O BOE deste mércores publica un real-decreto, aprobado polo Consello de Ministros deste martes, que recolle unha batería de axudas e medidas de apoio ao sector cultural e ás súas empresas e profesionais. O sector da cultura levaba semanas esixindo do Goberno central a aprobación de medidas específicas de apoio, máis aló das accións e incentivos económicos xerais. Entidades e traballadores e traballadoras incidían nas especificidades dun sector que quedou completamente paralizado polos efectos da pandemia, unha crise que se viña engadir a unha situación previa gran precariedade.
O sector da cultura levaba semanas esixindo do Goberno central a aprobación de medidas específicas de apoio
A pesar de que nun primeiro momento o Ministerio de Cultura rexeitara a aplicación de medidas concretas para o sector, finalmente o ministro José Manuel Rodríguez Uribes comprometeuse a estudar as demandas das entidades profesionais e empresariais do mundo da Cultura. As medidas aprobadas este martes inclúen axudas directas, créditos en condicións vantaxosas e incentivos e apoios para os propios traballadores e traballadoras da cultura. Ademais, recollen compensacións para aqueles e aquelas artistas que viran aprazados ou cancelados os contratos asinados con administracións públicas.
As medidas aprobadas este martes inclúen axudas directas, créditos en condicións vantaxosas e incentivos e apoios para os propios traballadores e traballadoras da cultura
O sector cultural galego, que fixo un chamamento ás entidades públicas para que a programación cultural prevista non fose cancelada (simplemente adiada), tamén se dirixiu con insistencia á Xunta de Galicia, denunciando que o Goberno galego segue sen comprometer medidas de apoio ante a crise do coronavirus, a pesar de que se comprometeu a facelo.
O decreto aprobado subliña que a cultura é un dos sectores económicos "especialmente afectados pola crise e as súas consecuencias", pois "o conxunto dos espazos culturais e escénicos viuse absolutamente paralizado, o que abocou aos seus profesionais a unha drástica perda de ingresos e a unha situación crítica, dada a súa fraxilidade estrutural". Engade que "para facer fronte a esa situación, é imprescindible implementar novas medidas que complementen e adapten as xa existentes con carácter xeral, acomodándoas ás singularidades do sector".
Medidas aprobadas polo Goberno central
Establécese un sistema de axudas extraordinarias a distintos sectores culturais, como as librarías, salas de cine ou empresas de artes escénicas e musicais
- Créditos: A Sociedade de Garantía Recíproca Audiovisual Fianzas SGR promoverá, en colaboración coas entidades financeiras que desexen participar, liñas de financiamento dirixidas a empresas do sector cultural por un importe total de 780 millóns de euros.
- Axudas extraordinarias: Establécese un sistema de axudas extraordinarias a distintos sectores culturais como consecuencia do impacto negativo da crise sanitaria da COVID-19. Para as artes escénicas e da música está dotado con 23,7 millóns de euros.
- Axudas para as librarías: Establécese un sistema de axudas extraordinarias para as librarías independentes co obxectivo de axudar a manter "as estruturas e a cadea de subministración do libro".
- Axudas para as salas de cinema: Dotada con 13,2 millóns de euros, busca compensar os gastos xerados pola aplicación de medidas sanitarias para evitar contaxios, sufragar campañas orientadas á reapertura e volta do público aos cinemas ou á promoción do cinema español.
O Goberno central aboará en concepto de adianto ata un 30% do importe dos contratos de espectáculos asinados con administracións públicas e que foran aprazados ou suspendidos por mor do estado de alarma
- Prestación de desemprego para artistas e traballadores/as culturais: Habilítanse axudas para permitir o acceso extraordinario á prestación por desemprego de artistas que non puideran acollerse ás medidas de apoio xerais. A duración deste prestación por desemprego estará en función dos días de alta en seguridade social con prestación real de servizos na devandita actividade no ano anterior e irá dos 120 aos 180 días.
- Compensación para contratos aprazados ou cancelados: O Goberno central aboará en concepto de adianto ata un 30% do importe dos contratos de espectáculos e servizos culturais asinados con administracións públicas e que foran aprazados ou suspendidos por mor do estado de alarma. De igual xeito, indemnizará ao artista ou empresa con entre un 3% e un 6% no caso de actuacións que foran canceladas.
- Axudas específicas para o sector cinematográfico: Amplíanse os prazos para o cumprimento de obrigas impostas a películas beneficiarias de axudas concedidas no período 2016 a 2019. De igual xeito, as producións recibirán, previa solicitude, o 50 % da axuda outorgada sen necesidade de comunicar o inicio da rodaxe da longametraxe.
Habilítanse axudas para permitir o acceso extraordinario á prestación por desemprego de artistas que non puideran acollerse ás medidas de apoio xerais
- Estreas comerciais, online: Ata o 31 de agosto de 2020, considerarase estrea comercial dunha película, sen que esta perda a súa condición de película cinematográfica, o que se leve a cabo a través de servizos de comunicación audiovisual televisiva, así como de servizos de comunicación electrónica.
- Maiores deducións para as doazóns a entidades sen ánimo de lucro e mecenado: Increméntase en cinco puntos a porcentaxe deducible das achegas realizadas a mecenado e entidades sen ánimo de lucro. Para os primeiros 150 euros pasa do 75% ao 80% e para as cantidades seguintes do 30% ao 35%. Isto afecta ás achegas realizadas polas socias e socios de Praza.gal á Fundación Praza Pública e que son a base do sostemento económico deste xornal.
- Ampliación dos beneficios fiscais ligados ao Xacobeo: Amplíanse un ano máis, ata o 30 de setembro de 2022 (era o 30 de setembro de 2021) os beneficios fiscais aplicables ao Programa Año Santo Jacobeo 2021.