A Xunta restrinxe polo coronavirus os desprazamentos a cultivos de autoconsumo a un máximo de 500 metros da vivenda

Unha horta urbana © Concello de Santiago

Suspéndense os mercados tradicionais de venda directa de produtos agrícolas ou gandeiros e será necesario o carné de manipulador de fitosanitarios para acreditar os desprazamentos non profesionais

O Goberno galego publica este martes no Diario Oficial de Galicia unha nova orde coa que continúa matizando as prohibicións e suspensións establecidas tras as declaracións do estado de alarma por parte do Goberno central e da emerxencia sanitaria por parte da Xunta. Centrada desta volta en regular as actividades agrogandeiras de venda directa e autoconsumo, a orde prohibe a primeira nos mercados tradicionais e restrinxe os desprazamentos da segunda, para os que haberá que contar con carné de manipulador de produtos fitosanitarios.

A orde da Xunta, asinada polo conselleiro de Medio Rural, José González, prohibe ata o 31 de marzo, de xeito ampliable, os mercados tradicionais de venda directa de produtos agrícolas e gandeiros e establece diversas distancias e medidas de seguridade para cando se levante a prohibición. A Xunta insta a fomentar a venda telefónica ou por internet.

Imaxe de arquivo dun mercado labrego celebrado en Lugo © SLG

Canto aos desprazamentos das “persoas que teñan cultivos ou viñas considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais e, polo tanto, non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos ditos cultivos e viñas, sen que o desprazamento poida supoñer unha distancia superior a 500 metros da súa vivenda habitual”. Ademais, se son paradas polas autoridades, esas persoas deberán acreditar a necesidade de desprazamento “coa presentación do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios” ou, no caso das persoas viticultoras, tamén “coa tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros”.

Será considerado agricultor profesional quen estea de alta no rexistro de explotacións agrarias e no caso dos viticultores profesionais os que teñan o carné de fitosanitarios ou estean rexistrados na denominación de orixe

Pola súa banda, será considerado agricultor profesional “quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga)”, de xeito que “os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito rexistro para efectuar calquera comprobación que consideren oportuna”. “No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros”, sinala tamén a orde.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.