Multa de 150.000 euros a tres empresas por intentar amañar dous contratos de bus escolar de 32.000 con ofertas pactadas entre elas

As empresas de autobuses aférranse ao transporte escolar como principal garantía de ingresos regulares CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras non investigar ás grandes do sector noutro contrato, a Xunta sanciona a tres pequenas firmas supostamente competidoras entre elas pero que presentaron as súas candidaturas na mesma oficina de correos con oito minutos de diferenza

A Comisión Galega da Competencia, presidida polo popular Ignacio López-Chaves, vén de sancionar con multas que suman 150.000 euros ás empresas Autos Morán SL, Muralla Bus SL e Autocares Darriba SL por pactar as súas ofertas nun concurso público da Consellería de Educación para facerse con dous contratos de transporte escolar en Lugo que sumaban uns 32.000 euros. Xunto coa multa económica, a sanción establece a prohibición de que a Administración contrate con esas empresas servizos de transporte escolar na provincia de Lugo durante tres meses. A resolución, asinada o pasado decembro e adiantada por La Opinión, pode ser recorrida ante a xustiza. 

A sanción do Comisión Galega da Competencia contra estas tres pequenas empresas chega despois de que a Xunta se negase a remitirlle ao mesmo órgano para que a investigase unha denuncia da CIG sobre outro concurso de transporte regular de varios millóns de euros de importe con dúas grandes do sector implicadas, Alsa e Monbus, que non competiron entre elas en ningún dos 29 lotes daquel contrato e concorreron xuntas en catro deles.

Fragmento da sanción de Competencia na que reflicte que as tres empresas que supostamente competían entre si presentaron as súas ofertas na mesma oficina de correos con poucos minutos entre elas CC-BY-SA Praza Pública

Competencia di que as tres empresas coordinaron as súas ofertas "do xeito máis beneficioso aos seus intereses comúns, en detrimento dos demais licitadores e da Administración"

Segundo a sanción agora imposta por Competencia, as ofertas presentadas polas tres empresas a dous lotes do concurso de transporte escolar para o curso 2018-19 na cidade de Lugo, nos que supostamente debían competir entre elas, “non só non foron independentes, senón que esa falla de independencia debeuse a unha evidente concertación de vontades” para “incidir no seu favor nunha licitación pública, priorizando a unha das empresas (Muralla Bus SL), na que tiñan intereses comúns, e prensentando outras dúas ofertas (Autocares Darriba SL e Autos Morán SL) coa intención de coordinalas do xeito máis beneficioso aos seus intereses comúns, en detrimento dos demais licitadores e da Administración Pública licitadora”.

Os documentos das tres ofertas tiñan similares formatos e "os mesmos erros nos tres"

Competencia relata na súa resolución como as tres empresas, que xuntas sumaron en 2019 unha facturación de 3,7 millóns de euros, comparten socios ou administradores. Malia que teñen as súas sedes en Lugo, Cospeito e Mondoñedo, as tres presentaron as súas respectivas ofertas para os dous lotes do concurso o mesmo día na oficina de correos de Monfoñedo ás 13.52, 13.56 e 14.00 horas. Nos seus documentos, di Competencia, coincidían diversos formatos e “os mesmos erros nos tres”.

Documento no que a Xunta valida as explicacións que lle dan Monbus e Alsa para non competir entre elas © Xunta de Galicia - Monbus

Hai uns meses a Xunta rexeitou enviar a Competencia para que as investigase varias denuncias da CIG que sinalaban, entre outras, a Monbus e Alsa por non loitar entre elas no maior concurso do sector

A sanción a estas tres empresas por intentar amañar este concurso chega despois de que noutro proceso de moito máis importe (29 lotes de liñas de transporte regular por 237 millóns de euros durante dez anos) a Xunta rexeitase investigar varias denuncias formuladas pola CIG contra unha ducia de empresas, entre elas dúas das máis grandes do sector a nivel estatal, os grupos Monbus e Alsa, que concorreron xuntas en catro lotes e non competiron entre elas noutros dez. Nese caso a mesa de contratación da Xunta considerou que non había "indicio fundado" de que as empresas chegasen a acordos entre si para non competir entre elas e rexeitou informar do sucedido á Comisión Galega da Competencia para que o investigase.

Por outra banda, unha das empresas agora sancionadas, Autos Morán, estivo implicada noutro conflito con outra das grandes do sector, Arriva, á que noutro concurso público arrebatou unha das liñas regulares que viña prestando a multinacional. Nese proceso as novas empresas adxudicatarias tiñan que facerse cargo do persoal que prestaba eses servizos para as anteriores concesionarias, pero segundo estableceu o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) Arriva comunicou un número de empregados superior ao real para desfacerse deles e que fosen asumidos por Autos Morán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.