Proposta de organización de saídas de crianzas a espazos ao ar libre durante o confinamento por pandemia

© CEIP Celso Currás

Os efectos perniciosos do confinamento en persoas adultas están máis ca demostrados por múltiples estudos, tanto os psicolóxicos: ansiedade, estrés, insomnio, angustia...; coma os fisiolóxicos: problemas cardiorrespiratorios, obesidade... Do que non estamos tan informadas é do efecto que terá este confinamento nas nosas crianzas... O que xa imos vendo é que, efectivamente, están máis ansiosas e irritables, demandan máis a nosa presenza e non acaban de entender por que estamos pechadas na casa desde hai 17 días. Si, porque elas comezaron antes o seu confinamento. 

Non estamos informadas do efecto que terá este confinamento nas nosas crianzas... O que imos vendo é que están máis ansiosas e irritables, demandan máis a nosa presenza e non acaban de entender por que estamos pechadas na casa desde hai 17 días

Ninguén nos ten falado do déficit de vitamina D que posiblemente van sufrir, dos problemas de atención e concentración, do estrés postraumático, das enfermidades respiratorias... Como vai repercutir todo iso na súa saúde mental e física futura?

Como publican estes mesmos días na prestixiosa revista médica The Lancet: «aínda que estas medidas e esforzos [o confinamento] son altamente encomiables e necesarias, hai motivos para preocuparse porque o peche prolongado da escola e o encerro no fogar durante unha epidemia poden ter efectos negativos na saúde física e mental das crianzas. (...) cando as crianzas están fóra da escola (...) son menos activas fisicamente, fan un uso de pantallas moito máis longo, teñen pautas de sono irregulares e dietas menos saudables, o que resulta en aumento de peso e en perda de capacidade cardiorrespiratoria. É probable que estes efectos negativos sobre a saúde sexan peores cando as crianzas están confinadas nas súas casas sen actividades ao aire libre e interacción coas amizades da mesma idade durante a epidemia. (...) o estrés postraumático acadado foi catro veces maior nas crianzas confinadas que nas que non estiveron en corentena. Ademais, a interacción entre os cambios no estilo de vida e o estrés psicosocial causado polo confinamento na casa pode agravar aínda máis os efectos prexudiciais sobre a saúde física e mental da crianza, o que pode provocar un círculo vicioso.» 1

Propoñemos ás autoridades o seguinte sistema organizativo para a súa valoración, para que as nosas fillas e fillos poidan saír a espazos ao ar libre axiña

Compartimos totalmente as inquedanzas manifestadas nos medios pola pedagoga e filósofa Heike Freire2 e polo profesor e filósofo César Rendueles3 e queremos contribuír a saltar esa nova fenda social que está provocando esta pandemia. Seguindo esa mesma liña de respecto polas medidas impostas polo goberno pero de preocupación polas nosas crianzas, propoñemos ás autoridades o seguinte sistema organizativo para a súa valoración, para que as nosas fillas e fillos poidan saír a espazos ao ar libre axiña:

©

Está pensada para familias que non dispoñen de xardín, horta ou espazo exterior análogo (do que xa está a gozar quen o posúe).

Está pensada para familias que non dispoñen de xardín, horta ou espazo exterior análogo

Todo se organizaría arredor da data de nacemento da crianza. Este sistema permitiría segregar as crianzas e evitar aglomeracións.

O tempo de permanencia no exterior sería de 30’ máximo en días alternos, quedando sen adxudicar os domingos. A hora da saída vén fixada polo mes no que se nace: 12 posibles horas de saída (nas que habitualmente as crianzas que non dormen sesta están espertas) que se corresponden cos 12 meses do ano.

Por exemplo, unha nena nacida o 2 de abril do ano 2016 podería saír os martes, xoves e sábados, entre as 4:00 e as 4:29h. da tarde. Un neno nado o 27 de novembro do ano 2009 podería saír os luns, mércores e venres, entre as 11:30 e as 11:59h.

No caso de familias monoparentais con máis dunha crianza, a nai/ pai podería saír con todas as crianzas xuntas no horario dunha delas.

 

Notas

1 Guanghai Wang, Yunting Zhang, Jin Zhao et al.: «Mitigate the effects of home confinement on children during the COVID-19 outbreak», in The Lancet, volume 395, issue 10228, p. 945-947, 21 de marzo de 2020.

2 https://www.change.org/p/ministerio-de-sanidad-empat%C3%ADa-y-respeto-a-los-derechos-y-necesidades-de-la-infancia-en-la-crisis-del-coronavirus?use_react=false

3 https://www.elconfidencial.com/espana/2020-03-22/coronavirus-millones-ninos-espanoles_2509379/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.