Os populares volven empregar o Goberno galego como lugar de refuxio ou de paso á espera de mellores postos políticos
Dous anos despois de gañar por terceira vez as eleccións autonómicas asegurando que os galegos “pediron un goberno estable e forte”, Alberto Núñez Feijóo leva dous meses facendo cambios nas estruturas superiores da Xunta, que volven servir como lugar de paso ou de refuxio para membros do PP á espera de mellores postos políticos. Tras a caída do Goberno central de Mariano Rajoy e a medio ano das eleccións municipais do próximo maio, xa son tres os recolocados na Xunta tras perder os seus postos en Madrid, a onde no seu momento chegaran procedentes tamén do Goberno galego. No outro bando, contando as saídas da Xunta dos ex-conselleiros Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela para tentar facerse coas alcaldías da Coruña e Ferrol, a política municipal será o destino de polo momento cinco cargos autonómicos substituídos nas últimas semanas.
As saídas e entradas na Xunta non son novas e do mesmo xeito que xa a vitoria do PP nas eleccións xerais de 2011 supuxo a saída do Goberno galego cara a cargos estatais de varios conselleiros, varios candidatos populares que non lograron facerse coas alcaldías nas últimas eleccións municipais de 2015 foron despois recolocados en San Caetano.
"Neste momento eu teño o Goberno que me gustaría ter", dicía Feijóo poucos días antes de prescindir de Mato e Rey Varela para que o PP intente conseguir as alcaldías da Coruña e Ferrol
Pouco antes de que se iniciase a actual vaga de mudanzas a finais de setembro coa saída de Mato e Rey Varela das consellerías de Medio Ambiente e Política Social, o propio Feijóo admitía que as razóns da súa marcha non se debían aos intereses da Xunta senón aos do PP. “Neste momento eu teño o Goberno que me gustaría ter”, dicía o presidente, xustificando o sacrificio dos seus conselleiros polo “compromiso” do PP coas cidades ou concellos que ao seu ver están actualmente mal gobernados pola esquerda e nos que aspira a que a partir de maio sexan alcaldes os seus ata o de agora cargos autonómicos. Unhas saídas que os populares están aproveitando para buscar oco na Xunta a políticos cesados nos últimos meses de cargos estatais tras a caída de Mariano Rajoy e a chegada ao Goberno central de Pedro Sánchez.
Xa son tres os cargos saídos do Goberno de Rajoy recollidos pola Xunta
A remuda que máis claramente exemplifica como o PP aproveita a Xunta para recolocar os seus cargos produciuse a pasada semana, cando saíu do Goberno galego o ata o de agora director xeral de Emerxencias, Luis Menor, para intentar facerse coa alcaldía de Pereiro de Aguiar. Para ese cargo volveu ser nomeado Santiago Villanueva, que xa o ocupara previamente e que o deixara en 2014 para ser delegado do Goberno central en Galicia, posto do que foi cesado o pasado xuño tras a caída de Rajoy.
O pasado xoves o Consello da Xunta nomeou secretario xeral para o Deporte a José Ramón Lete, que xa ocupara o mesmo cargo con Manuel Fraga e con Feijóo ata finais de 2016, cando marchou a Madrid como máximo responsable do Consello Superior de Deportes, do que vén de ser cesado polos socialistas. A volta de Lete á Xunta supón o cesamento da ata agora secretaria xeral Marta Míguez, que o substituíu en 2016 procedente dun posto técnico no Concello de Ourense e que nos días previos á súa marcha mantivo axenda pública malia que xa transcendera que os seus días no cargo estaban contados. Cando se lle preguntou a Feijóo polas razóns do cambio e pola situación en que quedou Míguez, a resposta do presidente foi que el mesmo lle notificara á implicada o seu cesamento máis dunha semana antes e que “se hai unha persoa que no ámbito do deporte é coñecida non só en Galicia senón tamén en España é José Ramón Lete”.
A saída a finais de setembro dos conselleiros Mato e Rey Varela xa permitira recolocar a outro cargo procedente do Goberno central. Ildefonso de la Campa, que como Villanueva e Lete xa ocuparan postos na Xunta, foi nomeado a comezos de 2017 director xeral de Migracións do Goberno de Rajoy. Tras a remuda no Estado en xuño, volveu á Xunta inicialmente cun posto de gabinete e, tras a marcha de Rey Varela e o ascenso a conselleira de Política Social da anterior directora xeral de Maiores, Fabiola García, De la Campa pasou a ocupar esa dirección xeral.
Contando a Mato e Rey Varela, xa son cinco os cargos da Xunta que a deixaron para intentar mellorar os resultados do PP nas municipais de maio
Durante aqueles cambios en niveis inferiores derivados da marcha dos ex-conselleiros Mato e Rey Varela para presentarse ás municipais tamén se produciu a saída da dirección de Augas de Galicia de Roberto Rodríguez, home de confianza de Mato en cuxa presentación como candidata na Coruña ocupou un lugar destacado. Antes de estar á fronte de Augas, Rodríguez, todoterreo, xa acompañara a Mato na súa etapa como conselleira de Traballo e Asuntos Sociais asumindo daquela a xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Tamén relacionado coas municipais, hai dúas semanas quen deixou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado foi Cecilia Vázquez, que aspirará á alcaldía de Betanzos e que é substituída por Cristina Pichel, ata agora asesora de confianza do como ela lalinense conselleiro de Cultura Román Rodríguez.
Xunto con estes cambios, nos dous últimos meses tamén se produciron outros cuxa motivación directa non parece ser a de recolocar a cargos estatais ou lanzar a cargos autonómicos ás municipais. O máis relevante foi a división da anterior dirección xeral de Ordenación Forestal en dúas direccións xerais de Planificación e Ordenación Forestal, á que se ascendeu a un técnico inferior, José Luis Chan, e o reforzamento nunha nova dirección xeral de Defensa do Monte de Tomás Fernández-Couto, que leva estando á fronte da política de loita contra os incendios baixo unha ou outra denominación as últimas dúas décadas, desde 2009 con Feijóo e entre 1996 e 2005 con Manuel Fraga. Igualmente, do Instituto de Estudos do Territorio saíu a profesora universitaria Inés Santé e entrou Guillermo Evia, home de confianza de Rey Varela cando foi alcalde de Ferrol.
Só dous conselleiros e 11 dos 55 cargos do seguinte nivel permaneceron na Xunta desde o primeiro executivo de Feijóo en 2009
Con todos estes cambios tanto nos postos de conselleiros como no seguinte nivel de secretarías e direccións xerais, do que Feijóo denominou “Goberno 10” co que chegou á Xunta en 2009 só permaneceron con el durante todo este tempo dous conselleiros (o vicepresidente, Alfonso Rueda, e a responsable de Mar, Rosa Quintana) e 11 dos 55 cargos actuais do segundo nivel: o director do gabinete de Feijóo, Álvaro Pérez; a secretaria de Vicepresidencia, Beatriz Cuiña; o director de Xustiza, Juan José Martín; o director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; o director de Función Pública, José María Barreiro; a directora de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o director de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces; o secretario de Universidades, José Alberto Díez; o director de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal; o director de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto; e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Porén, en varios casos as súas competencias ou rango variou neste tempo.