O pleno do Congreso avalou este xoves, con 270 votos a prol, a segunda extensión do estado de alarma polo coronavirus, nesta ocasión ata o vindeiro 26 de abril. Como xa fixera o pasado sábado, Pedro Sánchez deixou claro na súa intervención que a súa previsión pasa por ter que solicitar novas extensións; "o incendio da pandemia está baixo control" e mesmo é posible falar de "datos alentadores". Pero "se o ascenso foi duro, non o será menos o descenso".
Nunha sesión marcada polas medidas de seguridade para evitar contaxios -máis de 300 membros do Congreso votaron a distancia e mesmo o PP desistiu a última hora de ter case medio cento dos seus escanos cubertos-, o presidente do Goberno central xuntou votos dabondo para prorrogar a alarma. Pero os apoios semellan menos viables para tecer o que o líder do PSOE denomina pacto de "reconstrución" tras a pandemia no eido sanitario pero tamén no económico e social.
O Goberno central prevé aprobar un "ingreso vital ponte" que "entre en vigor de forma urxente" mentres "se desenvolve un ingreso mínimo vital definitivo", avanzou Iglesias este xoves
Para este último, o Executivo central ultima unha renda mínima para persoas especialmente afectadas na súa economía persoal pola covid-19 mentres o Ministerio de Seguridade Social ultima un "ingreso mínimo vital" con carácter máis permanente. Así o avanzou este xoves o vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, quen avanza que este mesmo xoves, el mesmo e os titulares de Seguridade Social e Traballo, José Luis Escrivá e Yolanda Díaz, abordaron con "sindicatos e colectivos sociais" o "impulso dun ingreso vital ponte" que "entre en vigor de forma urxente" mentres "se desenvolve un ingreso mínimo vital definitivo".
"Puiden constatar en conversas telefónicas que grandes empresarios de grupos económicos moi relevantes" tamén "ven positiva esta medida" de "xustiza social", afirmou. Contra o final da tarde, a patronal CEOE cargou contra a a iniciativa nun duro comunicado.
"A normalidade só será plena cunha vacina eficaz"
"Non coñecemos que tipo de normalidade recuperaremos"
Como informa Irene Castro para eldiario.es, nas intervención de Sánchez abondaron as mencións a un levantamento gradual do confinamento nas seguintes fases do Estado de alarma na que a vida cotiá tal e como a coñeciamos antes da pandemia estará aínda lonxe. "Non coñecemos que tipo de normalidade será a que recuperemos. Haberá aspectos económicos e sociais da nosa forma de vivir que deberán ser modificados", advertiu Sánchez.
O seu gabinete, avanza, traballa en diferentes escenarios para un levantamento das restricións que será, en calquera caso, gradual e ditado polos indicadores epidémicos dentro e fóra do Estado. "Cada avance semanal que arroxen eses marcadores fará posible a apertura de novos espazos e o levantamento de restricións á nova normalidade", explicou Sánchez antes de subliñar que a "normalidade só será plena cando o mundo dispoña dunha vacina eficaz".
"Cada avance semanal" dos datos da pandemia "fará posible o levantamento de restricións á nova normalidade", advirte Pedro Sánchez
No marco dunha defensa xeral das medidas adoptadas, pero advertindo tamén que "occidente chegou tarde" ás medidas e "España non é unha excepción", Pedro Sánchez repetiu tamén o seu ofrecemento dun pacto para a "reconstrución" tras a covid-19. Con esta intención, avanza, convocará a vindeira semana a representantes das comunidades autónomas e tamén dos principais sindicatos e organizacións empresariais. Ese sería o escenario no que Sánchez querería tecer a súa versión dos Pactos da Moncloa, a cal con esa formulación nin sequera atopa gran eco nos socios parlamentarios que, alén de Unidas Podemos permitiron a súa investidura.
Dese eventual acordo desmarcouse o popular Pablo Casado -cuxo grupo votou a prol da prórroga-. Entre acusacións de "mentir" e "confinar a democracia", o líder popular asegurou que mesmo valorará opoñerse ás seguintes prórrogas por mor do "ton" dos socialistas. Pola banda da extrema dereita de Vox, as súas intervencións serviron para pedir a dimisión do Goberno en pleno.
O BNG ve "precipitado e irresponsable" reactivar a actividade non esencial
Coa prórroga do estado de alarma si concordou o deputado do BNG, se ben Néstor Rego, igual que outros voceiros como o representante de ERC, Gabriel Rufián, considerou "precipitado" e mesmo "irresponsable" que tras a Semana Santa finalice o veto a toda a actividade non esencial. "Retomar a actividade en centros de traballo en moitos casos masificados e sen as debidas condicións de seguridade supón abocar" o persoal "a un risco de contaxio", advertiu.
Rego reprocha a "centralización" que, di, "foi aproveitada de forma impúdica por Feijóo para ocultar a súa inoperancia tras once anos"
Para Rego, cando imos camiño dun mes de confinamento e medidas excepcionais fronte á pandemia tamén é posible afirmar que a "centralización desta emerxencia sanitaria demostrou ser errada e ineficaz.". "O Goberno puido optar por coordinar os esforzos de quen ten que traballar sobre o terreo, mais optou por centralizar", lamentou nun contexto no que coida que esa decisión "foi aproveitada de forma impúdica e descarada por Núñez Feijóo" para, tras "once anos de precarización da sanidade pública, tratar de ocultar a súa propia inoperancia" co "permanente pretexto de que carece de competencias".