Cousas que as crianzas poderán facer ao saír da casa a partir deste domingo

Nenos e nenas poderán saír da casa unha hora ao día, levando se o desexan os seus xoguetes Dominio Público wallboat

Os nenos e nenas de menos de 14 anos poderán saír á rúa a partir deste domingo. Despois duns días de tirapuxas e de notables erros comunicativos, o Goberno central confirmou este xoves a medida, detallando as condicións que rexerán as saídas das crianzas. Na rolda de prensa na que se debullou a iniciativa, na que participaron o vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, e o ministro de Sanidade, Salvador Illa, Iglesias pediu perdón en nome do Executivo: "Non fomos todo o claros que debéramos".

"Tivestes un papel moi importante na loita contra o coronavirus para que poidamos volver á normalidade e toda a sociedade débevos un aplauso moi grande", dixo o vicepresidente

As saídas de nenos e nenas non poderán ser ilimitadas e deberán seguir unha serie de normas. Con todo, a medidas contribuirá a aliviar o confinamento dos e das máis pequenas da casa, que durante as últimas cinco semanas e media non estiveran autorizadas a saír da casa. "Pedimos que se confíe máis nas crianzas e nas súas familias, mantivemos unha actitude moi responsable nas últimas semanas", pedía nesta entrevista Sabela Losada Cortizas, do grupo de Maternidades feministas de Compostela.

Na rolda, Iglesias dirixiuse aos nenos e nenas dicindo: "Sei que o confinamento non foi fácil para vós, que tivestes que quedar na casa xogando. Tivestes un papel moi importante na loita contra o coronavirus para que poidamos volver á normalidade e toda a sociedade débevos un aplauso moi grande". 

Nenas xogando CC-BY-SA Pxfuel / ozjcc

Deberán ir en todo momento acompañados e a acompañadas por un adulto que conviva con eles

Quen poderá saír a dar un paseo? Poderán saír da casa os e as menores de 14 anos. Deberán ir en todo momento acompañados e a acompañadas por un adulto que conviva con eles, que se poderá encargar dun máximo de tres crianzas. Tamén poderán ser acompañadas por algún irmán ou irmá maior, aínda que sexa menor de idade. 

Que pasa cos menores que teñen síntomas ou conviven con alguén que os teña? Os nenos e nenas que presenten algún síntoma coherente co coronavirus (febre, tose...) non poderán saír da casa. Tampouco poderán saír aquelas crianzas que tiveron contacto con alguén que ten síntomas ou foi diagnosticado e que, polo tanto, deben cumprir a corentena domiciliaria de síntomas durante 14 días.

Poderán saír como máximo unha hora ao día, entre as 9 da mañá e as 9 da noite

Cando poderán saír? Poderán saír como máximo unha hora ao día, nun horario comprendido entre as 9 da mañá e as 9 da noite. O Goberno pide que se eviten no posible as "horas punta" para así limitar o risco de contaxio, pero non se fixan quendas nin máis criterios de organización.

Poderán pasear polas rúas, prazas e polos parques que estean abertos, nun radio dun quilómetro ao redor das dúas casas. Fóra das zonas urbanas, poderán tamén pasear e xogar polo monte ou polo campo

Por onde poderán saír? Poderán saír preto dos seus domicilios, nun radio aproximado dun quilómetro dende as vivendas. Poderán pasear polas rúas, prazas e polos parques que estean abertos. En cambio, non poderán acceder aos parques infantís, que seguirán pechados. Fóra das zonas urbanas, nenos e nenas poderán tamén pasear e xogar polo monte ou polo campo, detallaron os dous ministros.

Que poderán facer nesta saída? O vicepresidente Pablo Iglesias detallou que nestes paseos nenos e nenas poderán "correr, saltar e facer exercicio, respectando as condicións de distancia física”. Ademais, poderán levar os seus xoguetes, como balóns ou patinetes.

Deberán manter unha distancia de seguridade de 2 metros. Recoméndase a máscara de protección, pero non é obrigatoria

Teñen que levar mascarilla? O Goberno central recomenda que así o fagan, pero non é unha obriga, o mesmo que para o resto da poboación. En todo caso, lembra que o feito de levar máscara de protección non implica que se poidan deixar de lado as restantes medidas de seguridade, que si son obrigatorias, como gardar a distancia de entre metro e medio e dous metros con outras crianzas ou persoas adultas. Tamén deberán lavar as mans con frecuencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.