O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, anunciou este martes os primeiros pasos do proceso de desescalada do confinamento decretado polo Executivo o pasado 14 de marzo. Aprobado polo Consello de Ministros, será asimétrico e en catro fases (0, 1, 2 e 3), nas que irán entrando os diferentes territorios, segundo o seu nivel de cumprimento cos indicadores de evolución da pandemia.
Cada fase terá unha "duración mínima de dúas semanas", o período medio de incubación do coronavirus. Xa que logo, o proceso total terá unha "duración máxima tentativa en caso de que todo transcorra como ata agora" de oito semanas para todo o Estado. [Galicia cumpre os criterios hospitalarios da desescalada, pero debe reducir aínda a transmisión do coronavirus]
Ademais, segundo dixo Pedro Sánchez, a desescalada será "gradual, asimétrica e coordinada" e a unidade será "a provincia e a illa". "Non haberá mobilidade entre provincias e illas", explicou, ata que os indicadores non o permitan, e serán estes os que marcarán, en cada unidade territorial, as diferentes fases da desescalada.
A desescalada farase por provincias pero Sánchez abre a porta a "propostas alternativas" pera "unidades máis desagregadas" por parte das autonomías; a preferencia da Xunta son as áreas sanitarias
No entanto, Sánchez abriu a porta a que ese territorio de referencia non sexa a provincia, no caso de que as comunidades autónomas propoñan outra división. Desde a Xunta, Feijóo formulou a posibilidade de que, para este proceso, a división fosen as sete áreas sanitarias galegas e que a especificidade do rural respecto dos espazos urbanos fose tida en conta. "Loxicamente", dixo o presidente do Goberno central, "se as propostas alternativas están suficientemente motivadas e podemos controlar a evolución da epidemia en unidades máis desagregadas, non temos ningún problema". Tras a declaración de Sánchez, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou en declaracións á Cadena SER a preferencia do Executivo galego pola opción das áreas sanitarias.
Con todo, noutra resposta posterior, advertiu que a liberdade de movemento será "interprovincial" e que será o Ministerio de Sanidade quen decida se hai posibilidade de aplicar outras "unidades de acción diferentes". Os desprazamentos entre provincias por motivos laborais si estarían permitidos. Dentro da provincia, a posibilidade de visitar familiares ou outras casas dependerá dos detalles futuros e da fase na que se atope cada territorio, pero "nunca" na fase inicial.
O proceso de desescalada, segundo informan Irene Castro e Aitor Riveiro para eldiario.es, iniciarase o 4 de maio na fase 0 e, segundo as previsións, tardará entre seis e oito semanas en desenvolverse completamente en todo o Estado. "A finales de xuño estaríamos nunha nova normalidade se a epidemia está controlada", dixo Sánchez, que aclarou que as illas de Formentera, La Gomera, La Graciosa e El Hierro arrancarán o 4 de maio directamente a fase 1. O resto de territorios comezarán o día 11.
Fase 0: preparación
A fase 0 será a de preparación e "ademais de medidas de alivio para toda España" como as saídas dos nenos xa aprobadas ou, a partir do 2 de maio, o permiso para "facer exercicio". Abriranse algúns negocios, como locais con cita previa e restaurantes con servizo de comida para levar a domicilio.
A fase 1 permitirá a reapertura do comercio con medidas de seguridade e das terrazas cun 30% do aforo, os hoteis e os aloxamentos turísticos
Fase 1: "Inicio parcial dalgunhas actividades"
Será a "fase inicial", que se intentará establecer o 11 de maio, e permitirá o "inicio parcial dalgunhas actividades". Como exemplo puxo a reapertura do comercio "baixo condicións estritas de seguridade" e con excepción dos "grandes centros comerciais onde son máis probables as aglomeracións". Permitirase a apertura de terrazas na hostalería cunha limitación ao 30%, así como hoteis e aloxamentos turísticos, "excluíndo zonas comúns". Sánchez indicou que estas aperturas terán "un horario preferente para maiores de 65 anos".
Ademais, no sector agroalimentario e pesqueiro reiniciarase a actividade e reabriranse "lugares de culto, limitando o seu aforo a un terzo". Tamén se retomarán as actividades deportivas de "alto rendemento" e "se é posible" iniciarase o "adestramento en ligas profesionais". Ademais, nesta fase "o uso de máscaras será altamente recomendado no transporte público".
Fase 2: intermedia
Na fase 2, ou intermedia, a hostelería poderá reabrir os seus locais interiores sempre controlando o aforo, a un terzo e servindo mesas. Nesta fase, e aínda que o curso escolar non volverá ata setembro, permitirase que os alumnos menores de 6 anos teñan actividade nas escolas para permitir aos pais regresar aos traballos esenciais. Tamén se permitirá a celebración das probas de acceso á universidade.
Nesta fase retomaranse actividades como "a caza deportiva" e "reabriranse os cines e os teatros" e outras actividades de ocio "con limitación de aforo dun terzo". "Serán posibles as visitas a monumentos ou a exposicións cun terzo do aforo", dixo Sánchez, que aclarou que se permitirán actos culturais de menos de 50 persoas e un terzo de aforo en recintos pechados. Ao aire libre, "cando congreguen menos de 400 persoas e sempre sentados. Os lugares de culto poderán abrir ao 50%.
"Non hai un calendario pechado e uniforme. Avanzaremos tan rápido como o permita o control da epidemia e o control da sáude"
Fase 3: avanzada
Nesta fase "flexibilizarase a mobilidade" cun "aforo do 50% na actividade comercial queu permita a distancia física de dous metros. A restauración tamén limitará o aforo ao cumprimento das condicións de separación. Con todo, os detalles serán aclarados en "ordes do Ministerio de Sanidade" que determinará "supostos e condicións". [Galicia cumpre os criterios hospitalarios da desescalada, pero debe reducir aínda a transmisión do coronavirus]
"Mediremos cada fase en cada lugar", engadiu Sánchez, que aclarou que o Goberno central manterá o estado de alarma e o mando único en todo o proceso. "Non hai un calendario pechado e uniforme. Avanzaremos tan rápido como o permita o control da epidemia e o control da sáude", engadiu o presidente do Goberno central. "Ao concluír estas tres fases estará concluída a desescalada e cada provincia chegará á situación de nova normalidade. Rematarán nese momento as medidas epidemiolóxicas", concluíu, segundo conta Analía Plaza para eldiario.es.