Persoal de telemárketing denuncia na Inspección de Traballo o incumprimento das medidas de prevención do coronavirus

Persoal do sector dos centros de chamadas e telemárketing © CCOO

O persoal de varios centros de chamadas de Galicia denunciou ante a Inspección de Traballo que non se están a cumprir as medidas de prevención contra o coronavirus porque traballan “amontoados”, con separacións entre persoas que non chegan a un metro e compartindo equipos como os teclados dos ordenadores e os cascos con micrófono.

Realizan as súas labores "amontoados", con separacións inferiores a un metro entre persoas, e comparten os equipos, incluídos os cascos

Este luns, primeiro día laborable dende a declaración do estado de alarma por parte do Goberno central, algunhas das persoas da quenda de mañá en empresas como Unísono e Bosch, en Vigo, e Atento, na Coruña, negáronse a acceder aos seus postos e chamaron á policía e aos responsables de Sanidade, que indicaron que o asunto non era da súa competencia, e posteriormente á Inspección de Traballo, que está pendente de revisar a situación.

Oficina dunha empresa de telemárketing © CIG

A delegada sindical da CIG en Unísono Vigo, Luisa Baños, explicou que todo o persoal terminou ocupando o seu posto, pero con preocupación e algúns deles “chorando”. “Non había nin 70 centímetros entre compañeiro e compañeiro”, indicou. Nestas instalacións traballan en torno a 800 persoas, que comparten os postos e os equipos. Hoxe mesmo comezaron a chegar máis cascos, pero non son suficientes para todos, explicou.

Outra medida proposta pola empresa foi enviar a parte do persoal a traballar dende o seu domicilio, pero baños indicou que son arredor de 20 persoas, polo que considera que a situación non vai mudar. Ademais, relatou o malestar que provocaron no equipo algunhas das publicacións de Unísono nas súas redes sociais, en concreto unha mensaxe, xa retirada, que dicía: “Hay algo más importante que el #coronavirus, el cliente”.

Unha das delegadas sindicais en Atento na Coruña, Mónica Díaz, explicou que o persoal estivo esperando varias horas este luns a que se realizasen labores de limpeza e se separasen os postos de traballo, de modo que os traballadores non se tivesen que sentar en mesas contiguas, ante a negativa de realizar as súas tarefas doutro modo.

Representantes sindicais consideran que a situación "é moi precaria" e destacan a "angustia" que lle provoca ao persoal traballar nestas condicións

“A situación é moi precaria”, dixo. Os locais non teñen ventilación, os produtos desinfectantes non chegaron ata a tarde e os postos non se limpan entre quendas, indicou Díaz, que explicou que o persoal ten “angustia” por traballar nestas condicións e criticou que unha empresa de telecomunicacións diga que “non é factible o teletraballo”.

A secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, considerou que, se ben “a maioría das empresas” están colaborando, a situación “é moi preocupante” nalgunhas empresas que “parece que non tomaron ningún tipo de medida” no sector do telemárketing. “Iso preocupa nuns centros de traballo nos que as persoas están amontoadas. Se cae un, van empezar a caer en cadea”, dixo.

Da situación está informada a Inspección de Traballo, que lles trasladou que están “desbordados”, pero tamén a Xunta, á que lle transmitiron unha denuncia, sinalou Trenor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.