O que se sabe (e o que aínda non) sobre as saídas de menores de 14 anos na nova fase do confinamento

Nenas e nenos nun parque da Coruña, nunha imaxe de arquivo © Concello da Coruña

O Consello de Ministros tivo este martes sobre a mesa a solicitude da xa anunciada terceira prórroga do estado de alarma pola crise do coronavirus, ata as 23:59 do vindeiro 9 de maio. Entre as novidades do novo período de confinamento para frear os contaxios estará, como avanzara Pedro Sánchez, o "alivio" do confinamento para a infancia. Tras indicar inicialmente a referencia dos 12 anos como límite para posibles saídas, finalmente ese limiar estará nos 14 anos con condicións moi taxadas e aínda por definir con exactitude.

A ministra portavoz cita os desprazamentos para comprar ou ir ao banco como supostos para as saídas da infancia, pero remítese á guía de "ordes e instrucións" que editarán Sanidade e Dereitos Sociais ao ser cuestionada por paseos; ante o balbordo xerado, o ministro Illa aclarou nunha rolda de rectificación que si haberá paseos

A voceira do Goberno central, María Jesús Montero, avanzou que o que estará permitido será que nenas e nenos acompañen as persoas adultas a realizar actividades permitidas no marco da nova fase do estado de alarma. Como informan Irene Castro e Diego Larrouy para eldiario.es, Montero citou actividades como ir á compra ao supermercado, á farmacia ou ao banco, ás que os menores xa podían ir agora no caso de que as familias non tivesen alternativas para non deixalos sós na casa. Sempre, coa intención de que "a saída sexa controlada".

Resta saber, así e todo, cal será o texto que chegue ao BOE e o que saia co visto e prace do Congreso dos Deputados. Ademais das referencias a supermercados, farmacias e bancos que xa provocaron un notable balbordo nas redes sociais e tamén en ambientes políticos -o presidente da Xunta ou a líder do BNG, entre outros, instaron a unha rectificación"- o certo é que Montero deixou no aire os detalles da medida, que o ministro de Sanidade se viu obrigado a concretar horas despois nunha rolda de prensa de rectificación na que deixou claro que tamén haberá paseos.

As ministras María Jesús Montero e Nadia Calviño, tras o Consello deste 21 de marzo © Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España

Antes, á pregunta de se nenas e nenos poderán saír á rúa para daren pequenos paseos en compaña dunha persoa adulta sen teren que dirixírense a unha actividade concreta como ir comprar, a voceira do Executivo Central sinalou que "o Ministerio de Sanidade e a Vicepresidencia de Dereitos Sociais, que é a responsable da protección á infancia, van elaborar unha guía, ordes e instrucións que permitan saber o alcance e poder responder a estas cuestións".  "Ao longo dos próximos días van editar un material intuitivo para que pais, nais ou titores poidan saber o alcance do alivio que se está facendo do confinamento dos nenos".

A información divulgada polo Goberno central na referencia pública do Consello tamén se remite ás "orientacións específicas que determine o Ministerio de Sanidade" para "conciliar os obxectivos de protección da saúde pública" coa "tutela do interese superior do menor". Será daquela cando se concrete a referencia xenérica a que "os menores de 14 anos poidan acompañar os adultos responsables do seu coidao" nos "desprazamentos que estes poidan realizar" segundo o autorizado no artigo 7 do Real Decreto polo que foi declarado o estado de alarma a finais de marzo.

Aquel artigo sinalaba entre as actividades autorizadas as devanditas de "adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade", así como o traslado ao médico ou ao traballo, ou o coidado de maiores. Tamén se inclúe o desprazamento a "entidades financeiras ou de seguros" ou os movementos por "causas de forza maior", así como o "retorno á residencia habitual" tras facer algunha destas actividades.

O ministro Illa aclara que serán posibles os paseos. Fican, polo momento, no aire interrogantes sobre se as indicacións serán idénticas para grandes cidades, vilas e áreas rurais

En calquera caso, di Montero, antes de que entre en vigor a medida, do día 27 en diante, o Goberno central ten previsto "responder ás preguntas máis frecuentes" sobre ata onde chegan os límites dunhas saídas nas que, avanza, o tempo "non está taxado". "Non hai ninguén cun cronómetro medindo canto tempo se tarda en ir comprar a prensa", ilustrou. Neste contexto e co balbordo político e mediático a medrar, contra o serán o ministro de Sanidade, Salvador Illa, confirmou que estarán autorizados os "paseos" coa infancia. "Este é un Goberno que escoita", di.

"Esta fin de semana emitirei unha orde para que os nenos menores de 14 anos poidan dar paseos", expresou Illa, que recoñeceu que a decisión aínda se ten que "regular" e que explicará nos próximos días en que "condicións" se poderá pasear. Tamén sobre as recomendacións de "protección" para "os nenos que decidan acollerse a esta medida". "Daremos as instrucións de como teñen que ser eses paseos", dixo o ministro, que lembrou que os datos e a evolución da pandemia non permiten comezar aínda unha desescalada, pero si tomar algunhas medidas de "alivio" como a saída dos menores. "Aínda estamos nunha situación complicada. Quedan aínda semanas difíciles", advertiu.

Antes, Montero xa advertira de que a norma pretenderá "non romper a cadea de transmisión" de posibles contaxios. Por iso non se indicará que persoa adulta en concreto ten que acompañar o menor que saia -non é imprescindible que sexa pai, nai ou titora- pero si "hai que evitar" que "sexa unha persoa que non convive co menor".

Nun contexto no que tamén fican interrogantes no aire sobre se as indicacións serán idénticas para grandes cidades e para vilas ou áreas rurais, Montero bosquexou tamén a situación na que quedará a poboación de 14 a 18 anos nesta nova fase. Neste caso, sinala, xa poden facer actividades permitidas como ir comprar; "véñeno facendo e vano poder seguir facendo sen ningún problema", sinala.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.