O pasado 24 de marzo, o Goberno galego publicou unha orde coa que matizaba as prohibicións e suspensións establecidas tras as declaracións do estado de alarma por parte do Goberno central e da emerxencia sanitaria por parte da Xunta. Daquela, o Executivo autonómico restrinxía os desprazamentos ás hortas de autoconsumo que non estivesen a menos de 500 metros de distancia da casa. A polémica medida será agora tamén matizada, un mes despois, pola Administración galega, que decidiu "flexibilizar" aquela orde.
A Xunta rectifica a súa orde e permite o desprazamento a hortas de autoconsumo, que restrinxira a aqueles de menos de 500 metros
Segundo anunciou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Xunta permitirá xa os desprazamentos a hortas de autoconsumo para o seu mantemento e antención sempre que se atopen dentro do termo municipal da súa residencia habitual. No caso de que a leira estea nun concello diferente, o desprazamento será tamén posible sempre que non se superen os cinco quilómetros de distancia desde a casa.
Esta foi unha das decisións tomadas pola Xunta logo da sétima reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), onde participou Rueda e representantes da Delegación do Goberno en Galicia e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Así, o Executivo galego alcara que todas as persoas con cultivos ou viñedos "con fins non comerciais "poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención das súas leiras" nas condicións establecidas anteriormente, eliminando así a anterior limitación, que era de 500 metros, e que será modificada pola Consellería do Medio Rural nunha orde.
O Goberno galego autoriza "accións de caza de xeito excepcional nas zonas con maior risco, como medida para evitar posibles incidencias que a fauna salvaxe"
Ademais, o Cecop aprobou tamén permitir a realización de queimas de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas de explotacións profesionais cando a devandita actuación se faga para evitar problemas fitosanitarios nas explotacións agrícolas e levantar a suspensión do prazo legal para cumprir coa obriga de execución da xestión da biomasa nas franxas secundarias (as dos 50 metros próximos ás vivendas), no que ten que ver coa prevención de incendios. Así, engádense ao prazo habitual do 31 de maio os días transcorridos durante o estado de alarma, sen que en ningún caso poidan realizarse as limpezas máis alá do 31 de xullo de 2020 inclusive.
O Cecop tamén decidiu trasladar ao Goberno do Estado a decisión de "autorizar accións de caza de xeito excepcional naquelas zonas con maior risco, como medida para evitar posibles incidencias que a fauna salvaxe poida provocar e primar así a seguridade das persoas e do tráfico viario, ademais de reducir os danos nas extensións agrarias no inicio da época de semente". Segundo a Xunta esta decisión chega "despois de que que o Ministerio de Política Territorial e de Agricultura trasladara instrucións contraditorias ao respecto"
Por outra banda, a Xunta tamén acordou "flexibilizar" as obras no interior dos edificios, en resposta, di, da "demanda dos sectores profesionais afectados –uns 20.000 autónomos en Galicia- pola orde ministerial do 12 de abril, que recolle a prohibición de realizar obras en edificios ocupados, agás obras puntuais de reparacións urxentes ou nas que se poida garantir que non se producen interferencias entre os usuarios e os residentes".
Así, poderán realizarse, sempre adoptando as medidas de prevención e protección da saúde establecidas, traballos e obras puntuais que teñan como obxectivo realizar reparacións urxentes de instalacións ou avarías, tanto en espazos ou elementos comúns do edificio, como nos elementos privativos do mesmo.
Outra das medidas acordadas no seo da Cecop foi clarificar o permiso para a recollida da comida preparada en restaurantes, que queda autorizada sempre que "se cumpran os requisitos e protocolos establecido polas autoridades sanitarias, se recolla a comida na porta do establecemento para evitar aglomeracións e se respecte a distancia de seguridade para evitar posibles contaxios".
Ademais, a Xunta tamén pon en marcha o protocolo de medidas preventivas fronte ao coronavirus nos servizos de rexistro e atención á cidadanía unha vez sexan abertos ao público e estende ao mes de maio o pago da mensualidade completa do alugueiro aos beneficiarios do Bono alugueiro social.