A Associaçom Galega da Língua (AGAL) vén de publicar unha completa web sobre Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado no ano 2020 con ocasión do Dia das Letras Galegas. A páxina, que contou co apoio da Secretaria Xeral de Política Lingüística, inclúe contidos sobre a vida e a obra de Carvalho Calero, recursos didácticos sobre a sua figura, audiovisuais ou unha relación de eventos arredor do Día das Letras Galegas deste ano. A web está dispoñible tanto na grafía do galego internacional que defende a Associaçom, como na norma oficial do galego.
A páxina é unha “ferramenta atractiva e útil para achegarse a unha figura de tantas faces como é o propio Carvalho”, en palabras do seu coordinador
Coordenada polo integrante do Consello da AGAL Miguel Penas, e polo presidente da entidade, Eduardo Maragoto, a páxina quere ser unha “ferramenta atractiva e útil para achegarse a unha figura de tantas faces como é o propio Carvalho”, en palabras de Penas. Nos contidos destacan os dedicados á vida e obra do homenaxeado, cun texto biográfico da autoría de Martinho Montero Santalha e unha sección coas fichas de todas as monografías do autor, compiladas por Marcos Saavedra. Esta sección será ampliada proximamente coa inclusión de traballos menores e artigos do autor.
Na parte dedicada aos recursos tamén se poden consultar varias unidades didácticas adaptadas aos diferentes niveis do ensino, realizadas polos docentes Laura García Díaz, Marisa Moreda Leirado e Bernardo Penabade, e mesmo un monográfico dedicado á novela Scórpio e outro á sua lectura en clave feminista, da autoría de Teresa Crisanta e Susana Sanches Arins, respectivamente.
A web acolle tamén un concurso ao redor de Scórpio, "pensado para calquera alumna ou alumno do ensino medio". Os e as participantes deberán remitir un relato que debe seguir as características formais do texto orixinal (por exemplo, narrador testemuña en primeira persoa).
A sección de audiovisuais inclúe varios vídeos, entre eles o documental “De Carballo a Carvalho” producido pola AGAL este ano. E, igualmente, distintas gravacións do autor homenaxeado
Na sección de Eventos estará aloxada a exposición “A voz presente” promovida pola Agal en colaboración co goberno galego e producida por Ouvirmos. A mostra, que xirará por diferentes localidades galegas pretende difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e pór en valor e resituar a súa figura e o seu legado.
A sección de audiovisuais inclúe varios vídeos, entre eles o documental “De Carballo a Carvalho” producido pola AGAL este ano. E, igualmente, distintas gravacións do autor homenaxeado. Entre elas destaca por exemplo un video coproducido por A Nosa Terra e a Asociación Socio-Pedagóxica galega en 1991. Con guión de Francisco Rodríguez e produción de Xan Carballa, toma como unha das súas bases narrativas anacos dunha longa entrevista realizada por Francisco Salinas Portugal a Carvalho Calero.