Como xa fixera en anteriores eleccións de todo tipo, pero especialmente nas galegas, este xoves o presidente Feijóo decidiu cesar a unha ducia de altos cargos do seu Goberno para que poidan formar parte das listas electorais do PP, xa que a lei impide compatibilizar os dous postos salvo aos conselleiros, que se dá por feito que tamén irán nas candidaturas. A medida suporá, mesmo no caso de que o PP volva gobernar, que eses cargos da administración quedarán baleiros máis de dous meses, ata que se conforme un novo Goberno galego tras a constitución no novo Parlamento o 5 de maio. Porén, o actual Executivo, agora mermado, non estará en funcións ata o 6 de abril.
Os cinco delegados territoriais do Goberno galego, e os titulares de Emigración, Igualdade ou Turismo, entre os cargos que cesan nas súas funcións para incorporárense ás candidaturas do PP
En concreto, este xoves o Consello do Goberno galego acordou o cesamento dos cinco delegados territoriais da Xunta (Corina Porro en Vigo, José Manuel Cores Tourís en Pontevedra, Ovidio Rodeiro na Coruña, José Manuel Balseiro en Lugo e Marisol Díaz Mouteira en Ourense) así como do secretario xeral da Presidencia, Álvaro López; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Borja Verea; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xeral de Gandaría, Silvestre José Balseiros; e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández Tapias.
O secretario xeral da Presidencia foi nomeado para ese cargo hai menos de dous meses e a delegada en Vigo hai sete
Son significativos os cesamentos do secretario xeral da Presidencia, Álvaro Pérez, e da delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro. O primeiro é persoa de confianza de Feijóo desde hai dúas décadas, pero chegou a ese cargo hai menos de dous meses tras a marcha do seu antecesor, Manuel Galdo, por cuestións “persoais e familiares”.
Pola súa banda, Porro foi nomeada para ese cargo o pasado xullo, hai apenas sete meses, ao tempo que Feijóo lle encargaba tamén que se puxese á fronte do PP vigués tras o seu afundimento nas eleccións municipais. Aquel nomeamento provocou pola súa banda o descabezamento durante dous meses do Consello Economíco e Social de Galicia que presidía Porro ata aquel momento e no que Feijóo recolocaría en setembro ao seu ex-conselleiro e tamén fracasado candidato local en Santiago Agustín Hernández.
En 2016 o cesamento dos delegados fixo aumentar a proxección política do seguinte nivel, os xefes territoriais, que o PP argumentara que ían ser postos técnicos pero que participan en mitins populares
Nas últimas eleccións galegas, as de 2016, a decisión de Feijóo, como agora, de prescindir dos delegados territoriais da Xunta para que poidan ir nas listas electorais do PP fixo aumentar durante varios meses a proxección política do seguinte nivel da administración, os xefes territoriais. Unha figura que o Goberno galego creou en 2009 co argumento de que serían postos técnicos, non políticos, que permitirían aforrar e eliminar a anterior estrutura dunha delegación territorial por consellería para pasar a cinco delegacións de toda a Xunta. A realidade é que neste tempo os xefes territoriais veñen revelándose como persoas de confianza do PP, con presenza nos seus mitins e aos que mesmo se eloxia en público neles.