicado conxunto no que afirman que o plan de reactivación que propón a Xunta "pode estar cargado de boas intencións pero non dá respostas concretas a necesidades concretas". As dúas entidades critican que o Goberno galego non se reuniu cos guionistas "parte esencial e indispensable deste proceso" e tampouco con técnicos, directores, realizadores nin intérpretes "para afrontar os protocolos de seguridade das rodaxes ou para enfocar as axudas que o colectivo, máis aló de produtoras e empresarios, precise".

AGAG e CREA lembran que entre os colectivos máis prexudicados e precarizados están os traballadores e traballadoras do audiovisual: técnicos e técnicas, actores e actrices, guionistas ou realizadores e realizadoras que "son na súa maioría autónomos ou traballan con contratos por obra". Un persoal que carece de "rede de seguridade" e que non ten opción a ERTE, "autónomos que viron a súa facturación minguada ou, directamente, profesionais que ven que ese novo proxecto que esperaban nunca chega", din.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.