Entidades profesionais do mundo da cultura ao igual que artistas e traballadores e traballadoras a título individual levan semanas alertando da situación extrema na que se atopa o sector, un dos máis afectados polo coronavirus, o obrigado confinamento e a suspensión de actividades económicas. O peche de librarías, teatros, salas de concertos, cines e o aprazamento ou cancelación de festivais e outros eventos é un golpe moi duro para empresas e profesionais cuxos balances económicos eran xa bastante axustados antes da crise e que agora se atopan nunha situación que pon en perigo o mantemento da súa actividade.
O Ministerio de Cultura anunciou que nos vindeiros días convocará una xuntanza "co sector da cultura" e adiantou que nela participará María Jesús Montero, ministra de Facenda e voceira do Goberno central
Dende mediados de marzo foron moitas as propostas e demandas dirixidas a Xunta e Goberno central, na procura de medidas que permitisen aliviar a crise e que facilitasen o retorno á normalidade nos meses seguintes.
Unha das últimas propostas foi a lanzada por máis de trinta asociacións profesionais das artes escénicas e musicais de todo o Estado, entre elas Conarte (Confederación de Artistas Trabajadores del Espectáculo, na que se integra a Asociación de Actores e Actrices de Galicia). Estas entidades demandaron 52 medidas extraordinarias para as artes escénicas e musicais. Porén, as declaracións realizadas o martes polo ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes -que rexeitou aplicar medidas específicas para apoiar o sector, apostando por accións globais- provocaron o rexeitamento unánime no mundo da cultura. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a través de Conarte, amosou a súa "perplexidade e preocupación" ante "a inacción recoñecida" por Rodríguez Uribes, "un ministro de Cultura disposto a abandonar o sector cultural".
Previamente, Rodríguez Uribes e Montero manterán un encontro con Nadia Calviño "co obxectivo de estudar medidas de estímulo que se poderían aplicar de maneira específica chegado o momento no sector"
Conarte e o resto de entidades do sector esixiron "unha rectificación" por parte do ministro, un cambio de posición que chegou este venres. O Ministerio de Cultura anunciou que nos vindeiros días convocará una xuntanza "co sector da cultura" e adiantou que nela participará María Jesús Montero, ministra de Facenda e voceira do Goberno central. Previamente á reunión co sector cultural, Rodríguez Uribes e Montero manterán un encontro coa ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, "co obxectivo de preparar a reunión co sector cultural e estudar medidas de estímulo que se poderían aplicar de maneira específica chegado o momento no sector".
Entre as medidas que dende o sector se veñen demandando están o dispoñer de créditos a interese cero para as empresas do sector, autorizar o atraso do pagamento das retencións do IRPF para empresas e autónomos, ou suspender o pagamento das cotas da Seguridade Social para empresas e autónomos durante o vindeiro semestre. Así mesmo, reclámase axilizar os pagamentos, revisar as bases das subvencións, manter as contratacións aprazándoas preferentemente, non rebaixar orzamentos en cultura ou incentivar o consumo cultural baixando o IVE.