O Tribunal Superior di que Monbus e Alsa se repartiron o concurso da Xunta para renovar as liñas de bus e ordena sancionalas

Autobuses de Monbus nunha imaxe de arquivo na antiga estación de Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

Competencia da Xunta arquivou unha denuncia de posible amaño sen sequera investigala pero o TSXG di que hai “máis que unha fundada sospeita” de que as empresas pactaron para ter “unha posición dominante, senón excluínte” do sector 

A participación conxunta de Monbus e Alsa nos concursos convocados pola Xunta para renovar as principais liñas de autobús de Galicia “non está xustificada e responde á conduta, prohibida, de repartirse o mercado”. Así o considera o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que este martes fixo pública unha sentenza na que ordena á Comisión Galega da Competencia iniciar un expediente sancionador contra as dúas empresas. Competencia, nomeada pola Xunta e á fronte da que está o seu ex-alto cargo e ex-deputado Ignacio López-Chaves, nin sequera investigara o caso cando unha empresa prexudicada o denunciara e arquivouno argumentando falta de indicios, algo que o TSXG nega.

Antes desta denuncia xudicial a CIG tamén denunciara formalmente á Xunta o acordo acadado por Monbus e Alsa para presentarse xuntas ás principais liñas do concurso público e non competir entre elas. Pero o Goberno galego rexeitara a petición do sindicato de trasladar os feitos á Comisión Galega da Competencia e tamén arquivara a cuestión. 

Un autobús de Alsa en Ferrol nunha imaxe de arquivo © Alsa

Segundo a sentenza agora feita pública polo TSXG, unha empresa de consultoría en materia de transportes que asesorou outras empresas perdedoras no concurso para renovar as principais liñas de bus de Galicia denunciou ante Competencia o acordo acadado por Monbus e Alsa. Este non foi ningún segredo, senón que consistiu en que esas dúas empresas se presentaron xuntas a través de unións temporais (UTE) aos principais dos 29 lotes en que a Xunta dividira o concurso. Pola contra, non se presentaron por separado no resto de lotes, co que nunca competiron entre elas. Isto é, aos lotes aos que se presentaron as dúas principais empresas do sector, fixérono xuntas, mentres que no resto de lotes presentouse unha ou outra pero non as dúas por separado, evitando así competir entre elas.

Cando a CIG denunciou este feito ante a Xunta, esta limitouse a pedir explicacións ás empresas e dar por válidos os seus argumentos de que decidiran presentarse xuntas en varios lotes para aproveitar sinerxías. 

O TSXG acolle unha demanda dun empresa prexudicada, pero xa antes a CIG tamén denunciara os feitos e a Xunta limitárase a dar por boas as explicacións que lle deran Monbus e Alsa

Agora, ante a denuncia da consultora afectada, o TSXG di que “o feito de que Alsa e Monbus concorresen en UTE a 5 lotes (entre eles, os 4 de maior importancia económica) e sen concorrer por separado a ningún dos outros 24 lotes, non pode interpretarse, conforme ás regras da lóxica e as pautas da experiencia, como unha ‘casualidade’ senón que ha de considerarse como unha ‘causalidade’ dun acordo, previo”. 

O tribunal di que a participación conxunta de Alsa e Monbus “non está xustificada e responde á conduta, prohibida, de repartirse o mercado”. “Preséntanse en UTE as dúas empresas de maior nivel e tamaño económico, e calquera delas, por separado pode optar en mellores condicións que o resto das licitadoras aos lotes en que concorreron en UTE e, ademais, participan noutros separadamente, pero evitando competir”, argumenta a sentenza.

Sentenza do TSXG que constata o acordo entre Monbus e Alsa para repartirse o mercado en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Ante estes feitos o tribunal considera que a Comisión Galega da Competencia non debía arquivar o caso. Tamén censura que tivese a denuncia baixo o procedemento de “información reservada” durante “un ano e nove meses, sen practicar ningunha dilixencia, como inspeccións que podería realizar incluso nos domicilios particulares das empresas”. Por iso cualifica de “ineficiente” o seu traballo “ao deixar de investigar as cuestións postas de relevo polas denuncias, sen comprobar as mesmas”.

Fronte á inacción neste caso da Comisión Galega da Competencia, en 2021 si sancionou a tres empresas de buses máis pequenas por pactar entre elas

Fronte á pasividade de Competencia, o TSXG di que houbo “un indicio racional e bastante de concerto para obter unha posición dominante, senón excluínte, do transporte público galego”, o que precisaba dunha “investigación coa tramitación dun oportuno e procedente expediente sancionador”. 

A Comisión Galega da Competencia que arquivou este caso sen sequera investigalo ten un Pleno composto por tres membros: o seu presidente é o ex-deputado do PP e ex-alto cargo da Xunta Ignacio López Chaves, e as vogalías recaen na tamén ex-deputada do PP e profesora da USC María Teresa Cancelo e no igualmente profesor da USC Daniel Neira. Fronte á inacción de Competencia neste caso, en 2021 o mesmo organismo si sancionou tres empresas de autobuses máis pequenas por pactar entre elas as súas ofertas.

Ignacio López-Chaves na súa toma de posesión como presidente da Comisión Galega da Competencia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.