O pasado 20 de marzo o sector cultural galego, representado pola maior parte das entidades profesionais, consensuou e enviou á Xunta un documento de análise da situación creada pola crise do coronavirus, que incluía unha proposta de medidas específicas de apoio. Dende entón pasaron cinco semanas e o Goberno galego non respondeu a esa proposta con ningún compromiso concreto, aínda que a Consellería de Cultura si mantivo encontros sectoriais e, ademais, anunciouse un plan de préstamos blandos do IGAPE común para toda a economía galega.
Unha vintena de entidades profesionais veñen de asinar un novo documento que denuncia esta falta de apoio e que reitera as demandas expresadas hai máis dun mes, resumidadas en 15 propostas. Todos estes colectivos subliñan "a necesidade de ter xa medidas concretas para o cumplimento destas propostas e comenzar a solventar a problemática dun sector estratéxico e vital para a convivencia como é o cultural".
Entre os asinantes están a Academia Galega de Teatro (AGT), Asociación de Escritores - Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura), Escena Galega, Músicas Ao Vivo ou a Unión de Cooperativas Galegas (Espazo Coop).
O documento tamén vai ser enviado ao Consello da Cultura Galega e ás diferentes forzas políticas "para que se posicionen e se compromentan a integralo nos seus programas electorais", de cara ás eleccións ao Parlamento, que se celebrarán este ano.
Algunha das medidas
- Reprogramar o Xacobeo 2020 e 21 para o fortalecemento real da Comunidade Cultural Galega.
- Adaptar todas as convocatorias de Subvencións e becas culturais á realidade actual e garantir anticipos de tesourería.
- Compromiso por parte de todas as administracións galegas da execución do 100% do orzamento destinado á programación e actividade cultural no 2020.
- Compromiso da non cancelación de ningún proxecto cultural.
- Recoñecemento do libro galego como "estratéxico e prioritario" para a cultura galega, tal e como figura na Lei do Libro e da Lectura de 2006
- Reparto equitativo e accións dentro do plan de urxencia de 25 millóns de euros anunciado para o sector “cultural e turístico”.
- Implicación da Radio e Televisións de Galicia con múltiples contidos que representen a todo o sector cultural galego nas suas programacións con orzamento definido e específico.
- Elaboración dun plan de profesionalización do sector cultural e a loita contra a precariedade no mesmo.