O BNG denuncia incumprimentos masivos das concesionarias de bus permitidos pola Xunta

Unha parada de autobús sen usuarios renovada no rural galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Só 6 das 129 concesións cumpren cos quilómetros que teñen que facer ao ano". Esa foi a denuncia que lanzou este mércores no Parlamento de Galicia o BNG sobre o funcionamento do sistema de transporte público por estrada da Xunta. Unhas concesións ás que, segundo avanzou en exclusiva Praza.gal, o Goberno galego vai dar outros 17 millóns de euros en axudas pola "excepcional situación económica".

Paulo Ríos, deputado do BNG responsable en materia de transporte CC-BY-SA BNG

"Só 6 das 129 concesións cumpren cos quilómetros que teñen que facer ao ano", din os nacionalistas, que falan de empresas con "incumprimentos do 30%" ás que o Goberno galego vai dar máis axudas pola "excepcional situación económica"

Ante as novas axudas que agora vai repartir a Xunta ás súas concesionarias de bus, tamén ás que segundo os seus propios cálculos deberan ter beneficios, o deputado do BNG Paulo Ríos denuncia que as empresas non están a cumprir cos quilómetros mínimos ao ano de servizos que comprometeron cando resultaron adxudicatarias. "A Xunta evita esixir que se cumpran os contratos", di Ríos, porque facelo "suporía un perigo real de que as empresas non fosen quen de aguantar eses contratos, facendo que abandonasen e provocando así a caída de todo o sistema de transporte".

O deputado nacionalista considera "escandaloso que haxa empresas que van recibir cerca de 800.000 euros cando teñen incumprimentos do 30% dos quilómetros requiridos". "Premiamos por incumprir", criticou. Por iso, di que "eses contratos deben ser rescindidos e rescatados, e temos que ir a un novo proceso e a un novo Plan de Transporte feito con rigorosidade e atendendo as necesidades do pobo galego".

Diego Calvo, conselleiro de Presidencia con competencias en Mobilidade CC-BY-SA Xunta de Galicia

As acusacións de Ríos non foron rebatidas polo conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, con competencias sobre Mobilidade, que se limitou a xustificar que os contratos asinados en 2020 para dez anos requiren "axustes". Segundo a súa argumentación, na que nada dixo de incumprimentos dos quilómetros mínimos, hai concesións nas que se foron implantando novos servizos por aumentos da demanda pero noutras xa se chegou ao límite das posibilidades dos contratos e por iso se habilitan axudas ou se rescinden os contratos e se convocan novos concursos, o que xa pasou en 8 das 129 concesións.

O deputado nacionalista criticou que foi a propia Xunta a que deseñou mal ou con pouca flexibilidade esas concesións que agora se demostran insuficientes, entre outras cuestións por prever unha inflación ou incremento dos custos de arredor do 1% ao ano entre 2020 e 2030 cando a realidade vén sendo moi superior. "Non habilitaron mecanismos de revisión dos prezos", criticou. 

Nova Orde de axudas ás concesionarias de buses CC-BY-SA Praza Pública

Porén, ante as críticas de Ríos o conselleiro Calvo escudouse en que é a Asesoría Xurídica da Xunta a que establece en cada concesión cando é posible unha modificación contractual, unha axuda ou a rescisión e convocatoria dun novo concurso.

O PSdeG pide reestruturar todo o transporte interurbano porque "o plan fracasou"

Tamén este mércores o PSdeG preguntou no mesmo Pleno do Parlamento pola rescisión de cinco concesións no sur da provincia de Pontevedra, avanzada tamén por Praza.gal. Calvo argumentou que o incremento da demanda nesa zona levou a ampliar todo o posible os servizos coas concesións ata agora en vigor. Pero que xa non é posible modificalas máis e por iso se resciden para convocar novas concesións moito mellores.

Autobús de Lugove na liña Baiona-Vigo e concesións rescindidas no Val Miñor, Baixo Miño, Ponteareas, Tui e Mondariz CC-BY-SA Praza Pública

Ante esa situación, o PSdeG defendeu a necesidade de reestruturar todo o transporte interurbano tendo en conta as necesidades reais da poboación, que ao seu ver non foron atendidas pola Xunta cando lanzou hai cinco anos o actual plan previsto para dez anos. "O plan fracasou", sentenciou o socialista Carlos López Font.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.