Contas revela que algunha concesionaria "non tiña intención" de pagar o canon da Xunta e que esta non verificara o seu cumprimento ata que o ente fiscalizador iniciou a súa auditoría
A Xunta reordenou as liñas de bus en Galicia sen ter en conta os medios de transporte de cada núcleo de poboación. Así o asegura o Consello de Contas no informe de fiscalización que vén de publicar sobre o programa de ordenación e inspección do transporte e que abrangue os anos 2019 e 2020.
Logo de que en 2016 o Tribunal Supremo declarase ilegal a prórroga que o primeiro goberno de Núñez Feijóo fixo das concesións de autobuses interurbanos, a Xunta veuse abocada a iniciar o proceso para a súa renovación. Tras varias demoras, rematouno en 2020, despois dun último concurso público dividido no que as liñas de maior demanda, especialmente as do eixo atlántico, acabaron en mans de Monbus, que acudiu da man de Alsa nun procedemento que acabou co TSXG sentenciando que ambas empresas se repartiron o mercado ilegalmente e co Supremo facendo firme esa sentenza e avalando que sexan sancionadas.
Agora, o Consello de Contas analiza nun informe as actuacións da Xunta nos servizos de transporte e nas infraestruturas asociadas en desenvolvemento do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) e conclúe que "non conta cun instrumento de planificación estratéxica que, tendo en conta os diferentes medios de transporte, facilite a mobilidade no conxunto dos núcleos da poboación na comunidade autónoma".
O informe de Contas tamén censura que a Xunta, ata que interviron os seus auditores, non estaba a facer nada para cobrar o canon que deben pagar as concesionarias das liñas máis rendibles.
O informe di que a Xunta "non conta cun instrumento de planificación estratéxica que, tendo en conta os diferentes medios de transporte, facilite a mobilidade nos núcleos da poboación"
O ente fiscalizador dirixe as súas críticas á ausencia dun "instrumento de planeamento para o transporte metropolitano no contorno das áreas máis urbanas". Ratifica así Contas a falta de estratexia da Administración autonómica para o transporte público tanto na globalidade do territorio como na contorna das principais urbes galegas e advirte que "no seu lugar desenvolvéronse determinadas medidas e proxectos que, sen formar parte dunha estratexia previamente formalizada, tratan de fomentar o emprego do transporte público nas áreas metropolitanas como alternativa ao emprego do transporte privado".
"O PTPG —di o documento— unicamente require que na redacción de cada un dos proxectos de explotación se atenda especialmente ás novas estacións intermodais que se promovan nas principais cidades de Galicia".
Ante todas estas eivas, Contas insta a Xunta a "contar cun instrumento de planificación estratéxica de mobilidade que teña en conta os distintos medios de transporte e as infraestruturas necesarias". "Débense potenciar os intercambiadores como elementos fundamentais para articular a mobilidade, en particular nas cidades e na súa conexión coa periferia", di.
"Non consta que a Dirección Xeral de Mobilidade desenvolvera actuación algunha" para comprobar que as concesionarias estaban a pagar o canon a que se comprometeran, censura Contas
Ademais, o informe tamén revela que a Xunta, ata que interviron os auditores do Consello de Contas, non estaba a facer nada para requirir ás empresas o pagamento dos canons fixados ás concesións máis rendibles. Eses canons, nas liñas nas que así se estableceron, son "unha obriga contractual do concesionario e como todas as obrigas obviamente debe ser obxecto de control e seguimento por parte da Administración", di Contas. Porén, engade que "non consta que a Dirección Xeral de Mobilidade desenvolvera actuación algunha para verificar o cumprimento desta obriga do concesionario ata que unha vez iniciados os traballos de fiscalización por parte do equipo de auditoría se comprobou o cumprimento do pagamento por parte dos concesionarios".
Nese momento, di Contas, "comeza unha comunicación cos concesionarios para interesarse polo pagamento, onde se evidencia que algún deles non tiña intención de realizar o pagamento, solicitando nuns casos a exoneración e noutros casos a suspensión do pagamento".
O resultado foi que malia que as empresas que deben pagar canon polas súas concesións teñen que facelo antes do 31 de xaneiro do ano seguinte, houbo empresas que o pagaron con máis de 300 días de demora, un atraso que Contas constata que se acurtou "considerablemente" ao ano seguinte.
Contas insta a Consellería a "reforzar o control do pagamento do canon pola explotación do servizo" cando as empresas non paguen en prazo
A entidade fiscalizadora cre que "a Consellería debe reforzar o control do pagamento do canon pola explotación do servizo nos casos en que as empresas concesionarias non realicen o ingreso no prazo estipulado".
Por outra banda, o informe pon tamén o foco na posición dominante de Monbus no mercado, destacando que as compañías concorren ao concurso fundamentalmente a través de UTES e que nestas "existe unha importante diferenza na participación das empresas que a forman".
Así, advirte de que "a porcentaxe de participación das pemes nas UTES foi moi minoritaria" e que entre estas unións "destacan as participadas por empresas vinculadas ao grupo Transmonbus, Autobuses Urbanos de Ponferrada e Empresa Montañesa, cunha participación entre o 90 e o 98%".
O documento fiscalizador recomenda á Administración que, para "fomentar unha maior participación das pemes e evitar a concentración en grupos empresariais con participación dominante, valore "a incorporación de maiores esixencias nas condicións de participación das UTES nos procesos de licitación". "Resulta esencial, para verificar a compatibilidade das UTES co dereito da competencia, a análise da necesidade obxectiva da súa constitución", adivirte.
Escaso peso do criterio de calidade ambiental
Contas tamén chama a atención sobre o feito de que a Consellería "non teña elaborado un documento específico con indicadores cuantificables e de fácil medida e protocolos para o seu manexo operativo, que permitan realizar o seguimento do cumprimento dos obxectivos dos novos contratos de concesións".
Así, o Consello de Contas recomenda "reforzar o seguimento dos contratos de concesión para levar a cabo os axustes necesarios na orientación dos obxectivos"
Tamén sinala o informe que "o criterio de calidade ambiental foi o que menor peso acadou na puntuación dos criterios de adxudicación automáticos".
"Nas próximas convocatorias de concesión, para acadar unha maior calidade do servizo, débese outorgar maior puntuación ás condicións medioambientais das propostas das empresas e controlar os requisitos esixibles aos vehículos en circulación, así como ter en conta as reclamacións e suxestións dos usuarios que poñen de manifesto deficiencias na prestación ou propoñen melloras no servizo", conclúe.