As forzas políticas coinciden en adiar as eleccións galegas nun transo institucional inédito polo virus

A crise do coronavirus encamiña as eleccións ao adiamento CC-BY-SA Foto: Parlamento de Galicia | Icona: dDana/Noun Project

Un Goberno con plenos poderes, pero minguado nos seus efectivos e co Parlamento disolto. É a situación institucional na que chegou a Galicia a crise do coronavirus, que na última semana precipitou todo un paquete de restricións de movementos e actividade cotiá para frear os contaxios da doenza. As mesmas medidas que levaron ás principais forzas políticas a asumiren a conveniencia de adiar as eleccións galegas previstas para o 5 de abril, aprazamento que se enfronta a un baleiro legal, a priori, máis doado de salvar baixo o estado de alarma, segundo afirmou Pedro Sánchez este sábado. 

A cuestión do adiamento das eleccións estivo sobre a mesa dende comezos da semana, sempre cun ollo en Euskadi, onde un dos seus territorios, Araba, estivo entre os máis afectados do Estado polo virus dende o inicio da crise. Nesta liña, o martes 10 o actual presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, admitía que tiña "na axenda" a posibilidade do adiamento electoral por "criterios de saúde pública" combinados co "dereito ao sufraxio". Así e todo, evidenciaba, o Goberno galego non conta con instrumento legal ningún para tomar esta decisión.

A Xunta admite dende hai días a preferencia por un adiamento electoral que semella máis factible baixo o estado de alarma; as formas de Feijóo anunciando a suspensión dos actos de precampaña do PP dende a sede do Goberno incomodaron ás forzas da esquerda

Con este pano de fondo, no seo dos partidos políticos estendíase a aposta polo adiamento electoral cando, o xoves 12, a Xunta anunciou a suspensión da actividade lectiva en todos os niveis educativos a partir do día 16. Na comparecencia para explicar as medidas, Feijóo deixou caer que o PP cancelaba toda a súa axenda de precampaña ata, polo menos, o propio luns, cando se celebrará o encontro de líderes políticos que a propia Presidencia da Xunta convocara un día antes, o mércores, xornada na que os populares aínda celebraran actos preelectorais encabezados polo propio Feijóo. O titular da Xunta recomenda, ademais, que todos os partidos fagan o mesmo.

Feijóo, Caballero, Pontón e Gómez-Reino CC-BY-NC-SA Praza Pública

O anuncio e consello en sede institucional non sentou ben nos partidos da esquerda polas súas formas. Dado que todos eles xa comezaran a reducir e suspender actos, interpretaron as palabras de Feijóo en sede institucional como unha utilización do Goberno con fins partidarios. Pouco despois, dirixentes do PP cargaban nas redes sociais contra o PSdeG por non realizar un anuncio formal de suspensión de actos preelectorais. BNG e Galicia en Común, pola súa banda, explicitaban a suspensión de eventos que xa viñan manexando.

Disposición ao acordo sobre o adiamento

Alén da cuestión das diferenzas sobre os actos de precampaña e pola primacía da comunicación á prensa ao respecto antes que ás forzas políticas, cara á final da semana as tres forzas da esquerda explicitaban a súa disposición a unha mudanza na data electoral por razóns sanitarias. Sen "alarmismo", sinalou o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, cómpre "prever calquera escenario" dende o "consenso". O lugar para ese posible acordo debe ser a reunión do luns, á que se remitiu o propio Caballero "nunha conversa telefónica" con Feijóo "a raíz da queixa do líder socialista por non mantelo informado", explican dende o PSdeG.

O luns reúnense as forzas políticas e as formacións da actual oposición piden "consenso" sobre o adiamento, como tamén fai a Xunta Electoral

Por parte do BNG, o venres 13 a súa portavoz nacional e candidata, Ana Pontón, evidenciaba a súa aposta ás claras por adiar as eleccións. "Non se dan as garantías para desenvolvelas con normalidade" e "así o trasladarei na xuntanza do luns", explicou a nacionalista. A propia Pontón viña reclamando dende comezos da semana unha xuntanza das forzas políticas para poñerse "á disposición do Goberno" nas medidas contra o virus, pero tamén para abordar a cuestión do adiamento e pedir detalles das medidas en sede parlamentaria.

Electorado nun colexio electoral, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Merixo

O máis que probable aprazamento sitúa Galicia nunha situación institucional inédita, cun Executivo en plenas funcións politicamente interino

Igualmente, Galicia en Común apostaba abertamente o venres polo adiamento electoral. Co seu candidato, Antón Gómez-Reino, gardando corentena por recomendación médica tras estar en contacto con outros membros do grupo de Unidas Podemos no Congreso expostos á enfermidade, a candidatura non só ratificou a cancelación dos seus actos de campaña, senón que tamén pediu a "suspensión da campaña electoral e das elección ata o control absoluto da emerxencia sanitaria". Así o exporá a formación na xuntanza do luns, alén da cal tamén reclaman que as medidas contra o virus sexan debatidas na Deputación Permanente do Parlamento, toda vez que a Cámara está disolta por mor das convocatoria electoral.

Sexa como for, o máis que previsible acordo sobre o adiamento aínda ten que atopar encaixe legal, con toda probabilidade ao abeiro do estado e alarma e co consenso polo que avogou a Xunta Electoral de Galicia. Restará saber, nese momento, se a decisión do aprazamento trae consigo a fixación dunha nova data ou, pola contra, Galicia se interna nun inédito período cun Executivo legal e formalmente en plenas funcións, pero politicamente interino. Este sábado Feijóo amosouse partidario de non fixar unha data ou non facelo, cando menos, no propio momento do adiamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.