Un dos sectores do persoal público máis contrariados polas instrucións do Goberno galego dende o inicio da crise do coronavirus é o profesorado. Nun inicio, a Xunta dispuxo que malia á suspensión das clases e aínda coa recomendación de teletraballo enriba da mesa, o profesorado tería que acudir cada día a colexios e institutos. Despois, deixou esta decisión nas mans da dirección de cada centro e tras uns poucos días, a Consellería de Educación considerou dabondo que un membro de cada equipo directivo realizase, rotatoriamente, unha caste de garda de tres horas -de 10h a 13h- en cada centro.
Dende este luns, 23 de marzo, cada dirección ten a indicación de acudir ao centro "o tempo que considere preciso" durante a alerta sanitaria polo coronavirus
Alén da contrariedade pola sucesión de variacións, entre a representación sindical do profesorado estendeuse o malestar pola obrigatoriedade de asistiren aos centros para faceren labores que, maioritariamente -sinalaban as centrais sindicais- é posible realizar a través de internet. A CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector, vén atribuíndo as sucesivas "rectificacións" á presión do propio persoal, e reclamando unha orde definitiva de ficaren na casa. Con este pano de fondo vén de chegar unha nova mudanza.
Este domingo a Xunta emitiu unha resolución na que actualizou as instrucións para diversos ámbitos no marco da emerxencia sanitaria e do estado de alarma polo coronavirus. Nela, incluíu, a petición da Consellería de Educación, unha nova variación para os centros de ensino. Agora, os equipos directivos xa non teñen que ir necesariamente tres horas diarias a cadanseu centro.
A nova instrución dá ás direccións tarefas de "verificar o funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas" e o "estado do edificio"
Concretamente, especifica a Consellería, dende este luns, 23 de marzo, "nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario" que teñan máis de seis unidades -os mesmos aos que atinxían as instrucións-anteriores-, terá que estar "unha persoa do equipo directivo" pero só "o tempo que considere preciso para atender ao alumnado e ás familias", que como norma xeral non poden acudir aos colexios por mor do confinamento. Tamén, indica, esta garda optativa ten a finalidade de "verificación do funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas do centro e do estado do propio edificio educativo".
Para a CIG-Ensino, a instrución "feita pública na sobremesa do domingo" non "soluciona o problema" que a mesma Consellería "creou", se ben "dá ás direccións dos centros a posibilidade de non ir, tal e como levamos días recomendando aos equipos directivos". E na liña do que en moitos centros están a facer, xa, resaltan dende o sector.
CIG-Ensino, sindicato maioritario, ve na nova "rectificación" un "paso máis no camiño de preservar a saúde" e insta o profesorado a "ficar na casa"
"O que se agardaba -di a central sindical- por parte dos equipos directivos é unha instrución na que se indicase claramente que deben permanecer nas casas e, como todo o profesorado, á disposición da Administración educativa". Non obstante, e "xa que a Consellería non o fai, instamos a todas as persoas que forman parte das direccións a ficar nas súas casas como medida de seguridade".
Para o sindicato maioritario no ensino galego, esta nova "rectificación" é "un paso máis no camiño de preservar a saúde" do conxunto do persoal, se ben "adoece de covardía" por "non expresar claramente a necesidade de que quedemos nas nosas casas". Esta permanencia na casa, conclúen, é o que dita "o máis mínimo sentido común neste momento" tamén para o profesorado.