O PPdeG rifa á oposición por unha "deriva irresponsable" co coronavirus e presenta a Feijóo como exemplo de "lealdade"

Miguel Tellado, 'número 2' do PP de Galicia, na súa comparecencia pública © PP

Miguel Tellado pide “respecto aos que traballan por salvar vidas” e, malia os reproches diarios de Feijóo ao Goberno central, asegura que os populares estiveron calados ata agora

Nunha comparecencia pública convocada de urxencia este mesmo xoves, o número 2 do PPdeG, o seu secretario xeral, Miguel Tellado, rifou aos partidos da oposición pola súa “deriva irresponsable” ao criticar a actuación da Xunta fronte ao coronavirus. Ao tempo, o popular presentou ao presidente Feijóo como “exemplo” de “lealdade”. 

Os populares aseguran que “o PPdeG calou cando o Goberno non fixo nada durante semanas”, afirmación que contrasta cos reproches diarios lanzados por Feijóo desde o comezo da crise por considerar que o Executivo de Pedro Sánchez debía trasladar máis material a Galicia malia admitir a dificultade de conseguilo no mercado internacional. “Estivemos calando por respecto á situación na que estamos e ao Goberno, por iso non podemos admitir esta actitude da oposición en Galicia”, di agora Tellado. 

Tellado, na comparecencia deste xoves © PP

Segundo o popular, que como durante a campaña electoral interrompida insistiu na identificación do país co PP e a Xunta, “Galicia non pode entender que mentres todos loitan unidos co mesmo obxectivo, os partidos estean nas súas liortas de sempre”. Tellado chega a pedir á oposición que rectifique “por respecto aos que traballan por salvar vidas”

Nesa liña, censura que “os socialistas que din que non se pode criticar a Sánchez lle botan en cara aos Gobernos autonómicos as cifras de falecidos; as mesmas Mareas de Podemos [en referencia a Galicia en Común] que din que a sanidade está colapsada aseguran que non son necesarios os hospitais de reforzou; ou o mesmo BNG que pide que se poñan os recursos da sanidade privada a disposición da Xunta critica ao Executivo galego cando emprega eses recursos”.

As críticas de Tellado á oposición prodúcense ao tempo que este ten restrinxida a súa función de control da Xunta ao estar o Parlamento disolto

As críticas de Tellado prodúcense ao tempo que a oposición ten restrinxida a súa función de control da Xunta ao estar o Parlamento de Galicia disolto desde a convocatoria das eleccións autonómicas que finalmente non se celebrarán ata que Feijóo o decida unha vez superado o estado de alarma a nivel estatal e a alerta sanitaria en Galicia establecida polo propio Goberno galego. Nese contexto, a única vía de control da oposición á Xunta é a través da Deputación Permanente do Parlamento, o seu máximo órgano co Pleno disolto, na que só están representados uns poucos deputados e na que o PP ten capacidade de veto de calquera petición de comparecencia por parte da oposición. 

Nesa Deputación Permanente, que no que vai de crise do coronavirus só celebrou unha comparecencia do presidente Feijóo, o PP aceptou que comparezan este venres o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, para dar conta das actuacións dos seus departamentos na crise do coronavirus. No que vai de semana non se celebrou aínda a reunión ordinaria do Consello da Xunta, polo que a sesión parlamentaria deste venres para que a oposición pida contas á Xunta pode coincidir cunha nova comparecencia pública do presidente Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.