Este 23 de abril vívese o Día do Libro máis estraño. Un Día do Libro coas librarías pechadas, ao igual que as bibliotecas; un día no que, a diferenza de outros, os libros non están na rúa. Con todo, os libros e a lectura están a ser fundamentais nas últimas semanas para facer máis soportable o confinamento.
O Concello de Pontevedra promove unha campaña de fomento do libro galego e das librarías da cidade
A pandemia de coronavirus está a asestar un golpe moi duro ás librarías, que en moitos casos xa non gozaban de boa saúde, en boa medida sufrindo unha competencia atroz por parte de plataformas como Amazon que, paradoxalmente, está a ser a gran beneficiada pola actual situación. A Federación de Librarías de Galicia publicou na súa web unha relación de establecementos galegos que realizan vendas de libros a distancia.
A crise económica que se prevé será dura igualmente para as editoriais e para o sector cultural no seu conxunto, o que xa obrigou ás entidades profesionais e empresariais deste ámbito a reclamar das administracións medidas específicas de apoio. Neste senso o Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, publicou este xoves o informe O sector do libro galego perante a crise da COVID-19, que prevé "un futuro complicado para o sector do libro", cun descenso de ata o 70% nas impresións comerciais. O documento apunta que “non se deixará de escribir en galego nin desaparecerá a demanda de libro en galego”, pero sinala que esta crise "obrigará ao sector a reinventarse", nun escenario "de concentracións empresariais, igual que noutros sectores produtivos”.
Son moitas as iniciativas que concellos, librarías, bibliotecas, asociacións profesionais e outras entidades e colectivos lanzan este xoves para celebrar o Día do Libro dende a actual situación de confinamento.
A pontevedresa Libraría Paz propón realizar "compras anticipadas", nas que a súa clientela merque agora os libros, para recollelos "cando todo pase"
O Concello de Pontevedra promove unha campaña de fomento do libro galego e das librarías da cidade. O obxectivo é promover o apoio a estes establecemento locais e concienciar á cidadanía da importancia de mercar os libros no comercio de proximidade. A campaña utiliza a etiqueta #ganasdelibrarias, a campaña prolongarase durante o mes de maio e consistirá na difusión de pequenos vídeos nos que os libreiros e libreiras da cidade, así como diversas persoas vinculadas ao sector do libro e da cultura, recomendarán á cidadanía un libro en galego.
A pontevedresa Libraría Paz iniciara xa hai uns días unha campaña propia, #oquenosquedaporler, na que propoñen realizar "compras anticipadas", nas que a súa clientela merque agora os libros, para recollelos "cando todo pase". A libraría ofrece un 10% de desconto nas compras do Día do Libro máis outro 5% de desconto nas seguintes compras cando reabra a libraría.
Un gran número de bibliotecas municipais de toda Galicia celebran o Día do Libro con actividades nas redes sociais
O Servizo Municipal de Bibliotecas do Concello da Coruña lanza a campaña 'Mollámonos polos libros', que inclúe preparan actividades que difundirán a través de medios analóxicos para lle achegar a lectura á cidadanía que non se manexa nas redes. As bibliotecas da Coruña presentarán “Lemos para ti”, un conxunto de narracións orais que as traballadoras e traballadores dos centros difundirán a través da súa canle de Spotify e na radio.
O Concello de Santiago lanzou nas redes a campaña #Compostelalenacasa, na que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e distintos concelleiros recomendan a lectura de varios libros, e destacan o enorme potencial literario que ten Galicia.
Marilar Aleixandre, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Francisco Castro, Domingo Villar, Inma López Silva, Manel Loureiro e Silvia Penas participan este xoves nun vídeo no que amosan as súas lecturas preferidas
A través dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra, Marilar Aleixandre, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Francisco Castro, Domingo Villar, Inma López Silva, Manel Loureiro e Silvia Penas participan este xoves nun vídeo no que amosan as súas lecturas preferidas. Ademais, a insitución provincial convida a compartir citas dos libros favoritos nas redes sociais coa etiqueta #adepocoalectura.
Tamén en Pontevedra, o Salón do Libro Virtual leva a cabo este 23 de abril unha programación especial que constará dun maratón de contos, música e un obradoiro, contidos que se poden atopar nos seus espazos nas redes sociais e mais na súa web.
Tamén celebran o Día do Libro nas bibliotecas. A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad-Galicia) recolle na súa páxina as actividades que se están a organizar en toda Galicia co gallo desta conmemoración. Ames, Baiona, Caldas de Reis, A Coruña, O Grove, A Guarda, Lugo, Neda, Oleiros, Ortigueira, Pontevedra, Redondela, Ribadavia, A Rúa, Compostela, Sober ou Vigo organizan actividades de todo tipo a través das redes.
Apoio ao sector do libro
A pasada semana a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia instaron á Xunta a concretar medidas de apoio para o sector do libro galego, lembrando a proposta xa realizada a finais de marzo. As tres entidades urxiron ao Goberno galego "a marcar xa un orzamento e un calendario de execución das axudas, como xa se está a facer noutros lugares, para tentar paliar esta situación de emerxencia".
AGE, AELG e FLG urxiron ao Goberno galego "a marcar xa un orzamento e un calendario de execución das axudas, como xa se está a facer noutros lugares, para tentar paliar esta situación de emerxencia"
As medidas trasladadas polas tres asociacións do libro galego concretábanse, principalmente, na posta en marcha dun bono libro familiar, o apoio á edición cunha convocatoria específica de axudas, campañas de fomento da lectura, incremento do 50% na dotación para compra de bibliotecas, un plan de choque para despois do estado de alarma para as librarías, e a redistribución do orzamento destinado ao Xacobeo 2021 coa finalidade de destinar máis recursos á edición, á actividade dos escritoras/es e ás librarías, entre outras medidas.
Ademais das demandas realizadas por AELG, FLG e AGE, unha vintena de entidades e colectivos profesionais consensuaron un documento de propostas que remitiron á Xunta que inclúe propostas como axilizar os pagos, revisar as bases das subvencións, manter as contratacións aprazándoas preferentemente, non rebaixar orzamentos en cultura, incentivar o consumo cultural baixando o IVE, así como axudas directas ao sector para que poidan facer fronte ás súas necesidades. O Ministerio de Cultura, tras rexeitar nun comezo a aprobación de medidas específicas para o sector, iniciou o estudo destas accións, respondendo ás críticas que recibira.