"Ir ao súper non é unha escusa para saír da casa. Pedimos que a xente merque para varios días"

Interior dun establecemento de Gadis © Gadis

Ademais do persoal sanitario, hai moitos colectivos que estes días están soportando unha carga de traballo e de estrés moi importante. Entre eles, destacan os traballadores e traballadoras dos supermercados, expostos e expostas durante todo o día ao contacto con moitas persoas e a aglomeracións de xente nos seus establecementos. 

A situación foi tensa nalgúns lugares nos primeiros días do confinamento, ante o excesivo aprovisionamento levado a cabo por moitas persoas e pola falta das axeitadas medidas de control e seguridade. Semella que parte deses problemas foron solucionándose, pero persiste aínda unha situación de grande estrés para boa parte do persoal, sobre todo para caixeiros e caixeiras. 

"Houbo algúns problemas os primeiros días, pero as augas están volvendo ao seu rego. Aínda que saíu o decreto o sábado pasado, a empresa tardou un pouco en adoptar as medidas necesarias"

Dende distintos colectivos quíxose facer nos últimos días un recoñecemento a estes traballadores e traballadoras. Por exemplo, os Grupos de Apoio Mutuo que funcionan na Coruña, aínda que lembran a recomendacións de acudir "ás tendas de barrio", que se atopan nunha situación máis precaria, piden que os consumidores e consumidoras teña empatía co persoal, non acudindo a estes establecementos fóra de horas e facilitando na medida do posible o seu traballo. 

Preocupa, ademais, a posibilidade de que algunhas empresas abran os domingos e mesmo as 24 horas do día, como permitiu a Xunta a través dun dos seus decretos. Neste senso, UGT pídelle ao Goberno galego que revogue a liberalización dos horarios das superficies de alimentación, decidida nun primeiro momento ante as compras masivas levadas a cabo por moitas persoas. Falamos cun traballador dun centro Carrefour de Vigo, a quen lle preguntamos pola situación que se está a vivir no seu centro e polas necesidades que ten o persoal.

Como é a situación no teu centro? Foron moi duros os primeiros días?

Si, houbo algúns problemas os primeiros días, pero as augas están volvendo ao seu rego. Aínda que saíu o decreto o sábado pasado, a empresa tardou un pouco en adoptar as medidas necesarias. Por exemplo, ata o luns pola tarde ou martes pola tarde non se levou a cabo o peche das seccións de produtos que non eran alimentación nin primeira necesidade, cando menos neste centro. Con todo, dende entón están facendo ben as cousas.

"Polo de agora, os elementos de protección son os axeitados. Nese senso, a empresa respondeu correctamente e temos mascarillas, luvas e produtos de limpeza, de mellor ou de peor calidade, pero témolas"

Como estades os traballadores en cando aos horarios e a carga de traballo?

A carga de traballo é moi grande, pero a empresa está cumprindo cos horarios dos traballadores que temos que ter, niso non hai problema. Cambiou o peche, adiantándose ás nove da noite, facilitando que os traballadores estivesen menos tempo no interior das instalacións.

Contades cos elementos de protección suficientes?

Polo de agora, os elementos de protección son os axeitados. Nese senso, a empresa respondeu correctamente e temos mascarillas, luvas e produtos de limpeza, de mellor ou de peor calidade, pero témolas. Tamén se puxeron elementos físicos de separación nas liñas de caixas, como mamparas de metacrilato, que se remataron de instalar este venres. Tamén se está a respectar unha separación entre caixas (unha caixa si, unha non) para que a distancia entre as persoas sexa maior dun metro.

Un carro de Carrefour CC-BY-SA Alexbclark

"Preocúpanos que as empresas se acollan ao decreto da Xunta para abrir as 24 horas do día ou todos os días da semana. Iso si que incumpriría os nosos dereitos como traballadores"

Preocúpavos a posibilidade de que os centros amplíen os seus horarios, como se recollía no decreto da Xunta?

Non estamos de acordo con iso e preocúpanos que as empresas se acollan a ese decreto da Xunta para abrir as 24 horas do día ou todos os días da semana. Iso si que incumpriría os nosos dereitos como traballadores.

A medida podería ser, ademais, contraproducente co obxectivo de limitar ao mínimo a saída das persoas a rúa...

Si, iso pensamos. De todos os xeito, vemos que coas actuais restricións de acceso ás tendas, como a xente ten que agardar está vendo que vir ao súper non é vir a un parque de atraccións, o lugar onde vir dar un paseo. 

"Pedímoslle á xente que veña ao súper o menos posible, que merque con máis cabeza, para tres ou catro días, porque cada vez que veñen ao súper expóñense a un contaxio e tamén nos expoñen a nós"

Que non se use o súper como escusa para dar unha volta, non si?

A xente ten que ser consciente de que unha situación como esta, que é excepcional, esixe de medidas excepcionais. Por iso pedímoslle á xente que veña ao súper o menos posible, que merque con máis cabeza, para tres ou catro días, porque cada vez que veñen ao súper expóñense a un contaxio e tamén nos expoñen a nós. Ir ao súper non é unha escusa para saír da casa, é unha necesidade. Que a xente merque para varios días e merque con cabeza, que sempre vai haber recambio de produtos, que para iso estamos traballando arreo.

"Hai persoas que son moi comprensivas e agradecidas. Pero hai outra xente que pensa que isto é un cachondeo, e que fai caso omiso ás advertencias"

Como está sendo a actitude da xente, dos clientes?

Neste tipo de situación sempre hai persoas que son moi comprensivas e agradecidas, e que se decatan dos sobresforzos que están tendo os sanitarios e outras profesións, como o persoal de seguridade ou nós mesmos. Pero hai outra xente que pensa que isto é un cachondeo, e que fai caso omiso ás advertencias. Pero en xeral a xente está respondendo ben.

Estades a sufrir moito estrés? Máis aló de que haxa máis ou menos clientes, non debe ser doado traballar nestas condicións de tensión...

Todos os traballadores temos a conciencia de que estamos sobreexpostos. Estamos aquí moitas horas e están continuamente entrando xente, o contacto é moi próximo e a isto súmanse situacións moi tensas e un ambiente de estrés e preocupación. Hai ataques de ansiedade e hai moita xente que está moi preocupada, e é moi comprensible. Nese senso creo que a empresa se está a portar ben e está a permitir os descansos fixados polos médicos e facilitando baixas cando é necesario

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.