Na crise económica da burbulla inmobiliaria acontecida hai unha década, do que primeiro se prescindiu nas empresas medianas e pequenas foi dos equipos de comunicación. O sector económico da cultura foi un dos que máis sufriron recortes e o azoute do FMI, do BCE e dos gobernos do PP. Preto de dez mil xornalistas ficaron sen emprego, e pecharon multitude de pequenas empresas culturais e profesionais do réxime de autónomos.
A idea de que a educación e a cultura eran accesorias fronte á emerxencia económica, callou fondo
A idea de que a educación e a cultura eran accesorias fronte á emerxencia económica, callou fondo. Ten sentido escoller mercar comida ou roupa antes ca un libro ou pagar clases de música. Por suposto.
Desde entón, a asociación entre o cultural e o superficial está instalada no imaxinario colectivo. Malia iso, moitas persoas perseveramos no empeño e abrimos, cada día, as nosas editoras, librarías, estudos de deseño, escolas de arte, galerías, salas de concertos, compañías de teatro, produtoras audiovisuais, academias de idiomas. Espazos produtivos que ademais xeran unha importante cantidade de postos de traballo.
Porén, e afortunadamente, o ser humano é social, creativo, abstracto no seu pensamento, e precisa de comunicación e arte para manter o equilibro mental, o individual e o colectivo. As narracións orais arredor do lume son moi anteriores á roupa de tempada.
Estamos nas casas. Persoas illadas nunha sociedade dixital na que xa non son maioría quen viven en grandes familias, onde os domicilios unipersoais son multitude. Sen balcóns, sen hortas, sen terrazas, con crianzas desesperadas fechadas en poucos metros cadrados.
A cultura está a salvar unha boa parte da nosa saúde mental. Só temos que imaxinar esta situación sen cine, sen libros, sen televisión e sen música para aventurar o resultado
O sector cultural reaccionou axiña. En apenas dous días desde o decreto do confinamento, moitas editoras puxeron a disposición da cidadanía os seus libros, en forma de e-books ou vídeos. Algunhas plataformas de contidos audiovisuais e moitas produtoras, tamén. As actrices e actores, músicas e músicos, que viron canceladas todas as súas previsións de traballo – e por tanto de ingresos - nun prazo non menor de tres meses, ofrecen recitais, concertos e actuacións de balde nas redes. Artistas gráficos penduran debuxos para colorear e cineastas suben curtas, películas, fan documentais cooperativos cos móbiles.
A cultura está a salvar unha boa parte da nosa saúde mental, mentres afunde sen que ninguén semelle decatarse, cunha xenerosidade excepcional.
Cando isto remate, que rematará, cómpre que as administracións e empresas teñan tomado nota. E a cidadanía tamén. O sector da cultura, tanto no seu tecido empresarial como na súa forza de traballo, vai precisar axudas públicas que non se xustifican, no burocrático, cos Excel das empresas tradicionais. E vai precisar que quen poidan volvan mercar libros e pagar por ver películas, entrar nos teatros, nas salas de concertos, nos recitais nos bares e nas canles da internet.
Esta crise é, entre outras cousas, unha moi boa oportunidade para que recoloquemos as prioridades e definamos que é, e que non, prescindible
Porque só temos que imaxinar esta situación sen cine, sen libros, sen televisión e sen música para aventurar o resultado.
Esta crise é, entre outras cousas, unha moi boa oportunidade para que recoloquemos as prioridades e definamos que é, e que non, prescindible.
Somos a nosa cultura. É o que nos define, o que nos fai humanas.
Define imprescindible.