A Xunta permitiu que Monbus incumprise condicións da principal concesión de Galicia durante meses

Raúl López, propietario de Monbus, nunha imaxe de arquivo con Feijóo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG censura a "inxustificable demora" de medio ano do Goberno galego en penalizar a empresa por non detallar o seu persoal, sumado a que non lle esixiu o canon por beneficios ata dez meses despois do previsto e só tras investigalo Contas 

A gran maioría das 127 concesións de buses de Galicia, cuxa renovación obrigada polo Tribunal Supremo culminou a Xunta a finais de 2020, son deficitarias e a Administración ten que compensar as empresas polo servizo público que prestan. Iso non ocorre só en catro delas, nas que son as concesionarias as que deben pagar un canon á Xunta. O máis elevado, de 331.000 euros ao ano -para un volume de negocio en dez anos calculado pola Xunta duns cen millóns-, é o da concesión denominada XG-817, que conecta as principais cidades da Galicia atlántica e enlaza tamén con Lugo e Fisterra. 

Sentenza do TSXG que detalla a demora de máis de medio ano da Xunta en iniciar o procedemento para penalizar a concesionaria das liñas do Eixo Atlántico e conexións con Lugo e Fisterra, controlada por Monbus © Imaxe: Monbus - Montaxe: Praza Pública

A concesión foi adxudicada a un grupo de empresas controlado ao 93% por Monbus -como outras 48 das 127 totais, que suman un negocio de 36 millóns ao ano-, pero malia ser a máis máis relevante de todas a Xunta non a supervisou correctamente cando menos no seu inicio, permitindo que incumprise durante meses varias condicións dos pregos de contratación. 

Monbus controla 49 das 127 concesións, entre elas 3 das únicas 4 que deben pagar canon á Xunta, de 331.000 euros ao ano no caso da concesión XG-817 do Eixo Atlántico

Se o Consello de Contas xa revelara que a Xunta non lle esixira pagar o canon anual ata dez meses despois do previsto, e só despois de que ente fiscalizador comezasea investigar a cuestión, agora é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que revela a "inxustificable demora" de medio ano do Goberno galego en penalizar a empresa por non comunicarlle o persoal que prestaría o servizo, condición que debía cumprir antes de iniciar o contrato e que permitiría aos sindicatos vixiar as condicións laborais do mesmo e as subrogacións de persoal obrigadas.

A Xunta abriu 67 expedientes de penalización a diversas empresas por incumprir a obriga de comunicarlle o detalle do persoal que prestaría os servizos e as súas dedicacións antes de comezar a executar os contratos, como prevían as súas condicións. Pero Monbus recorreu ante a xustiza a sanción de só 1.001 euros que se lle impuxo na concesión XG-817 e agora o TSXG ratifica o seu incumprimento e critica a demora da Xunta en actuar.

Segundo a sentenza, do pasado 9 de outubro, o contrato para a principal concesión de bus de Galicia foi asinado o 9 de decembro de 2020. A empresa non comunicara antes desa data o detalle do seu persoal, como esixía o contrato, pero a Xunta non llo requiriu ata tres meses máis tarde. E malia que a empresa seguiu sen cumprir, non iniciou o procedemento para impoñerlle a penalización prevista ata o 5 de xullo de 2021, máis de medio anos despois. 

"Non se entende que, sendo necesario contar con aquela información previa a tal data, agardara o órgano de contratación ata o 5/7/21 para incoar o procedemento para impoñer a penalización", di o TSXG sobre o que cualifica como "inxustificable demora". Unha demora que a empresa mesmo tentou empregar contra a Xunta no seu recurso xudicial contra a sanción, co argumento de que o obxectivo das penalidades contractuais "non é castigar á contratista, senón conseguir que execute as prestacións", polo que consideraba que o Goberno galego incorrera en desviación de poder. 

O TSXG desbotou ese e outros argumentos da empresa como que xa comunicara á Xunta previamente unha relación de persoal adscrito ao contrato. "Tal documento non consta no expediente administrativo", di a sentenza, que aclara que o que hai nel "é a declaración responsable do representante das catorce empresas agrupadas na UTE XG-817 sobre a dificultade en responder á cuestión". Ademais, o tribunal salienta que a obriga contractual non era só comunicar o persoal á Xunta "senón tamén aos representantes legais dos traballadores e ás asociacións sindicais máis representativas". Un incumprimento que debía ser sancionado con entre 1.000 e 2.000 euros e que a Xunta deixou en 1.001 por considerar que a empresa "tentara, de forma non frutífera, emendar a omisión".

Apuntamento do Consello de Contas sobre o pagamento do canon por parte dasconcesionaria de transporte nas únicas catro concesións das 127 nas que deben pagar, xa que o resto son deficitarias e compensadas con cargos públicos © Consello de Contas

A Xunta tardou dez meses en requirir aos concesionarios o pagamento do canon, e só o fixo despois de que se iniciase unha fiscalización do Consello de Contas, que dixo que "algún deles non tiña intención de realizar o pagamento"

Pero se a Xunta tardou máis de medio ano en penalizar a Monbus por ese incumprimento, máis tempo foi o que tardou en esixirlle o pagamento do canon a que estaba obrigada a concesionaria por operar a liña máis rendible de todas. Segundo revelou hai un ano o Consello de Contas, a data límite para o primeiro ingreso do canon da concesión XG-817 era o 31 de xaneiro de 2021. Pero malia incumprir ese prazo, a Xunta non lle requiriu o pagamento ata o 30 de novembro dese ano, dez meses máis tarde, e só despois de que o Consello de Contas iniciase unha fiscalización das concesións de buses e preguntase ao Goberno galego por esa cuestión. A empresa acabou pagando o 17 de decembro. 

O mesmo desinterese por cobrar o canon amosouno a Xunta nas outras tres únicas concesións, das 127 totais, que estaban obrigadas a facelo por non seren deficitarias, a XG-802, a XG-623 e a XG-635. Só a última delas non está controlada por empresas do grupo Monbus, cuxa participación nas restantes obrigadas a pagar canon oscila entre o 87% e o 100%. Sobre eses concesionarios o Consello de Contas chegou a dicir, sen detallalo, que "algún deles non tiña intención de realizar o pagamento, solicitando nuns casos a exoneración e noutros casos a suspensión do pagamento".

Ethel Vázquez, conselleira responsable de Infraestruturas e Mobilidade cando sucederon os feitos, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.