Hai hoxe un mes e un día, o 4 de marzo, confirmábase o primeiro caso de coronavirus covid-19 detectado en Galicia. Aquel mesmo día, o actual presidente da Xunta e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo xuntaba "máis de 600 persoas" en Santiago para falar da xestión do seu Goberno nun acto de precampaña e o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentaba o seu proxecto electoral nun almorzo informativo en Madrid cheo de cargos do Goberno central e de representantes de diversos sectores económicos. A líder e candidata do BNG, Ana Pontón, xuntábase coas integrantes da lista do Bloque por Ourense e ofrecía unha conferencia na Coruña e o cabeza de cartel de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, ultimaba unha viaxe á Arxentina mentres a coalición analizaba unha enquisa que situaba o PP ao bordo de perder a maioría absoluta e o Goberno galego.
No día en que se confirmou o primeiro caso de coronavirus en Galicia, todas as forzas políticas mantiñan con normalidade unha axenda de precampaña que desembocaría neste 5 de abril, nunha mobilización de centos de miles de persoas impensable en pleno confinamento
Ningunha das forzas políticas galegas condicionou a súa axenda daquel día por mor da pandemia do coronavirus. Apenas mudara tampouco a dinámica na Xunta, que desenvolveu máis de vinte actos por toda Galicia naquela xornada, introducindo como principal variación unha comparecencia non prevista do conselleiro de Sanidade para confirmar, precisamente, o primeiro caso confirmado da covid-19.
Todos, ao cabo, preparábanse naquelas días para a cita electoral que un mes antes Alberto Núñez Feijóo decidira adiantar para este domingo, 5 de abril. Nesta xornada terían que estar abertos 2.408 locais electorais para albergar 3.952 mesas cos seus correspondentes membros e representantes dos partidos políticos para velar polo correcto desenvolvemento dunha votación á que estaban chamados máis de 2 millóns de votantes. Unha mobilización de centos de miles de persoas a escasa distancia unhas doutras tras dúas semanas de mitins, paseos, bicos e apertas que semella ciencia ficción nos tempos do confinamento.
As eleccións do 5 de abril quedaron desconvocadas o pasado 18 de marzo, cando tres días despois da declaración do estado de alarma os servizos xurídicos da Xunta acabaron de acomodar un procedemento que ningunha lei contempla, frear unhas eleccións xa convocadas. Quedou "sen efecto" a chamada ás urnas, pero non a outra consecuencia do decreto de convocatoria, a disolución do Parlamento. De aí a inédita situación que vive o país.
O adiamento das eleccións deixou sen efecto a convocatoria electoral pero non a disolución do Parlamento, de aí a inédita situación institucional que vive o país
O Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo non entra en funcións dende o 6 de abril, como estaba previsto. O Executivo ten plenas competencias -condicionadas polo estado de alarma- ata que o propio Feijóo rubrique, "ouvidos os partidos políticos", unha nova convocatoria de eleccións que non ten data nin horizonte coñecido. Só existe unha referencia, a da fin legal da lexislatura, nos últimos días de setembro.
Pero o lexislativo está baixo mínimos, disolto. Só funciona a Deputación Permanente, o órgano cunha vintena de membros -máis a Mesa- que "vela polos poderes da Cámara" cando está disolta e na que a función de control ao Goberno está moi limitada: os membros da Xunta só comparecen nela a petición propia ou se o autoriza a maioría absoluta -o PP, neste caso- e non hai marxe para preguntas da oposición ou outras funcións ordinarias de fiscalización.
Parlamento limitado, eleccións sen data e acusacións
Polo momento, dende a declaración da alarma sanitaria celebráronse dúas sesións da Deputación Permanente, ambas organizadas de forma inédita no salón de plenos para respectar as distancias de seguridade e evitar contaxios entre os seus membros. Nunha compareceu o presidente Feijóo e na outra, o vicepresidente Rueda e a conselleira de Política Social, Fabiola García. En ambas abrollou un clima político enrarecido, tenso, por veces triste e cun aquel desacougante. As cifras da pandemia golpean, especialmente as das persoas falecidas. Pero por baixo do virus segue correndo unha precampaña soterrada na que non todas as barallas teñen o mesmo número de cartas.
A desconvocatoria das eleccións chegou tras dúas conversas por videoconferencia de Feijóo cos outros líderes das principais forzas políticas galegas e catro días despois do adiamento, o 22 de marzo, celebrouse unha terceira. O compromiso verbal dende o Goberno foi organizar estes encontros unha vez por semana, pero polo momento non houbo máis, aínda que se prevé que os haxa. Nas forzas da esquerda esténdese a incomodidade. Apenas existen -cando menos, non polo momento- enfrontamentos abertos, pero na actual oposición existe o convencemento de que a maquinaria preelectoral dos populares non está pechada por pandemia.
Na actual oposición existe o convencemento de que a maquinaria preelectoral do PP non está pechada por pandemia, mentres os populares ven a esquerda nunha "deriva irresponsable"
Así o perciben, sinalan fontes das principais formacións da esquerda, dende as intervencións de Feijóo públicas de Feijóo nas que proliferan as críticas ao Goberno central. Tamén o papel que están a xogar os delegados territoriais da Xunta, aos que o presidente cesara para iren nas listas do PP e que foron reincorporados ao Goberno tras a desconvocatoria. Mentres, todas elas procuran oco para as súas propostas en materia sanitaria e social tanto para afrontar a pandemia como para o día despois, co foco posto en ámbitos concretos como as residencias de maiores.
Nesa lóxica, cren, está tamén a dirección dos medios públicos de comunicación e así o plasmaron todos os grupos da oposición nun inédito comunicado conxunto. Mentres, pola banda do PP, consideran que PSdeG, BNG e Común da Esquerda están inmersos nunha "deriva irresponsable" que contrasta coa "lealdade" de Feijóo e así o tentan facer notar tanto nos medios tradicionais como na súa estratexia en redes sociais.
O 5A xa non existe e ninguén pode afirmar cando se volverán convocar as eleccións, en que clima social e político e con que expectativas. Pero poucos negan a existencia dunha precampaña soterrada.