O telemárketing reduce a actividade pero seguen as queixas pola insuficiencia da protección contra o coronavirus

Persoal de servizos de telemárketing © CCOO

As empresas de telemárketing comezaron a aplicar medidas que están reducindo a súa actividade e o número de persoas que traballan nunha mesma quenda, pero o persoal de varios centros mantén as protestas porque as medidas para previr os contaxios seguen a ser insuficientes. En Unísono en Vigo, o conflicto agravouse ao coñecerse o pasado martes un primeiro contaxio (son xa dous confirmados)

En Unísono en Vigo a situación agravouse ao coñecerse o martes o primeiro contaxio, dos dous que teñen xa confirmados, nun dos centros

O mércores o comité de empresa presentou unha comunicación, firmada por CIG, UGT e CGT, para paralizar a actividade ao amparo do artigo 21 da lei de prevención de riscos laborais, que faculta aos representantes dos traballadores a tomar esta medida se consideran que non se están tomando as medidas para garantir a seguridade do persoal. Porén, parte do equipo decidiu continuar traballando, segundo a delegada da CIG, Luisa Baños, polas "coaccións" da dirección.

Unha oficina dun centro de chamadas © CIG

Seguen á espera dunha resolución por parte das autoridades sanitarias. O seu caso denunciouse xa o luns ante a Inspección de Traballo, ao igual que o de Atento na Coruña, pero aínda non se produciu unha revisión.

Este venres en Unísono acudiu a traballar "a metade" do persoal e o que foi "ten medo", indicou Baños, que explica que se acaban de subministrar guantes e comenzan a traballar con separación entre compañeiros. Quéixase da pouca información que lles facilita a empresa, que non indicou en que campaña se rexistraron os contaxios por coronavirus. Si saben que a algunhas persoas se lles informou de que deben permanecer en corentena, pero di que descoñecen con que "criterio".

Varias empresas, entre elas Unisono e Atento, están á espera de que as autoridades revisen o seu caso

Noutra empresa do sector en Vigo, Bosch, presentouse un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para algo máis de 1.300 persoas do persoal fixo, polo que manterán a actividade uns 240 empregados. Prescindiu xa do persoal contratado a través de empresas de traballo temporal, informou a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor.

Despois da situación de incerteza e protestas da fin de semana e os primeiros días desta semana, indica que boa parte das empresas están aplicando o teletraballo e cumpren "bastante ben" as medidas de seguridade. As medidas chegaron, nalgúns casos, "tarde", pero chama a centrarse na protección da saúde e do emprego nestes momentos.

Atento mantén a actividade con queixas sobre a falta de materiais e de limpeza

En Atento na Coruña, un centro no que o luns o persoal se negou durante horas a acceder aos seus postos á espera de que os limpasen e establecesen separacións entre eles, continúa a actividade con queixas de que a limpeza é insuficiente porque non hai reforzos. Unha das delegadas sindicais, Mónica Díaz, explicou que o persoal ten xa cascos individuais, o cal é "un problema menos". A empresa comunicou que está tratando de conseguir xel e produtos desinfectantes, pero "non se compromete a nada". A Inspección de Traballo aínda non revisou o caso.

Díaz pon o foco tamén na situación do persoal de limpeza, que traballa, dixo, sen materiais suficientes para previr os contaxios. Preocúpalle como van ser as labores durante a fin de semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.