Superadas as peores semanas da pandemia de coronavirus, o Estado español prepárase para iniciar a desescalada das medidas de confinamento. Un proceso que terá o seu primeiro capítulo a partir deste domingo, co permiso para que os e as menores de 14 anos poidan saír das súas casas, e que será longo e progresivo, estendéndose durante os vindeiros meses.
O Goberno central está a definir os criterios en que se basearán as decisións para a "desescalada" das medidas de confinamento
O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, comunicou nos últimos días que este alivio do confinamento para as crianzas será, de momento, a única medida de apertura, e que as seguintes comezarán a chegar a partir do 9 de maio, pero a relaxación podería chegar antes. Este sábado, Pedro Sánchez anunciou que a partir do vindeiro día 2 será posible saír ao exterior a facer exercicio físico e a dar paseos coas persoas coas que se convive se a evolución da Covid-19 é favorable. A decisión, con todo, dependerá das cifras que vaia deixando a pandemia nas próximas horas.
Dende a Xunta, Alberto Núñez Feijóo reclamou que o Goberno central permita saír a xente "como mínimo unha hora" para facer deporte de maneira individual, así como abrir pequenos establecementos comerciais de forma controlada e mesmo con cita previa, ademais de reiniciar as obras de rehabilitación de edificios e reabrir os mercados municipais ao aire libre. Tamén o sábado, o Executivo galego volveu permitir o desprazamento ás hortas de autoconsumo --que fora limitada a 500 metros de distancia--, recoller comida nos restaurantes ou obras no interior de edificios.
Esta desescalada será dirixida polo Goberno central, que sinala que "escoitará" as suxestións das comunidades autónomas
En calquera caso, o Goberno central está xa a definir os criterios en que se basearán as decisións para a "desescalada" das medidas de confinamento e de reinicio da actividade económica. O pasado venres pola tarde, representantes do Ministerio de Sanidade e das comunidades autónomas debateron estes criterios na Conferencia Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. O próximo martes, segundo explicou Sánchez, o Executivo dará a coñecer ese plan de desescalada tras o Consello de Ministros e estará baseado no informe que este domingo lle entregou ao presidente o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, e titulado Recomendaciones sanitarias para la estrategia de transición.
Os criterios atenden á expansión da enfermidade en cada lugar. E, igualmente, á capacidade do sistema sanitario de cada territorio
Esta desescalada será dirixida polo Goberno central, que sinala que "escoitará" as suxestións das comunidades autónomas. Distintos indicadores permitirán decidir a velocidade de aplicación das distintas medidas nos diferentes territorios: comunidades autónomas, provinciais e mesmo espazos máis concretos. Barállase que as zonas rurais poidan iniciar antes as medidas de desconfinamento e que tamén o fagan algunhas comunidades, como Canarias, Baleares ou Murcia, as que rexistran menor incidencia nestes momentos.
Será, tal e como aclarou Sánchez, unha desescalada "asimétrica e progresiva", por territorios pero "coordinada" polo Estado, e a primeira medida de "alivio" para o 2 de maio só se producirá "se a evolución da pandemia prosegue nun sentido positivo", razón pola que pediu "prudencia e cautela" e que se respecten as medidas de distanciamento social. "Cómpre non subestimar o virus que temos enfronte", advertiu.
Sánchez aclara que a desescalada será "asimétrica e progresiva", por territorios pero "coordinada" polo Estado
Os criterios en base aos que se tomarán as decisións atenden, sobre todo, á expansión da enfermidade en cada lugar e ao ritmo de transmisión amosado nas semanas anteriores. E, igualmente, á capacidade do sistema sanitario de cada territorio para facer fronte ao número de positivos existentes nese momento ou os que podería haber nun hipotético rebrote da enfermidade provocado polo remate do confinamento. Isto inclúe un reforzo da atención primaria ou a posibilidade de establecer circuítos dobres nos centros sanitarios, un para os pacientes con coronavirus e outro para o resto. Tamén se incide na capacidade das distintas comunidades para efectuar probas PCR a todos os pacientes asintomáticos.
No informe entregado por Simón este domingo, ao que tivo acceso eldiario.es, hai dous requisitos fundamentais para as comunidades autónomas: capacidade para dobrar o número de camas de UCI e para tratar en zonas separadas os doentes ou sospeitosos de Covid-19.
As recomendacións do CCAES son claras: nos hospitais débense mater os circuítos dobres e o sistema autonómico de saúde --o Sergas en Galicia-- deben ter a capacidade de dobrar o número de camas UCI respecto ás que tiñan antes da pandemia, ademais de contar cos respiradores axeitados para estas e a medicación axeitada para os pacientes.
