Sánchez anuncia un “alivio” do confinamento da rapazada a partir do 27 de abril

Pedro Sánchez durante a comparecencia deste sábado 18 de abril CC-BY-SA Praza Pública

O presidente do Goberno central avanza que “un sistema de marcadores” advertirá “en cada momento, en cada territorio” da evolución da pandemia para tomar “medidas de desescalada progresivas en cada un deses territorios”

O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, vén de anunciar, nunha nova comparecencia televisiva na tarde deste sábado, que a partir do luns 27 de abril vaise “aliviar” o confinamento dos nenos e nenas polo coronavirus. Sánchez non concretou as características dese "alivio", que dixo que deberá debater cos presidentes das autonomías a partir das recomendacións dos expertos, pero concretou que o "punto de referencia" para a medida será a lei de saúde que establece os 12 anos como límite da infancia . 

Segundo o presidente, que confirmou que a próxima semana pedirá ao Congreso unha nova ampliación do estado de alarma ata o sábado 9 de maio, esta non vai ser igual que as anteriores senón que “imos estar sucesivamente en distintos estados de alarma” con distintas características, entre as que salientou a flexibilización para a rapazada. 

Sánchez, este sábado 18 de abril CC-BY-SA Praza Pública

“Se advertimos o menor risco, deterémonos e se é necesario reforzaremos novamente as medidas de protección”

Sánchez tamén avanzou que nesta seguinte fase o Goberno pretende implantar un “sistema de marcadores” que advertirán “en cada momento, en cada territorio” da evolución da pandemia para tomar “medidas de desescalada progresivas en cada un deses territorios” ao tempo que se implantan diversas medidas de control en diversos eidos. Unha "desescalada" por territorios que non quixo fixar en comunidades autónomas ou concellos senón en función do que digan os expertos. “Se advertimos o menor risco, deterémonos e se é necesario reforzaremos novamente as medidas de protección”, matizou.

Sánchez di que a proposta de acadar un gran pacto de Estado de reconstrución económica e social está a ter boa receptividade

O titular do Executivo salientou que a situación mellorou “grazas á disciplina social”, que nas últimas cinco semanas salvou, dixo, “decenas de milleiros de vidas”, pero os logros aínda son “insuficientes” e “fráxiles”. “Antes do estado de alarma cada persoa contaxiaba de media máis de tres persoas”, salientou, e “hoxe grazas ao esforzo de todos, de todas, o índice de reprodución está por baixo do un”.

Sánchez dixo que este domingo trasladará aos presidentes das autonomías as medidas que avanzou este sábado e que a próxima semana farao no Congreso ao pedir a prórroga do estado de alarma. A eles, dixo, comunicará tamén a boa receptividade que di estar a ter a proposta de acadar un gran pacto de Estado de reconstrución económica e social. 

Sánchez tamén reclamou a Feijóo que axude no estudo epidemiolóxico estatal e afeoulle que queira “facer outras cousas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.