O decreto que desconvoca as eleccións mantén a decisión da data na Presidencia da Xunta

O inédito decreto de cancelación das eleccións mantén na Presidencia da Xunta a competencia sobra a data da nova convocatoria CC-BY-SA Praza Pública

A edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia publicada na tarde deste 18 de marzo de 2020 é histórica tanto dende o punto de vista legal como político. Nunca antes na historia da autonomía -nin na historia democrática do Estado dende a fin da ditadura- se cancelaran unhas eleccións xa convocadas. Entre outras cousas, porque non existe normativa ningunha que dea aos gobernos, nin sequera aos parlamentos, a competencia explícita de frear uns comicios. 

Pero baixo o estado de alarma decretado para tentar frear os contaxios do coronavirus si foi posible. As eleccións do 5 de abril xa non existen e ábrese un período institucionalmente tan inédito como a propia desconvocatoria. Tras o amplo consenso político sobre a cancelación da cita electoral e o aval da Xunta Electoral para facelo efectivo, o Goberno galego continúa en plenas funcións por tempo indeterminado e as competencias de fixar a nova data continúan onde están en momentos ordinarios, na Presidencia da Xunta.

O decreto sinala que o novo proceso electoral comezará "no prazo máis breve posible" cando estea "levantada a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria"

Alén de debullar a situación sanitaria e xurídica na que se apoia a cancelación e "deixar sen efecto a celebración das eleccións ao Parlamento galego" que o propio presidente convocou anticipadamente o pasado febreiro, o decreto dedica outro breve artigo a bosquexar o que sucederá. Non hai datas concretas nin tampouco referencias temporais máis ou menos difusas. O novo proceso comezará dende cero -incluíndo o censo para, por exemplo, evitar que queden fóra as persoas que fagan 18 anos neste intervalo- "unha vez levantada a declaración do estado de alarma", decisión que depende do Goberno de España, e mais "a situación de emerxencia sanitaria", esta decretada pola propia Xunta.

Os líderes políticos trataron o adiamento electoral e o desenvolvemento da crise sanitaria por videoconferencia e repetirán estes encontros semanalmente CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | PSdeG | BNG | GeC

Terán que ser "ouvidos" os partidos, pero a competencia da convocatoria mantense na Presidencia da Xunta

O decreto tampouco sinala prazos mínimos ou máximos para reactivar o proceso tras a emerxencia. "Realizarase no prazo máis breve posible" e a principal diferenza a respecto dunhas eleccións normais é que será formalizada "ouvidos os partidos políticos", isto é, despois de contactar Feijóo cos líderes das forzas máis representativas. Estes contactos serán semanais por videoconferencia nos vindeiros tempos para compartiren información sobre a crise sanitaria. Unha vez "ouvidos", en calquera caso, a decisión segue recaendo na Presidencia da Xunta, que a formalizará nun novo decreto.

Este é o escenario institucional no que o único horizonte certo é o do remate da lexislatura, toda vez que as do 5A eran eleccións anticipadas. Dado que o Parlamento da décima lexislatura se constituíu o 21 de outubro de 2016, o seu mandato expira aos catro anos -como fixa o Estatuto de Autonomía- e, en virtude da lei de eleccións ao Parlamento de Galicia, o límite para convocar novos comicios sitúase en 25 días antes desa data límite.

Daquela, Feijóo pode decretar a súa decisión, a máis tardar, nos últimos días de setembro deste 2020. En ningunha instancia se manexou a posibilidade, cando menos de momento, de abordar un escenario aínda máis inédito e politicamente comprometido, o dunha eventual extensión da lexislatura alén da súa duración legal.

Actos de precampaña dos comicios do 5A, que non se celebrarán CC-BY-SA PP | PSdeG | BNG | GeC

Todos os principais partidos apoiaron o adiamento e sinalan como "prioriade" a loita contra a crise sanitaria; non obstante, a actual oposición cre imprescindible que o Goberno teña control parlamentario neste transo inédito

Con todos estes elementos sobre a mesa, o conxunto de forzas políticas reiteran o seu apoio ao adiamento e repiten en todas as súas intervencións públicas que a "prioridade" e a loita contra a pandemia e o reforzo dos servizos públicos para facelo. Non obstante, dende as formacións da actual oposición reiteran tamén a necesidade de que no período que agora se abre, a Deputación Permanente do Parlamento poida ter competencias de control do Executivo máis amplas do que é habitual. Coas regras ordinarias, depende da maioría absoluta -neste caso, do PP- que calquera membro do Goberno compareza ou responda preguntas ante este órgano. 

Na esquerda agardan que o "consenso" que presidiu o adiamento se manteña para permitir que os grupos do lexislativo conserven a súa función de control nesta situación. Caso contrario, advirten, daríase un escenario non contemplado pola lei: o dun Goberno en plenas funcións sen control parlamentario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.