O Sergas terá que ter capacidade para dobrar as camas UCI e para que os centros de saúde traten en zonas separadas os pacientes ou sospeitosos de coronavirus
Na Atención Primaria, zonas separadas para os doentes ou sospeitosos de coronavirus e, a ser posible, ambulatorios dedicados unicamente á Covid-19. Ademais, tamén pide que neste ámbito sanitario golpeado polos recortes unha determinada capacidade de detección e control dos novos casos, polo que cada caso sospeitoso debería ser identificado, diagnosticado e illado, razón pola que se mencionan, sen especificar, as infraestruturas necesarias (hoteis e instalacións públicas) para o illamento de sintomáticos
O documento, no entanto, non especifica os criterios epidemiolóxicos e establece que a delimitación das áreas xeográficas con capacidades de preparación axeitadas e con sitaucións epidemiolóxicas e de risco homoxéneas "acordarase coas comunidades autónomas".
"En cada territorio os cidadáns coñecerán os indicadores para saber o camiño cara a esa nova normalidade. Non avanzaremos todos á mesma velocidade pero si coas mesmas regras", advertiu Sánchez este sábado, tras avisar tamén de que non se recuperará "de golpe" toda a actividade e toda a mobilidade social, senón que se fará "por etapas", tanto no que ten que ver coa reapertura de comercios e da restauración como nas actividades de ocio, turismo e cultura ou no sector agrario e industrial.
A OMS pediu que as medidas de desconfinamento chegasen cando a transmisión do virus "estea controlada a un nivel de casos esporádicos ou conglomerados de casos que poidan ser manexados polo sistema sanitario"
Á espera de que se detallen, os criterios epidemiolóxicos cos que o Ministerio de Sanidade vén traballando nas últimas semanas son varios: Que un determinado territorio leve cando menos dúas semanas cunha taxa de contaxio (expresada no denominado número reprodutivo básico) inferior a 1. Que cando menos o 50% das camas de UCI estean libres de pacientes de coronavirus e que tamén o fagan o 70% de todas as camas hospitalarias. Que a taxa de hospitalización polo coronavirus non supere o 30%. E que a taxa de incidencia sexa inferior a dous casos novos por cada 100.000 habitantes (aínda que tamén se baralla reducir este límite a 1 caso por cada 100.000 habitantes). Os expertos en saúde pública Daniel López-Acuña, José Martínez Olmos e Alberto Infante Campos detalláronos hais uns días neste artigo en eldiario.es.
Estes criterios seguen as recomendacións expresadas pola OMS o pasado 14 de abril, cando pediu que as medidas de desconfinamento chegasen cando a transmisión do virus "estea controlada a un nivel de casos esporádicos ou conglomerados de casos que poidan ser manexados polo sistema sanitario". Ademais, a OMS suxería que "se focalicen os esforzos en áreas clave na evolución da epidemia, como son as residencias de anciáns e os hospitais". E, así mesmo, pedía "adoptar medidas de prevención nos espazos que congreguen persoas, como centros de traballo ou centros educativos, asegurando que se manteña o distanciamento físico"
Cumpre Galicia estes criterios xerais?
Galicia non cumpre cos criterios referidos á incidencia e transmisión da enfermidade
Galicia conta con 274 camas de UCI (eran 161, pero foron incrementadas nos primeiros días da crise), pero Feijóo manifestara a posibilidade de incrementar o número de ser preciso. Nestes momentos, segundo as últimas cifras ofrecidas pola Xunta este venres o número de pacientes de coronavirus nas UCI dos hospitais galegos é de 87, un 31,7% de ocupación, moi por debaixo do 50% esixido. A cifra chegou a ser de 177 o pasado 4 de abril. O mesmo sucede co resto de camas hospitalización, pois neste momento un total de 618 están ocupadas por pacientes de coronavirus. A cifra chegou a ser de 939 o 6 de abril.
Galicia debería rexistrar menos de 54 novos positivos diarios e manter a súa taxa de contaxio por debaixo de 1 durante dúas semanas seguidas
Porén, Galicia aínda non cumpriría as condicións esixidas no que atinxe ao control da enfermidade. As últimas cifras sitúan o número reprodutivo básico en 1,02, despois de permanecer por debaixo de 1 entre o 6 e o 22 de abril. O noso país debería volver a baixar de 1 e permanecer neste nivel durante dúas semanas.
De igual xeito, seguen a detectarse máis casos novos que os que esixe o Ministerio de Sanidade para permitir unha relaxación do confinamento. Este venres o número de novos positivos foi de 117 e durante os últimos sete días a media de novos casos foi de máis de 131. O indicador de dous casos novos por cada 100.000 habitantes suporía para Galicia ao redor de 54 positivos diarios, moi por debaixo da cifra actual. E, no caso de que o límite fose de 1 só caso por cada 100.000 habitantes, a cifra debería ser de 27 positivos diarios.
Sexa como for, Pedro Sánchez advertiu de que o desconfinamento "non é unha carreira a ver quen é o primeiro que abre un centro comercial ou un pequeno comercio". "Entre todos temos que ser conscientes de traballar en equipo; chegaremos todos á meta", insistiu, tras ressaltar que o calendario de apertura das actividades dependerá do cumprimento dunha serie de marcadores que denominou "cadro de mandos".