O presidente galego reduce a unha “mala interpretación” as diferenzas entre Xunta e Goberno central sobre os respectivos estudos epidemiolóxicos do coronavirus
Os reproches constantes a todo tipo de decisións do Goberno central sobre a crise do coronavirus que vén lanzando Feijóo chegan tamén a anuncios aínda non concretados como o lanzado este sábado por Pedro Sánchez de que a partir do 27 de abril vaise “aliviar” o confinamento da infancia. Sánchez avanzou que os expertos están a tomar como “punto de referencia” os 12 anos, sen dalo como seguro, ao que este domingo, tras unha nova reunión por videoconferencia dos presidentes autonómicos, Feijóo respondeu cun novo reproche: “Non se entende moi ben por que 12 anos”.
Tras sumarse hai unha semana ás diversas voces que viñan reclamando algún tipo de facilidade para que nenos e nenas poidan saír á rúa nalgún momento, o anuncio de Sánchez este sábado de que así será a partir do 27 de abril, sen concretalo, levou a Feijóo a amosar a súa satisfacción. Porén, afeou que “esa competencia abocouna para si de forma moi celosa o Goberno central” e dixo non entender por que os 12 anos e non os 14 anos que é a idade límite para atención pediátrica no sistema público de saúde.
Feijóo reclama a Sánchez unha “folla de ruta para o desconfinamento” ao tempo que pide agardar aos estudos epidemiolóxicos antes de decidir a posible apertura por territorios
Na súa comparecencia deste domingo Feijóo reiterou reproches previos ao Goberno central como demoras na toma de decisións, descoordinación, falta de subministros e engadiu novos como a necesidade de contar canto antes cun protocolo sobre o uso de mascarillas ou cunha “folla de ruta” aproximada sobre os pasos a dar durante o desconfinamento. Porén, ao tempo o presidente galego pediu agardar a ter estudos epidemiolóxicos antes de pronunciarse sobre como acometer esas seguintes fases de xeito territorial.
Sobre eses estudos epidemiolóxicos, e despois de que o sábado Sánchez reclamase a Feijóo que axude no que avanzara o Goberno central antes de que a Xunta anunciase outro máis amplo, este domingo o presidente galego reduciu as discrepancias a unha “mala interpretación”. Segundo Feijóo, na reunión por videoconferencia deste domingo Sánchez non lle dixo nada ao respecto e el mesmo, asegura, ofreceulle os datos que obteña o galego, do que salientou que nunha primeira vaga chegará a 50.000 persoas fronte ás 4.000 previstas polo estudo estatal en Galicia.
Sobre a situación das residencias Feijóo admite que "seguro que tivemos bolsas de ineficiencia, sobre todo ao principio”
A preguntas dos xornalistas sobre a xestión por parte da Xunta das residencias de maiores, onde se está a producir unha maior incidencia do virus e se están a detectar diversas eivas de funcionamento, Feijóo admitiu que “seguro que tivemos bolsas de ineficiencia, sobre todo ao principio”, pero gabou que o goberno galego se “fixo cargo” de varias malia que “a maioría son privadas, nin sequera da comunidade autónoma”. Nada dixo Feijóo de que a Xunta leve anos renunciando a construír residencias públicas nin de que, por riba da súa titularidade, a autonómica é a administración que ten as competencias para controlar ese tipo de establecementos.
Tras rematar a comparecencia de Feijóo, o Goberno galego informou de que na tarde deste domingo o presidente manterá un novo encontro cos representantes da oposición, cos que non se reúne desde hai dúas semanas.