Feijóo pide ao Goberno central que "axilice" a apertura de negocios e acúsao de "certa lentitude"

Feijóo, durante a Conferencia de Presidentes de forma telemática CC-BY-SA Xunta

Feijóo insiste en acelerar a apertura da economía ao considerar que moito tempo máis da parálise que se mantén en varios sectores tornará a pandemia sanitaria en "pandemia social e económica". O presidente da Xunta, na rolda de prensa que ofreceu logo da Conferencia de Presidentes telemática co resto de dirixentes autonómicos e Pedro Sánchez, advertiu mesmo dunha "certa lentitude" nesas medidas que permitan o reinicio dalgunhas actividades e teimou en solicitar a apertura, coas medidas de seguridade axeitadas, de comercio ou, unha vez máis, dos concesionarios de coches, espazos onde volveu centrar boa parte das súas reclamacións. 

"A desescalada debe axilizarse, non é responsable que perdamos tempo no debate cando os nosos socios europeos están aplicando xa medidas", di Feijóo

O presidente da Xunta cre que esa desescalada debe ser "gradual, reversible e dinámica", pero pide ao Estado que "actúe de forma inmediata". "O Goberno central debe aclararse e axilizarse, implantando principios e metodoloxías comúns", asegurou, advertindo que, de errar, causarase "un enorme dano ás familias e á economía". "A desescalada debe axilizarse, non é responsable que perdamos tempo no debate cando os nosos socios europeos están aplicando xa medidas, como en Alemaña, ou trazaron un horizonte, como Portugal ou Francia", insistiu Feijóo, que desvelou que en Galicia hai 140 concellos libres de coronavirus. 

Precisamente, e respecto do feito de que a Xunta non facilite datos por concellos, Feijóo aclarou que os expertos non llo "aconsellan" de momento "porque son dinámicos, poden xerar unha falsa sensación de inseguridade e en sitios con poucos casos poden provocar a estigmatización dos afectados".

Feijóo foi máis alá e advertiu de que "o impacto económico que se está a producir como consecuencia da pandemia e de certa lentitude no ámbito da apertura económica vai ser moi malo", polo que insitiu en "moverse" para evitar "unha pandemia económica e social". 

Ademais, Feijóo apoiou o "mando único" do Goberno central á hora de afrontar a desescalada, pero tamén reclamou que se teña en conta "a especificidade" de cada zona a tra´ves dunha "cláusula de salvagarda territorial para que as comunidades poidan moverse cunha certa flexibilidade" no que ten que ver coa "apertura dos sectores económicos de acordo coa nosa propia situación sanitaria e xeográfica”. Para iso, engadiu, é necesario para iso é necesario "coñecer canto antes todos os datos dos que dispón o Executivo central, o horizonte que propón e a metodoloxía que se pretende tanto para a apertura inicial como para os posibles peches no caso de rebrotes".

Feijóo rexeita unha desescalada por provincias e pide que sexa por áreas sanitarias

No mesmo sentido, Feijóo rexeitou que a desescalada se faga por provincias, tal e como planea o Goberno central, e instou a que en Galicia se faga por áreas sanitarias, puidendo dividir estas en "microzonas". Segundo dixo, esta división nas sete áreas do Sergas nas que se divide Galicia permitiríalle avaliar a situación de cada zona en función das "infraestruturas sanitarias" e de camas de hospitalización e de UCI. 

O xefe do Executivo galego pediu tamén "criterios demográficos" á hora do desconfinamento, diferenciando os maiores de 70, os menores desta idade e os que baixen de 14 anos, ademais de ter en conta as patoloxías previas. 

En canto ao progresivo regreso das actividades económicas, Feijóo propón tamén unha división por sectores que poderían reiniciarse en función do risco da área sanitaria onde funcione. "No caso de que nun territorio atopemos un foco, parece razoable acordonalo e agardar uns días", dixo. Alén diso, reclamou de novo indicacións claras para a reapertura dos mercados ao aire libre, decisión que xa tomaron outras comunidades autónomas hai semanas. 

A oposición pide un pacto de todos os partidos

Desde a oposición, que esta tarde mantiña unha xuntanza con Feijóo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, peiu ao presidente da Xunta que compareza no Parlamento galego, “unha vez á semana” e pactar con todas as forzas políticas “as medidas para un desconfinamento” con todas as garantías.

Pontón advirte ao presidente da Xunta a necesidade de situar “a saúde” como primeiro requisito na toma de decisións para unha desescalada e “non botar por terra” todo o conseguido durante estas semanas. A líder do BNG cre que  chegou o momento de “consensuar” entre todas as forzas as medidas "que nos permitirán saír a rúa e recuperar, paulatinamente, o tecido, laboral, económico e social en Galiza".

Pontón advirte ao presidente da Xunta a necesidade de situar “a saúde” como primeiro requisito na toma de decisións para unha desescalada

Desde Galicia en Común, o seu portavoz, Antón Gómez-Reino, erclama a constitución dunha Mesa Galega de Transición Covid-19 formada por expertos independentes, "que fixe os criterios técnicos sobre os que se adoptan as medidas relacionadas coa crise sanitaria".

Pola súa banda, Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, anunciou que incorporará a ex-conselleira de Sanidade, María José Rubio, e a 50 expertos ao seu comité asesor sobre a Covid-19. "Imos deseñar unha sanidade pública máis forte tras unha década de recortes e privatizacións", advertiu quen perfila un modelo sanitario "con máis persoal e máis estable, próximo á cidadanía e cunha nova Atención Primaria para a próxima década”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.