O presidente salienta que para o desconfinamento progresivo “moi probablemente a unidade de acción non sexa a comunidade autónoma”
Na súa comparecencia deste sábado o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, tamén afeou ao da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o seu anuncio de que realizará en Galicia un estudo epidemiolóxico máis amplo que o previsto polo Estado empregando precisamente os test de detección enviados por este.
Foi a TVG a que preguntou a Sánchez de xeito específico polo estudo anunciado por Feijóo salientando que sería máis amplo que o estatal. O presidente do Goberno central respondeu sentenciando que “o estudo epidemiolóxico o ten que desenvolver o Goberno de España” e que a súa mostra é “suficientemente representativa” e está liderado por “unha institución tan recoñecida como o Instituto Carlos III” de sanidade, reclamando a continuación que “todos os recursos” que o Estado está a destinar ao resto de administracións se empreguen seguindo as pautas e prioridades estatais. “Entendo que haxa presidentes que queiran facer outras cousas, eu o respecto, pero é moi importante que os cidadáns nos vexan da man”, sentenciou Sánchez.
Tamén a pregunta da TVG, pero especificando que non era unha pregunta propia senón da Forta, a entidade que agrupa ás televisións autonómicas, Sánchez insistiu en que o desconfinamento progresivo no que agora comezará a traballar o seu Goberno será moi variable e “moi probablemente a unidade de acción non sexa a comunidade autónoma” senón a partir doutras divisións territoriais inferiores.
Feijóo transmitiu a través das redes sociais o seu agradecemento ao presidente do Goberno central por que fose “sensible á proposta de que os nenos poidan saír puntualmente”
Este domingo Sánchez e Feijóo teñen previsto manter, xunto co resto de presidentes autonómicos, unha nova reunión por videoconferencia tras a que o titular da Xunta volverá comparecer publicamente. Porén, este mesmo sábado, poucos minutos despois da comparecencia de Sánchez co seu anuncio de que se aliviará o confinamento dos nenos e nenas, Feijóo transmitiu a través das redes sociais o seu agradecemento ao presidente do Goberno central por que fose “sensible á proposta de que os nenos poidan saír puntualmente”.