O espectáculo debe continuar (pero corre o risco de non facelo). O sector cultural vive sempre no arame e foi xa un dos máis negativamente afectados pola crise do 2008 e anos seguintes. Pouco a pouco foi reaxindo, pero mantendo sempre unha existencia moi precaria. Achega o 2% do PIB galego, 1.100 millóns de euros, e dá traballo a milleiros de persoas. Porén, a maior parte delas viven case ao día, dependendo compañías escénicas, produtoras audiovisuais, editoriais e os propios e propias artistas e creadoras de contratacións puntuais e convocatorias públicas.
O coronavirus e o obrigado confinamento decretado polo Goberno fixeron imposible o normal funcionamento da maior parte da actividade cultural e artística: concertos, obras de teatro, proxeccións cinematográficas..., todas tiveron que se suspendidas, e son moitos os eventos cuturais e festivais de todo tipo que tiveron que mudar as súas datas ou repensar a súa forma de celebración, ante a incerteza do que sucederá nunhas semanas ou nuns meses.
Porén, o que dende o sector cultural se está pedindo é que as administracións públicas e empresas privadas que tiñan contratado algún espectáculo ou servizo cultural para estes días ou para os que están por vir non os cancelen. Que os adíen, que fixen outro día, ou que mesmo os apracen sen data de celebración, á espera de acontecementos, pero que non os cancelen definitivamente.
Nas últimas horas as redes sociais enchéronse de imaxes de artistas e de traballadores e traballadoras da cultura co lema #NonNosCanceles. Estas mensaxes reclaman que "o noso futuro non pode ser cancelado" e alertan de que esta cancelación de contratos pon en risco o sustento de moitas persoas e a supervivencia de numerosas empresas e proxectos.
Esixen "o compromiso da execución do 100% do orzamento destinado á programación e actividade cultural no 2020, co compromiso da non cancelación de ningún evento, procedendo á súa suspensión e reprogramación cando sexa posible"
Subliñan que "a cultura, no seu sentido máis amplo, tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade, o noso futuro. O sector cultural galego reclama o coidado, o acompañamento e comprensión do público que o aplaude e das administracións que deben servir para axudar a que soportemos un golpe desta magnitude". E lembran que "milleiros de artistas en xeral, promotores, produtoras, axencias de representación, persoal técnico de son, luces e montaxe, cámaras, seguridade....e un longo etcétera de profesións que sufrimos un paro indefinido e sen apenas soporte corto-medio prazo". E conclúen que "sen cultura non hai país".
O sector reclama das administracións públicas "medidas de compensación para un sector sen ningunha garantía nin axuda específica". E, de forma específica sobre as contratacións, esixen "o compromiso da execución do 100% do orzamento destinado á programación e actividade cultural no 2020, co compromiso da non cancelación de ningún evento, procedendo á súa suspensión e reprogramación cando sexa posible". Lembran que, deste xeito, a actividade cultural manterase (sexa cando for) e tamén os balances económicos dun sector que non ten reservas para pasar tanto tempo sen traballar.
"O sector cultural é un sector moi precarizado, con moito autoemprego e pequenas empresas, que o están pasando realmente mal ao suspenderse toda a programación cultural e estar pechados os espazos de exhibición. Ademais da enorme incerteza sobre o que vai pasar no futuro", explicaba hai uns días Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultura (AGPXC), que lembraba que "o sector cultural é un sector solidario, proba disto é as actividades que se están facendo na rede, artistas que están facendo concertos, monólogos, obradoiros, etc para facer máis doada a situación de confinamento da sociedade".